0 Gardados para despois

"A Xunta non calibrou que atrasando a medicación para aforrar podía morrer xente"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Foi unha denuncia da asociación Batas Blancas a que acabou por facer actuar á Fiscalía no caso dos atrasos no acceso ao tratamento por parte de varios enfermos de hepatite C. O seu voceiro é Evaristo Varo, xefe da Unidade de Transplante Abdominal do CHUS, quen atendeu persoalmente a varios dos afectados. A un deles púidolle salvar a vida logo de enviar, xunto a outros dous compañeiros, ,unha carta ao Sergas saltando todos os protocolos oficiais

Satisfeito coa decisión da Fiscalía?

Estamos contentos, non só por Batas Blancas senón porque é un motivo de alegría para todos os enfermos e para todos os galegos. Calquera de nós pode caer enfermo, mesmo o señor Feijóo pode enfermar. E sabemos que se non se fan ben as cousas ou non se administran os medicamentos axeitados, a xustiza debe actuar e investigar e, de ver delito, sancionará. É un motivo de ledicia para calquera cidadán. 

"Se non se fan ben as cousas ou non se administran os medicamentos axeitados, a xustiza debe actuar e, de haber delito, sancionar"

Como e por que se decidiron a denunciar a situación?

Como responsable de transplante hepático do CHUS de Compostela, eu e máis o meu equipo viamos que a enfermos graves, que viñan para transplantes ou estaban en listas de espera, non se lles estaba administrando en tempo e forma a medicación axeitada. Fixemos varias reclamacións e seguimos a vía normal e ordinaria, pero chegou un momento no que o atraso era tal que as consecuencias eran as mortes de pacientes. Foi daquela cando decidimos actuar e tomar medidas. A través de Batas Blancas organizámonos en áreas especialmente sensibles na sanidade galega onde viamos que calquera erro afectaba de forma especial e importante aos doentes. Xuntámonos os profesionais e presentamos á Fiscalía o que detectaramos. E actuou. 

Tan grave era a situación?

Levo máis de 30 anos dedicado a enfermidades do fígado, non cheguei onte. Se o puxemos en coñecemento da Fiscalía todo o que ocorreu foi por algo. De feito, o Ministerio Fiscal acabou por ver que había indicios de delito, presentou a denuncia e imputou dous cargos sanitarios da Administración galega por homicidio. 

"Feijóo e o conselleiro de Sanidade falan sen coñecer a realidade; só saben o que lles contan outras persoas"

Feijóo e responsables sanitarios da Xunta insisten en que o proceso era o axeitado e baseado en criterios médicos. É así? Como era realmente?

A Xunta, o señor Feijóo e o actual conselleiro de Sanidade falan pero creo que non coñecen a realidade, só o que lles contan outras persoas. Isto non é que un médico que pasaba por alí prescribise un medicamento eficaz pero moi caro. Non é así. Trátase de especialistas do fígado con moitos anos de experiencia que prescriben unha medicación que pasa por unha comisión de especialistas do propio hospital, formada por persoas moi capaces... Malia isto, a Xunta, ao igual que outras autonomías, esixe que tamén pase por outra comisión de hepatólogos, moitos deles con moita menos experiencia dos que prescriben o fármaco porque non son premios Nobel nin máis importantes có resto. A esa comisión chegaban ou non estas peticións, que moitas veces se atrasaban e acababan, literalmente, na nube tecnolóxica, quedaban en stand-by.  Logo, moitas destas solicitudes ou non chegaban ou chegaban moi tarde. Así funcionaba ese proceso algo kafkiano. 

"En Castilla y León contestábanse en 15 días os casos urxentes e en 4 ou 6 semanas os que non o eran; en Galicia non ocorreu así"

Non parece que fose moi eficiente, logo...

