A presidenta do Parlamento prohíbelles aos grupos convidar a cidadanía aos plenos

Rojo, nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Sen a dureza da Asemblea de Madrid, pero case. Poucos máis dun mes despois de que o lexislativo rexional madrileño prohibise o acceso da cidadanía ás súas tribunas durante os pleno para evitar as protestas a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, vén de tomar unha decisión moi semellante. Apoiándose nos incidentes sucedidos na Cámara o pasado decembro, cando persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas interromperon un pleno coas súas protestas xerando momentos de importante tensión, a dirixente popular vén de prohibirlles aos grupos parlamentarios que realicen convites. De agora en diante, ninguén presenciará un pleno sen a súa autorización.

"O cupo de convidados á tribuna do hemiciclo será administrado pola Presidencia da Cámara", anunciou este venres a xefa do lexislativo galego a través dun comunicado, no que xustifica a decisión polos "incidentes rexistrados na Cámara" e no que advirte, ademais, de que se trata dunha "primeira medida". A intención, asegura, non é outra que "asegurar o mantemento da orde nos plenos da Cámara e garantir os dereitos do conxunto dos deputados".

Ninguén poderá presenciar un pleno sen recibir antes o visto e prace da Presidencia da Cámara

Quere dicir isto que xa non se poderá asistir aos plenos? A priori, non. "Por suposto que haberá convidados; o Parlamento non debe ser un órgano pechado", di Rojo, que a continuación matiza que o Pazo do Hórreo si é "un lugar" no que deben "imperar o respecto e os principios democráticos". Así as cousas, a imposición do criterio da Presidencia -que non da Mesa, onde non só está representado o PP- é presentado pola conservadora como un xeito de "evitar a adopción de decsións máis contundentes, como podería ser a supresión do público na tribuna", medida que "se axustaría ao Regulamento" do Parlamento "e mesmo foi adoptada en datas recentes noutras Cámaras", di, en referencia a Madrid.

Con todo, o duro comunicado finaliza advertindo de que esta prohibición podería ser só o comezo. "A presidenta do Parlamento resérvase o dereito de adoptar calquera outra decisión conforme ao Regulamento da Cámara e demais normas de aplicación co obxectivo de preservar o normal funcionamento da institución". Neste contexto resta saber se finalmente o Parlamento iniciará medidas legais contra as persoas que protestaron ou se de agora en diante poderán asistir ás sesións representantes de, por exemplo, sindicatos ou plataformas cidadás opostas á política do Goberno galego ou do grupo político que o sustenta.

Rojo, nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.