O pasado día 19 a deputada do BNG Ana Pontón formulaba, no marco da comisión de Cultura do Parlamento, unha pregunta sobre "o plan de traballo e os recursos orzamentarios" que a Xunta vai destinar en 2013 ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo para garantir a súa "viabilidade". Nunha das súas intervencións Pontón lamentou a falta de compromiso do Goberno galego co MARCO e censurou, do mesmo xeito, que o actual secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, actúe como "verdugo" no ámbito cultural como antes xa o fixera coa lingua. Dende a Presidencia da comisión anunciouse que se ía "retirar" da acta da sesión o cualificativo empregado pola nacionalista, por non ser "acaído para unha sesión parlamentaria". Acto seguido, Lorenzo tomaba a palabra e situaba a Pontón como exemplo de que o "sistema educativo debe mellorar", dada a súa "mala educación".
Este episodio, que apenas transcendeu alén dos muros do Pazo do Hórreo, pode ser ilustrativo do clima que vive o lexislativo galego nos últimos meses, caracterizado por unha tensión interna que as diversas protestas sociais fixeron acrecentar e que se veu amplificada coas restricións ás visitas da cidadanía impostas pola presidenta, Pilar Rojo. Ese episodio deu lugar a unha inédita unidade entre os grupos da posición, que a finais de xaneiro protagonizaban un plante deixando só ao PP nunha sesión plenaria na que os incidentes deixaron en segundo plano o que se abordaba: o inicio do trámite dos Orzamentos Xerais para o ano 2013.
Nos últimos meses sucédense as liortas e os apercibimentos a membros da oposición
Neste escenario, dende a Presidencia da Cámara optouse pola rixidez, tanto á hora de instaurar unha nova normativa para rexer as visitas á sesións plenarias -que entrou en vigor sen ser pactada coa oposición- como para regular os propios debates. Así, por exemplo, o 12 de febreiro o deputado de AGE David Fernández era expulsado do pleno despois de ser "chamado a cuestión" en tres ocasións por parte do vicepresidente Miguel Santalices, que substituía a Rojo. Segundo Santalices, Fernández mereceu o apercibimento por non tratar dende a tribuna o asunto que se discutía, senón outro diferente. En pleno martes de Entroido, o parlamentario de Alternativa fixera mención á posibilidade de achegarse á Cámara "disfrazado de sobre", pero "o PP xa mercou todos os traxes", ironizou.
Algo semellante ao acontecido con David Fernández, pero sen chegar á expulsión, sucedeulle á nacionalista Ana Pontón, que no pleno do 13 de febreiro considerou que era posible adxudicarlle a Alberto Núñez Feijóo o cualificativo de "corrupto", toda vez que "mentira" sobre o ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, quen dimitiu tras ser chamado a declarar como imputado no caso Campeón. "A mentira tamén é corrupción" e polo tanto "Feijóo é un corrupto", aseverou Pontón. Segundos despois, Rojo instaba a Pontón a "retirar" as súas verbas e a parlamentaria do Bloque negouse. "Se non as retira vostede, fareino eu", e así o fixo, no marco dunha chamada á orde que no anterior debate lle afectara ao secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, no seu caso por falar máis tempo do que lle correspondía.
O diagnóstico do PP e da oposición
Neste contexto é o que se chegou ao debate final dos Orzamentos, este martes, unha sesión salferida por diversas chamadas á orde por parte da presidenta e tamén por sonoras protestas dende as bancadas da oposición. Mentres, no exterior, persoal da Xunta, traballadores da USC e estudantes protestaban contra os recortes rodeados de antidisturbios, no pleno vivíase a enésima liorta da xornada. Para os conservadores a tensión é froito de que a única posición política de PSdeG, AGE e BNG é que "o PP é un tumor que hai que extirpar", en verbas da vicevoceira popular, Marta Rodríguez Arias.
Beiras insta o PP a "recoñecer a existencia do outro", senón pode darse "unha erupción social que pode levar todo por diante"
Un diagnóstico ben diferente do que acontece é o dos deputados opositores. A xuízo do nacionalista Francisco Jorquera os conservadores esquecen que "democracia" tamén é "respectar as minorías e a prevalencia do lexislativo sobre o Executivo". Para Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, o PP debe "comezar por erradicar o egoísmo e recoñecer a existencia do outro", porque senón "acabará por acontecer o que nós non desexamos, unha erupción social que pode levar todo por diante", dado que "a capacidade de resistencia da xente é limitada". "Son tan cegos que incluso se están rindo", reprochou Beiras cara aos escanos do PP e nomeadamente cara a Feijóo. "Debo ser moi gracioso", ironizou, antes de advertilo de que "pode rir todo o que queira", pero "non cando se está falando da situación límite dos cidadáns".
Nun sentido semellante, dende o punto de vista do socialista Abel Losada, o PP cae nunha "absoluta provocación social", tanto coa súa actitude como polos seus recortes e tamén á hora de diagnosticar os porqués da tensión. Así, Losada insta os populares a preguntarse "por que hai vinte coches da policía" no exterior do Pazo do Hórreo. "Para evitar que a xente agradecida ao PP veña manifestarllo? Non, porque están ao límite e se senten enganados", conclúe.