No sistema sanitario de Castilla y León, que coñezo perfectamente, en 15 días contestábanse os casos urxentes e en 4 ou 6 semanas os casos non urxentes. Aqúi non ocorreu así, aquí chegaron a pasar 6, 8 ou 10 meses. Os enfermos podían estar ben, ata que se poñían mal e morrían.

"O Sergas non quixo provocar dano, pero de xeito non intencionado si o provocou; á administración sanitaria moveuna o aforro"

Por que se facía así?

Teño moitísima fe en que a administración sanitaria non quere matar enfermos, por suposto que non, nin atrasar os tratamentos de forma deliberada. Ten que haber outro obxectivo que non sexa maligno, Deus me libre de pensar iso... Como non é iso, que é? Pois ten que ser un aforro economicista. Se alguén non fai algo ou é por aforrar ou por causar dano, e eu sei que dano non se quixo provocar, pero de xeito non intencionado si se provocou. Fíxose así porque á administración sanitaria moveuna o aforro ou a racionalización dun gasto nun tratamento vital e do que dependían vidas  humanas. É a única explicación que lle atopo e ningunha outra. 

"Na Xunta non calibraron ben o efecto que podía ter a decisión de atrasar as medicacións; non souberon medir"

Pero por que atrasar o tratamento?

Se ti atrasas o tratamento, ao final hai partidas que pasan a orzamentos doutro ano, que se dilatan... Non hai moito, o Consello de Contas chamou a atención á Xunta por desprazar millóns en gastos dun ano a outro. Hai ordes que veñen de autoridades máis elevadas que hai que cumprir... Se alguén atrasa os medicamentos, a xente pode morrer, pero na Xunta non chegaron a calibrar ben o efecto que podía ter esa decisión sobre os enfermos. Non souberon medir ben que tanto atraso podía ter estas consecuencias. 

Que lle pareceron as palabras de Feijóo dicindo que "por dous ou tres pacientes" non lle parecía "lóxico" relacionar as denuncias coa austeridade?

Pertenzo a unha xeración e a unha especialidade na que, para salvar unha vida, hai equipos que botan 14 ou 16 horas en quirófano, loitando para evitar unha morte. A nós resúltanos insultante que este señor diga que dous ou tres enfermos non poden ser xustificados polos recortes. É unha terminoloxía que bordea o desprezo á vida humana e á desgraza destas persoas e dos seus familiares. Estamos falando de vidas que desaparecen por non dar unhas pastillas. É moi grave, moi, moi grave. 

"As palabras de Feijóo bordean o desprezo á vida humana e á desgraza dos falecidos e dos seus familiares"

Confíaien que procesos como o aberto pola Fiscalía faga recapacitar ás administracións sobre a austeridade aplicada en determinados ámbitos?

Nesta vida hai que racionalizar o gasto, xestionar ben e non desbaldir os cartos, porque sabemos que se fixo, e moito, por parte de moitos partidos políticos. Pero na Sanidade non se pode racionalizar desa forma tan drástica porque hai consecuencias e esas consecuencias son mortes. O que desexamos desde Batas Blancas, de demostrarse que as mortes están relacionadas cos recortes, é que haxa un castigo exemplarizante para que no día de mañá a ningún político de ningunha ideoloxía se lle ocorra facer unha barbaridade como a que se fixo. 

"Feijóo non merece o posto que ocupa; non pode facer esas declaracións e debería pedir perdón"

Servirá para iso, cando menos?

Non hai moito, o fillo dun enfermo que falleceu por hepatite C dixo que se o falecemento de seu pai servía para que non houbese outra morte nesas circunstancias en España, daba por ben pasado o seu sufrimento. A min emocionoume e rompeume o corazón que alguén puidese dicir iso despois de perder un pai con 55 anos. Vidas como esas son as dúas ou tres das que fala Feijóo. Que o máximo responsable da Administración galega diga iso fai que este señor non mereza o posto que ten. Non pode facer esas declaracións. Debe pedir perdón porque se equivocou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.