A oposición galega activa a investigación dos recortes sanitarios: "Unímonos na defensa da saúde da xente"

Pontón, Villares e Leiceaga, anunciando a comisión de investigación en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

O falecemento dun doente sen atención médica no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada. As mortes de pacientes de Hepatite C mentres agardaban que lles fose dispensada a súa medicación. Os traslados a centos de quilómetros de persoas que padecen un infarto en Lugo ou Ourense. Os "colapsos" dos servizos de urxencias. Son só algúns dos elementos que os tres grupos da oposición galega queren poñer sobre a mesa na comisión de investigación sobre os recortes sanitarios dende o ano 2009 e que En Marea, PSdeG e BNG se dispoñen a activar.

A posta en escena este venres do acordo pechado por Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón na tarde do xoves deu lugar a unha imaxe practicamente inédita. Os tres voceiros parlamentarios das forzas da esquerda da Cámara convocaron á prensa xuntos e sentaron na mesma mesa para explicar o seu pacto. Van activar o mecanismo parlamentario que, dende a reforma do Regulamento en 2015, permite activar unha comisión de investigación por lexislatura sen apoio da maioría absoluta do hemiciclo se a reclaman, cando menos, dúas quintas partes da Cámara. "Estamos unidos e unidas no que importa, na defensa da saúde da xente; teñen que saber que estamos unidos na defensa dos seus dereitos, que é o que nos reclaman", resume Villares.

A comisión pactada por En Marea, PSdeG e BNG abordará o impacto xeral dos recortes sanitarios e casos concretos como o falecemento dun paciente na Estrada sen atención, as restricións en fármacos da hepatite ou o horario reducido do tratamento de infartos

As tres formacións, detalla o voceiro de En Marea, acordaron facer un "esforzo compartido" porque "a cidadanía, votase a quen votase, non quere que nun servizo de urxencias non haxa persoal dispoñible para atender unha persoa que chega enferma" ou que "se lle neguen medicinas" por razóns económicas", argumenta. Neste sentido, o socialista Fernández Leiceaga considera que o falecemento da Estrada sen que o paciente puidese ser atendido foi "consecuencia directa dos recortes aplicados por Feijóo dende 2009" e a resposta ofrecida por Feijóo foi simplemente "decepcionante". Por ese motivo, agrega o voceiro do PSdeG, a comisión de investigación tentará "someter a escrutinio o sistema sanitario galego, determinar o que está fallando e en que debemos melloralo" para evitar "consecuencias dolorosas".

A xuízo da portavoz nacional do BNG activar este mecanismo parlamentario extraordinario tornou para a oposición nunha "obriga moral e ética" ante o "suceso tráxico" da Estrada. O presidente da Xunta, lamenta a líder soberanista, respondeu de maneira "decepcionante e cruel" ante o acontecido o 4 de setembro. Feijóo está "encastelado, sen asumir responsabilidades" e por iso a oposición vai "facer unha diagnose do deterioro da sanidade pública", pero tamén procurará "esclarecer responsabilidades" neste e noutros casos. Por iso, avanza, pedirán comparecencias como a do presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade.

Chamamento a que o PP non boicotee a investigación

A oposición pode activar a investigación sen apoio dos populares, que terán maioría absoluta tamén na comisión

O devandito mecanismo parlamentario permite activar a investigación aínda que o PP se opoña, pero os conservadores seguirán a ter maioría absoluta unha vez que a comisión estea formalmente creada. É por iso que En Marea, PSdeG e BNG instan o Grupo Popular a non boicotear as pescudas mediante o bloqueo de comparecencias ou atrancos á entrega de documentación. "O PP debe entender -di Villares- que non se pode participar nunha comisión coma esta xogando con trucos parlamentarios para escapar das responsabilidades que ten sobre o sistema sanitario galego".

Baixo o nome formal de Comisión de Investigación para determinar as consecuencias dos recortes e privatizacións sobre o Sistema Sanitario Galego (2009-2018), con especial incidencia en casos como a non dispensación de medicamentos necesarios aos enfermos da hepatite C ou o falecemento dun paciente sen atención no PAC da Estrada a oposición rexistrará o vindeiro luns unha comisión que para o voceiro parlamentario do PP en materia sanitaria, Aurelio Núñez, non é máis ca un intento de "desprestixiar" a imaxe da sanidade pública galega. Así e todo, matiza Núñez, o grupo do PP vai "colaborar" cos traballos e utilizará a comisión para "desmontar as falacias da esquerda".

O PPdeG teoriza que a comisión foi lanzada polo alcalde de Vigo para "agochar" o seu "sentido de culpa" polo accidente do Marisquiño

Unha interpretación diferente é a que realiza, tamén no nome do PPdeG, o seu secretario xeral. Segundo Miguel Tellado, a verdadeira intención desta comisión non é indagar na situación da sanidade pública e os seus impulsores non son os grupos parlamentarios de En Marea, PSdeG ou BNG. Segundo o número dous de Feijóo no seu partido, o verdadeiro autor desta comisión é o alcalde de Vigo, Abel Caballero, coa intención de desviar a atención a respecto do accidente do Marisquiño. "Sempre que ten un problema tiña o recurso de poñer as luces de Nadal" e "agora, tamén inmiscuírse na política autonómica", teoriza Tellado, quen di "respectar as decisións da oposición mesmo cando son tomadas dende Vigo", se ben di ter a "sensación de que o que está pasando agocha un sentido de culpa do señor Abel Caballero".

Os voceiros de En Marea, PSdeG e BNG, nos corredores do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.