0 Gardados para despois

Feijóo ve na denuncia da hepatite un "xuízo sumarísimo á sanidade pública"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O conselleiro de Sanidade non logrou, coa súa comparecencia deste martes no Parlamento, apagar o incendio político xerado pola investigación -antiga imputación- de dous cargos do Servizo Galego de Saúde por presunta prevaricacion na xestión dos tratamentos de hepatite C, derivada da denuncia na que a Fiscalía acusa a Xunta de homicidio imprudente por demoras neses fármacos baseadas en motivos "orzamentarios". Así, co escándalo aínda a arder, o presidente da Xunta tiña que responder este mércores ás preguntas da oposición ao respecto -negouse a unha comparecencia específica-. E optou por combinar a gabanza ao seu propio Goberno por "pagar" os tratamentos co desdén ás acusacións do ministerio público, que cualifica de "xuízo sumarísimo á sanidade".

As preguntas da oposición baseáronse, precisamente, no "abrumador informe da Fiscalía", en verbas do socialista José Luis Méndez Romeu. "Pida desculpas", esixíronlle ao presidente tanto o voceiro do PSdeG como Antón Sánchez, de AGE, e Francisco Jorquera, do BNG, quen advirte a Feijóo de que as autorizacións de tratamentos médicos non poden ter, politicamente, a mesma consideración que "as licenzas de obra". Pero as acusacións de tratamentos "atrasados", as que lanza a xustiza, son para o líder popular unha "trampa moral inadmisible" na que el non vai "caer".

Feijóo atribúe á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícaas de "disparate" e "insulto"

"Disparate", "insulto", "falta de respecto" ou mesmo "xuízo sumarísimo á sanidade pública de Galicia" son algúns dos cualificativos que a Feijóo lle merecen as acusacións da Fiscalía, que o presidente atribúe, non obstante, en exclusiva aos grupos da esquerda. Sitúa tamén no terreo da mentira que, como indica un dos informes médicos incluídos na causa xudicial, un paciente lograse o tratamento grazas á carta que os seus médicos lle enviaron directamente á daquela conselleira de Sanidade "É falso que ninguén tivese trato de favor" ou "enchufe" e o mero feito de suxerilo é tanto como "insultar aos médicos".

Unha vez negadas as acusacións, Feijóo coida que, sinxelamente, "non se pode dicir que temos criterios economicistas" porque "investimos 130 millóns de euros" en tratamentos da hepatite nos últimos anos o que permite, por exemplo, ter unha "media de tratamentos" en relación á poboación "moi por riba de Andalucía". A Xunta, enfatiza dedica a estes fármacos os cartos equivalentes ao custo de "facer un hospital comarcal", á construción de "sesenta centros de saúde" ou aos "orzamentos da cidade de Santiago".

PSdeG, AGE e BNG esixiron, sen éxito, que Feijóo se "desculpase" polas súas verbas sobre a denuncia

"Non vimos facer ningún xuízo sumarísimo, vimos pedir explicacións" por "unha cadea de decisións administrativas" ligadas "a seis persoas mortas", retrucou Romeu. "Non culpe vostede á oposición, é a Fiscalía a que relaciona mortes e recortes", agregou Jorquera, quen advirte ademais que na propia instrución xudicial se alude á "modificación de datas para simular tempos de espera menores". "Fixérono tan ben -conclúe Antón Sánchez- que son o primeiro goberno procesado penalmente pola reación entre criterios orzamentarios e mortes" , motivo dabondo para AGE como para, cando menos, que Feijóo "pida desculpas polo desprezo e os ouvidos xordos que fixeron".

As reiteración das preguntas dos grupos non mudaron o discurso do presidente, que contrapñon o "orgullo por investir 130 millóns" en fármacos coa "destrución da dignidade e dos principios morais básicos" que lle atribúe a unha oposición sen "candidatos nin proxecto". Ao cabo, remata, a petición de explicacións polo veto ao tratamentos de hepatite non é máis que "empezar a campaña electoral criticando a sanidade". "Galicia -espétalles- lles queda moi grande".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A plataforma de doentes ve a resposta de Feijóo propia dun "canalla político"

O voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Henrique Costas, seguiu este mércores xunto a outros membros do colectivo a intervención do presidente da Xunta. Como anunciara, acudiu á Cámara á procura de explicacións, pero tamén de "desculpas" de Alberto Núñez Feijóo polas "desafortunadísimas" declaracións nas que "banalizaba este problema" reducíndoo a "dúas ou tres denuncias". Visiblemente afectado tras o debate, Costas constataba que as agardadas desculpas non chegaron, polo que "só queda cualificar" as palabras do titular da Xunta, "propias dun canalla político".

A plataforma lamenta que o popular "desbotase a súa oportunidade" de desculparse e tamén o seu desdén cara á denuncia da Fiscalía, asimilándoa coa estratexia da oposición cara ás eleccións galegas. "A fiscal que investigou durante nove meses e presenta unha denuncia viasada polo fiscal superior de Galicia parece que se vai presentar ás eleccións como alternativa ao señor Núñez Feijóo". Iso, cando menos, "é o que se deduce" dunha intervención na que, di, semella "que todo o que se lle simputa a estes altos cargos ten fin electoral".

"A fiscal parece que se vai presentar ás eleccións contra o señor Feijóo, é o que se deduce das súas palabras"

No entanto, lembra, o ex director xeral de Asistencia Sanitaria e a responsable da prestación farmacéutica do Sergas están sendo investigados por presunta prevaricación, "delitos contra os dereitos das persoas no desempeño do seu cargo". Por eses presuntos feitos delituosos, subliña, van ser defendidos dende a asesoría xurídica do propio Sergas.

Neste contexto Henrique Costas saúda tamén que, cando menos, Feijóo "matizase" nas súas respostas a cifra de persoas atendidas, diferenciando entre todos os tratamentos de hepatite daqueles "de acción directa", caso do Sovaldi. Así e todo, a plataforma reitera que a Xunta debe "explicar" outra cifra, a do gasto nos fármacos: "onte eran 75 millóns, hoxe son 130 os que, segundo eles, destinaron aos novos tratamentos".

No entanto, se a cifra de doentes que recibrion xa estes fármacos "non chega a 3.000" e cada tratamento custa uns 13.000 euros, cabe deducir que o presidente anuncia unha cantidade que non só inclúe os novos tratamentos, senón toda a atención a todos os doentes de hepatite, incluíndo mesmo os transplantes. E "moitos deses gastos -evidencia- xa existían antes" de que se introducisen os fármacos de acción directa.