O Parlamento advirte de que levará á Xustiza a quen proteste nos plenos

Protesta na tribuna do Parlamento contra o decreto do carbón CC-BY-NC-SA CIG

O pasado abril a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, encargáballe un informe ao xefe de seguridade da Cámara. Facíao poucos días despois de que un grupo de persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas protestasen dende a tribuna de convidados do hemiciclo e increpasen, xa nos corredores do Pazo do Hórreo, ao conselleiro de Industria, Javier Guerra. No documento, que foi presentado á Xunta de Portavoces da institución parlamentaria, sinalábase que nese grupo de persoas se produciron actitudes "violentas" e tanto dende a Presidencia como dende o PP se manifestou "preocupación" polo sucedido, ademais de lanzar advertencias dirixidas máis ou menos explicitamente aos grupos da oposición sobre a necesidade de que o episodio non se repetise. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi un pouco máis alá e asegurou que a protesta no recinto parlamentario "viola a democracia". Tras dous meses, ese informe deriva en advertencias de acabar nos tribunais.

Así e todo, e malia á belixerancia presidencial, as protestas dende a tribuna de convidados non son unha exclusiva dos últimos tempos, nin sequera da presente lexislatura. Non é estraño que, de cando en vez, colectivos sociais, sindicatos ou outros grupos expresen o seu desacordo con algunha decisión dende ese espazo, en protestas que polo xeral adoitan reducirse a amosar carteis ou camisolas e que conclúen nunha indicación pacífica para abandonar o hemiciclo, sen maiores consecuencias. Antes do acontecido co episodio das preferentes o momento máis tenso por unha destas mobilizacións tivo tamén como coprotagonista ao propio Feijóo, pero nun papel ben diferente. En novembro de 2005, aínda co bipartito acabado de chegar ao Goberno, case 200 alcaldes e alcaldesas do PP acudiron ao Hórreo, megáfonos e pancartas en man, para protestar contra a anulación de obras da Consellería de Medio Rural, aprobadas por Manuel Fraga en período preelectoral. Daquela, o actual presidente rematou na rúa, diante da Cámara, compartindo consignas e berros.

En 2005 Feijóo participou nunha protesta de 200 alcaldes do PP no Parlamento

Case sete anos despois daquela inédita protesta de alcaldes, a Presidencia da Cámara puxo en marcha unha medida igualmente inédita. No derradeiro pleno do período de sesións producíronse dúas destas protestas que, lonxe de provocaren incidentes de relevancia, destacaron pola súa discreción. Na xornada do martes cinco representantes da Plataforma das Artes Escénicas escoitaron dende a tribuna o debate sobre a Cidade da Cultura e, ao remate, erguéronse, en silencio, con senllos autocolantes nas súas bocas para expresar disconformidade co proxecto do Gaiás. O mércores vaias persoas en situación de desemprego, convidadas polo BNG, seguiron a sesión de control e manifestaron con apenas dúas ou tres verbas en voz alta contrariedade coas explicacións de Feijóo a respecto dos datos do paro. Foron precisamente estas persoas, as desempregadas, as que recibiron un escrito con indicacións tan escuetas como contundentes sobre a "orde nas tribunas do Parlamento".

"A Presidencia expulsará os convidados e (...) poderá poñer a disposición xudicial as persoas responsables"

No documento, achegado por persoal da Cámara aos convidados, a Presidencia do lexislativo explica que, "coa finalidade de garantir o normal funcionamento das sesións plenarias", "lembra" varias cuestións, a comezar por que "calquera persoa que no recinto parlamentario, en sesión ou fóra dela, promovese desorde grave coa súa conduta de obra ou palabra será inmediatamente expulsada". Ademais, "os que nas tribunas deren mostras de aprobación ou desaprobación, perturbaren a orde ou faltaren á debida compostura, serán inmediatamente expulsados do pazo". Do mesmo xeito, sinálase, "ninguén poderá realizar gravacións gráficas (fotografías ou vídeos) ou sonoras. E tras os condicionantes, a advertencia: "De se producir estes feitos, a Presidencia expulsará os convidados da sede do Parlamento" e, "tendo en conta o alcance delituoso que prevé o Código Penal, poderá poñer a disposición xudicial as persoas responsables".

 

 

Documento distribuído polo Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.