0 Gardados para despois

A Xunta cre que a imputación por homicidio dos seus cargos "non varía" nada o caso da hepatite C

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os altos cargos do Sergas serán investigados por un suposto delito de homicidio polo non subministro dos tratamentos contra a hepatite C a seis pacientes. Así o vén de acordar a Audiencia Provincial da Coruña, que estima parcialmente o recurso da Fiscalía, ao que se adheriu a plataforma de afectados, polo que os dous responsables investigados serano non só por prevaricación senón por estoutro delito máis grave. 

Os altos cargos do Sergas serán investigados por un suposto delito de homicidio polo non subministro dos tratamentos a seis pacientes

Segundo o auto, ao que tivo acceso este diario, a Audiencia revoga o pronunciamento do xuíz do pasado mes de setembro e "acorda que se teña por dirixido o procedemento fronte aos denunciados por un delito de homicidio imprudente" e que "se lles tome declaración como investigados en relación cos falecementos".

O Sergas di que o auto "non varía" nada e que só preserva o dereito de defensa dos investigados

Mentres toda a oposición pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade ou de Feijóo e En Marea e BNG o "cesamento inmediato" dos dous altos cargos, a Xunta di que o auto "non varía" nada do que había. Así, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa cre que a decisión da Audiencia só busca "ampliar o ámbito de defensa dos denunciados para que poidan exercitar plenamente os seus deritos fronte á totalidade da denuncia e non só por prevaricacion". Ademais, insiste en que "non houbo atraso na tramitación dos expedientes" e que, ao non entrar a Audiencia na cuestión de fondo, os dous investigados non deben deixar o cargo. 

O xuíz titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, investiga o que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas -e actual xerente da área sanitaria de Vigo-, Félix Rubial, e a Carolina Gómez-Criado, subdirector xeral de Farmacia, por un suposto delito de prevaricacións pero a Fiscalía atribúelles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias", tal e como adiantara este diario ao destaparse o caso. Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes.

Feijóo e a Xunta defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos e cualificaron de "insidias" as acusacións dos médicos

O propio presidente do Goberno galego fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos" e mesmo cualificara de de "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara. 

O pasado 4 de febreiro, Lago Louro, ditou auto de incoación por prevaricación administrativa e os dous investigados compareceron a prestar declaración a finais de abril, momento no que descargaron toda a responsabilidade nos médicos. Con todo, o maxistrado impedira daquela que tanto a Fiscalía como a representación legal da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C cuestionasen sobre aspectos directamente relacionados coa posible comisión de delitos de homicidio imprudente.

Con este novo auto, a Audiencia estima o recurso presentado e ordena ao xuíz instrutor que dirixa o procedemento contra os dous denunciados por posibles delitos de homicidio imprudente en seis dos casos, polo que se lles volverá tomar declaración como investigados por estes delitos.

Os dous altos cargos xa declararon como investigados por prevaricación e descargaron toda a responsabilidade nos médicos

A plataforma manifestou xa o seu "desexo"  de que "a citación para esta nova declaración se produza canto antes e que se imprima á causa un ritmo razoable na práctica das dilixencias que permitan aclarar os feitos denunciados". "Levamos un ano practicamente perdido, o que provoca angustia e descontento tanto nas familias directamente atinxidas polos falecementos como no conxunto do colectivo de persoas afectadas", din nun comunicado. 

Feijóo chegara a cualificar de "indigna" a denuncia e de "indignos" aos médicos que a formularon

A aceptación deste recurso da Fiscalía chega logo de que a Audiencia Provincial desestimase o presentado anteriormente polos avogados do Sergas, no que solicitaban o arquivo das dilixencias e a exoneración dos dous encausados. Ademais, este novo delito polo que serán investigados os dous altos cargos do Sergas acaba co argumento empregado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para evitar a súa destitución, xa que sempre se encargou de aclarar que só estaban imputados por un delito de prevaricación administrativa. Mesmo chegara a cualificar de "indigna" a demanda e de "indignos" aos médicos que a formularon.

Para a plataforma, esta nova situación "esixe" que "dúas persoas ás que se atribúe xudicialmente a comisión de delitos graves sexan inmediatamente apartadas dos seus cargos, toda vez que o argumento ao que o presidente da Xunta se aferraba ten sido, tamén, rebatido. Quique Costas, voceiro do colectivo, considera "moi importante" o auto e cre que confirma a "evidencia de que as mortes causadas por un comportamento delitivo supoñen un homicidio". Ademais, advirte que a nova imputación "ratifica" o que sempre denunciou o colectivo: "que os recortes matan e que estas mortes foron inducidas pola Administración". 

