Dende hai semanas o PP é o único participante formal na comisión de investigación creada por iniciativa de En Marea, PSdeG e BNG para pescudar nos efectos dos recortes sanitarios da última década. O falecemento dun paciente no Punto de Atención Continuada da Estrada sen atención médica fora o detonante para que a oposición decidise activar o recurso parlamentario que permite crear unha destas comisións sen o apoio da maioría absoluta. Pero, á hora de decidir os nomes das persoas a comparecer, os populares fixeron valer a súa primacía, dando en escoller 20 nomes de todos os propostos pola oposición e despois, 13 tras a segunda lista ofrecida conxuntamente polos grupos da esquerda.
Entre as comparecencias vetadas polo PP destaca a do voceiro da familia do falecido no PAC da Estrada, que inaugurará as sesións alternativas organizadas pola oposición
Entre as comparecencias vetadas polos conservadores estaba, precisamente, a do voceiro da familia de José Manuel Brey, o paciente falecido na Estrada. Manuel Pereira, curmán do falecido, non ocultou a súa indignación por este veto e será precisamente el quen inaugure, o vindeiro 17 de decembro, as comparecencias alternativas que, como xa avanzaran ante o caso de non existir acordo, van ser organizadas conxuntamente por En Marea, PSdeG e BNG.
Os voceiros en materia sanitaria dos tres grupos da oposición compareceron conxuntamente ante a prensa este xoves para anunciaren a apertura deste foro alternativo e resaltar que, neste ámbito, as tres forzas seguen da man. "Decidimos dar voz a quen o PP está vetando", resume Eva Solla no nome de En Marea. "A situación destes días", coa dimisión de xefes de servizo de centros de saúde de Vigo, a folga das Urxencias no Clínico de Santiago ou as mobilizacións de persoal médico ante o propio parlamento "afonda na decisión lóxica" de investigar os efectos dos recortes no Servizo Galego de Saúde", agrega o socialista Julio Torrado, quen subliña a "xenerosidade" dos tres grupos á hora de tecer o acordo.
Un médico e unha enfermeira da plataforma 'PACS en Pé de Guerra' acudirán tamén á primeira sesión organizada pola oposición
"Cada día aumenta a alarma e o PP segue a facer ouvidos xordos" pero a "magnitude" das dificultades na sanidade pública "foi o que nos levou a impulsar esta comisión" e agora, tamén "o foro para que veñan as voces que o PP negou que viñesen", explica Montse Prado no nome do BNG. Nestas sesións comparecerán "os protagonistas reais da situación", profesionais do Sergas, e tamén "os que a sofren", representantes dos pacientes. Por iso os primeiros en acudir serán Manuel Pereira e mais dous representantes da plataforma PACS en Pé de Guerra, o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.
Durante as vindeiras semanas os grupos da oposición concretarán máis nomes dunhas comparecencias que non terán o carácter oficial da comisión de investigación e ás que, avanzan, tamén convidarán ao PP. Os populares, lamenta Solla, "nunca sentaron a negociar" e só achegaron á bancada esquerda "un papel" con comparecencias escolleitas que "ou asumiamos ou non iamos ter ningunha posibilidade de negociar". Neste sentido Torrado lamenta que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "mentise, directamente, dicindo que as propostas da oposición as escolleu a oposición".
"Feijóo mente ao dicir que as propostas da oposición as escolleu a oposición; convidámolo a que diga cales"
"Convidámolo a que diga cales", reta o deputado do PSdeG, quen subliña que "se fose verdade", ningún dos tres grupos marcharía da comisión de investigación. "Pero é mentira, non puidemos escollelas" porque o PP non o permitiu, resalta. Así e todo, matiza Prado, ningún dos tres grupos está "arrepentido" de impulsar esta investigación.
Agora, coas comparecencias alternativas, tentarán facer ver que a situación no Sergas é "alarmante". Ao remate das mesmas -os tempos estarán condicionados pola dispoñibilidade laboral das persoas convocadas, con máis dificultades para asistir ao non ser unha comisión oficial- prevén elaborar tamén un ditame de conclusións que achegarán ao PP para que "tome nota".
A xuízo de Torrado o primeiro que debera atender ao que alí se explique é o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a quen os tres grupos reiteran a esixencia de dimisión ante as dificultades crecentes no sector. Non obstante, dado que Almuiña "ten o hábito de desaparecer cando hai o mínimo problema", se cadra "dimitiu xa e non se sabe", ironiza o deputado socialista.