En Marea, PSdeG e BNG manteñen a unidade para investigar os recortes sanitarios

Pontón, Villares e Leiceaga, anunciando a comisión de investigación en rolda de prensa o pasado setembro CC-BY-NC-SA BNG

En Marea, PSdeG e BNG volverán facer visible a súa unidade en torno á investigación dos recortes sanitarios. Tras activaren o mecanismo regulamentario que dende 2015 permite crear unha comisión de investigación por lexislatura sen apoio da maioría absoluta da Cámara e despois de que, unha vez creada, o PP fixese valer esa maioría para vetar todas as propostas de comparecencia formuladas pola oposición agás 20 nomes -pactaran uns 80 dunha lista inicial duns 200-, os voceiros dos grupos da esquerda volverán presentarse xuntos ante a opinión pública. Farano para ofrecer aos conservadores unha última proposta de acordo.

Este venres Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) comparecerán ante a prensa para explicar o seu ofrecemento ao PP. Seguirán na comisión de investigación se os de Alberto Núñez Feijóo acceden a ir alén do seu propio plan de traballo. Entre as incorporacións que reclaman figura, por exemplo, a comparecencia dun familiar de José Manuel Brey, o home falecido o pasado agosto no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen atención médica.

Villares, Leiceaga e Pontón volverán comparecer conxuntamente para lanzar unha última oferta de pacto e reclamar ao PP comparecencias como a dun familiar do falecido no PAC da Estrada; en caso de negativa, manexan a posibilidade de organizar sesións alternativas á comisión

Tamén desexan que poidan acudir ao Parlamento representantes do persoal que protesta dende hai meses pola precariedade de medios en servizos sanitarios como os propios PAC. Asemade, cren necesario poder convocar para lles pedir explicacións aos cargos investigados pola Xustiza polo atraso da medicación da Hepatite C, entre outros nomes.

Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal confirman que ese ofrecemento virá acompañado dunha advertencia. Se o PP non flexibiliza a súa negativa, anticiparán, os grupos da oposición parlamentaria manexan a posibilidade de escoitaren por outra vía as persoas afectadas polos recortes sanitarios durante os anos da crise. Entre as vías valoradas polos grupos figura a organización dunha ou varias sesións nas que, ao xeito das xornadas parlamentarias que adoitan celebrar por separado sobre asuntos sectoriais -caso dos incendios, a igualdade ou a industria, entre outras-, fosen escoitadas algunhas das persoas cuxas comparecencias foron vetadas na comisión por parte do PP.

Escanos do PP na sesión da comisión de investigación sobre os recortes sanitarios que abordou o plan de traballo / EM

No seo dos grupos da esquerda, pola súa banda, existe a sensación xeral de que entre candansúas bases o pacto para pescudar nos recortes sanitarios e os seus efectos foi ben recibido

Diante da posibilidade de que este acordo chegase a concretarse o voceiro do PP, Pedro Puy, xa evidenciara no inicio da semana que esas comparecencias á marxe da comisión non terían rango de investigación oficial, ademais de reiterar que o seu grupo actuou con "xenerosidade" ao seleccionar vinte nomes de entre todos os propostos pola oposición. Os conservadores poñen ademais o acento en que no seu plan de traballo figuran, como representantes políticos, o propio Feijóo e mais o conselleiro de Sanidade.

No seo dos grupos da esquerda, pola súa banda, existe a sensación xeral de que entre candansúas bases o pacto para pescudar nos recortes sanitarios e os seus efectos foi ben recibido. De aí a aposta polo mantemento da unidade con xestos practicamente inéditos nos case dez anos que xa transcorreron dende que o PP regresou á Xunta.

Organizar comparecencias de persoas atinxidas malia ao "boicot" do PP poderá ser formulado como unha caste de 'xuízo político' ás restricións padecidas polo Servizo Galego de Saúde durante os anos da crise, explican as mesmas fontes, que non obstante preferirían poder reconducir a comisión. A flexibilidade ou non dos populares comprobarana este mesmo venres, toda vez que a comparecencia conxunta de Villares, Leiceaga e Pontón se celebrará apenas dúas horas de que se reúna a Mesa da propia comisión -órgano reitor- para abordar a execución do plan de traballo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.