O xuíz do caso, Lago Louro, é o mesmo que propuxo xulgar só o maquinista como único responsable do accidente de Angrois e ao que a Audiencia Provincial da Coruña obrigou a seguir investigando o caso. Tamén é o mesmo maxistrado que arquivou a investigación sobre as monxas indias supostamente retidas contra a súa vontade nun convento de Santiago.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Manuel García: "Á miña muller matárona os recortes, deixárona morrer"

Isolina Sánchez padeceu durante varios anos a hepatite C. Co empeoramento da enfermidade, as posibilidades para a súa curación reducíanse ata que se demostrou a efectividade e conveniencia do Sovaldi. A doutora especialista que a trataba prescribiulle en varias ocasións, sen éxito, o tratamento ao advertir do crítica que era a situación. Tardou oito meses en recibilo e comezouno a tomar o 15 de xaneiro. "Xa era tarde", lembra agora o seu viúvo, Manuel García, veciño do coruñés barrio de Monte Alto. "Deixárona morrer", engade.

A súa dona faleceu con 72 anos menos dun mes despois de iniciar o tratamento e xusto un día antes de que membros da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C fosen expulsados do Parlamento, nun polémico pleno no que reaccionaron con rabia ante negativa do PP a votar a favor dunha proposición non de lei (PNL) para instar a Xunta e ao Goberno central a garantir o acceso ás novas terapias para tratar a enfermidade.

Manuel García, con 74, dicía, nesta entrevista con Praza de hai oito meses, seguir afectado -"estíveno, estouno e estareino"- e asegura poñerse "enfermo" cando escoita a Núñez Feijóo ou outros dirixentes da Xunta presumir de aforro e austeridade, agora que a Fiscalía acusa o seu Goberno de presunto homicidio por atrasar o tratamento por "razóns orzamentarias". Alégrase de que poida ser a xustiza quen determine a gravidade das neglixencias cometidas e afirma, convencido, que "os recortes matan, claro que matan". "Á miña muller deixárona morrer", conta emocionado.

ENTREVISTA Manuel García: "Á miña muller deixárona morrer"

Imaxe: Gonzalo Ballesteros

CC BY-SA Praza Pública

En Marea pide a comparecencia de Almuíña e o cesamento "inmediato" dos dous altos cargos

En Marea considera "imprescindible" que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza "de xeito urxente" no Parlamento de Galicia para dar explicacións ante a decisión da Audiencia Provincial da Coruña de imputar os dous altos cargos do Sergas por delitos de homicidio imprudente. "A realidade demostra unha vez máis que cando se dicía que as políticas impulsadas polo goberno de Núñez Feijóo estaban a matar xente, desgraciadamente eran e continúan a ser certas", di a formación.

En Marea pide a comparecencia "urxente" do conselleiro de Sanidade para que dea explicacións

Para En Marea, os "continuos recortes orzamentarios en Sanidade impostos polo PP están a provocar unha situación intolerable na que a vulneración de dereitos fundamentais como o dereito á saúde e os propios dereitos humanos están a ser vulnerados desde a propia Administración pública". Por este motivo, pide que o conselleira dea conta axiña da situación tras as novas imputacións, así como a "asumir a súa responsabilidade e explicar se vai a poñer fin as políticas de recorte que poden ter sido a causa da morte destas persoas"

Ao tempo, En Marea esixiu tamén o "cesamento inmediato" de Félix Rubial e Carolina Gómez-Criado e considera "inaudito" que a Consellería "os manteña nos seus postos pese a contar cunha imputación por un posible delito de prevaricación en relación aos mesmos casos ao que se suma agora a imputación por un posible delito de homicidio por imprudencia profesional grave".

Pola súa banda, o PSdeG tamén pide a comparecencia de Almuíña xunto a de Feijóo ante unha situación de "extrema gravidade" e pola "falta de resposta política" aos múltiples interrogantes. Respecto a un posible cesamento dos cargos imputados, recoñece que están nunha "situación difícil" e que, como mínimo, "deberían explicar o que pasou".