Almuiña intenta frear o escándalo da hepatite C e carga contra a "demagoxia" da oposición

Vázquez Almuiña, nunha intervención no Parlamento © Xunta

A Xunta tenta de frear o escándalo pola denuncia da Fiscalía contra o Goberno polo atraso na prescrición de fármacos da hepatite C por razóns "orzamentarias". E fíxoo este martes coa comparecencia no Parlamento do actual conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, que negou que se atrasasen ou negasen medicamentos por motivos económicos e cualificou de "falaz" a acusación tanto da oposición como dos familiares dos afectados. 

"Poderán manipular os mortos, pero os datos están aí", díxolle o conselleiro Almuiña á oposición

Nunha dura intervención, o conselleiro deu volta a unhas declaracións do voceiro socialista, Méndez Romeu -que asegurara que "se poden manipular os datos pero os mortos están aí"- para afirmar que a oposición "poderá manipular os mortos, pero os datos están aí". Así, asegurou que a subcomisión encargada pola Xunta para determinar os tratamentos só rexeitou 13 dos casos solicitados por criterios clínicos e mesmo aludiu ao actual "déficit do Sergas" para argumentar que non se restrinxiron medicacións por cuestións economicistas. "En ningún caso ohoubo denegación de tratamento", dixo. Antes, denunciara a "demagoxia mesquiña" dos grupos da oposición, que responderon acusándoo de ser "a voz do seu amo", en referencia ao presidente Feijóo, cuxa ausencia na Cámara lamentaron todos os partidos.

Desde o BNG, Montse Prado chegou a cualificar de "psicópatas" aos membros do PP por "seren conscientes do dano que causan e votar en contra de asegurar os tratamentos" e lamentou a "nula catadura moral" do Goberno galego e a ausencia do presidente. Eva Solla, de AGE, incidiu no "criterio económico" no que se baseou a Xunta para afrontar as doenzas de hepatite C e lamentou a "demagoxia" de Almuiña e que dese a cara "en lugar de Feijóo", ao que acusou de "covardía" por "ser o máximo responsable e non comparecer". 

A oposición acusou a Feijóo de "covardía" por non comparecer e lamentou que Almuiña "non asumise responsabilidade ningunha nin se desculpase"

Pola súa banda, Carmen Acuña, do PSdeG, lembrou que "o único que conseguiron desta Cámara os doentes foi que os botaran fóra" e insistiu que é a Feijóo "a que lle hai que pedir responsabilidades". "Pida perdón, rectifique e dígalle ao presidente que veña el a dar a cara", engadiu. 

"Non asumiu responsabilidade ningunha, nin desculpa, nin arrepentemento moral", reciminoulle a nacionalista Prado ao conselleiro, tras criticar, como o resto dos grupos, que asegure que o presidente comparecerá para responder sobre o tema da hepatite C cando, en realidade, "vén responder ás preguntas da Cámara porque é a súa obriga", este mércores no pleno do Parlamento. 

O PP, pola súa banda, acusou a oposición de "canibalismo político" e de "usar os mortos" para "intentar gañar unhas eleccións". 

 

Aliviar presión sobre Feijóo

A comparecencia de Almuiña, realizada a petición do Goberno -pero acumulada coas solicitadas polo PSdeG e, conxuntamente, por AGE, BNG e o Grupo Mixto- produciuse a menos de vinte e catro horas de que sexa o presidente da Xunta quen teña que abordar en pleno os atrasos e vetos a tratamentos de hepatite C. Coa intervención do conselleiro o Executivo tentou aliviar a presión que se incrementara sobre Alberto Núñez Feijóo despois de que, ao saír á luz a imputación dos dous altos cargos e a acusación da Fiscalía, o xefe do Executivo lle restase importancia ao procedemento ao considerar que se trataba de "dúas ou tres denuncias" cuxa ligazón coa "austeridade" era "un disparate".

Batas Blancas e a plataforma de doentes esixiron "desculpas" de Feijóo, que este mércores será cuestionado ao respecto na Cámara

As verbas do presidente, que o pasado ano garantira no Parlamento tratamentos "para todos" os doentes porque "isto non é Venezuela", causaron un sensible malestar tanto no colectivo que agrupa a boa parte dos pacientes en Galicia como no colectivo Batas Blancas, que iniciou a denuncia na que agora tamén está persoada a plataforma de persoas afectadas. Así, no nome dos doentes o seu voceiro, Henrique Costas, esixiulle pasada semana "desculpas" a Feijóo, de quen lamenta que careza "da máis mínima compaixón". Dende Batas Blancas o doutor Evaristo Varo, xefe de transplantes do CHUS, subliñou tamén nunha entrevista en Praza.gal que Feijóo debera "pedir perdón" por unhas verbas que "bordean o desprezo á vida humana".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.