A mediados de setembro os tres grupos da oposición galega uníronse para activar o mecanismo parlamentario que permite, unha vez por lexislatura, abrir unha comisión de investigación aínda que non a apoie a maioría absoluta do Parlamento. O falecemento dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica fora o punto de inflexión para que En Marea, PSdeG e BNG acordasen investigar o acontecido e, en xeral, o impacto dos recortes aplicados durante os anos da crise ao Servizo Galego de Saúde.
O PP deu en escoller 20 nomes de todos os propostos pola oposición e despois, 13 no seu lugar; en ambos casos excluíu a representación da familia do doente falecido sen atención médica
No entanto, este mecanismo non altera o xogo de maiorías e o PP fixo valer a súa absoluta no inicio dos traballos. Os grupos da oposición formularan uns 200 nomes de posibles comparecentes que despois reduciron a uns 80, pero os populares só deran en escoller 20 deses nomes e en vetar todos os demais. Quedaban fóra da lista comparecencias que as formacións da esquerda consideraban clave e por iso abandonaron a comisión, se ben días despois pactaron unha nova lista de 44 comparecentes como último intento de salvar a investigación. Neste caso o PP deu en acceder a incluír xa só 13, mentres desbota todos os demais.
Unha das comparecencias que non pasou ningún dos filtros impostos polo PP é a da familia do doente falecido na Estrada na persoa do seu curmán, Manuel Pereira, que vén actuando como voceiro dos familiares de José Manuel Brey. Tras constatar que o PP volveu vetar a súa comparecencia, Pereira lamenta o que considera "unha vergoña". En conversa con Praza.gal o familiar de Jose Manuel Brey interpreta en clave netamente "política" ese "veto". "Non queren que na comparecencia haxa algo emocional que os poida afectar políticamente a eles, paréceme unha falta de respecto cara á familia", lamenta dende a consideración de que "a familia, que padeceu todo isto, tamén ten algo que dicir".
Manuel Pereira, curmán de José Manuel Brey: "Estou moi agradecido aos grupos da oposición por iren da man nun caso tan grave coma este; o único que fallou nisto foi o PP"
Así e todo, a xuízo de Manuel Pereira esta é unha "demostración da actitude que teñen cos cidadáns". "Non queren -coida- que as persoas poidan falar en primeira persoa" se "isto lles supón un prexuízo político". No seu caso, como xa fixo tras o falecemento do seu curmán sen atención médica, subliña, a súa visión dos feitos é que o feito de "non haber dous médicos cando ten que habelos é consecuencia dun recorte, indiscutiblemente" e así o ía expresar na Cámara galega. Por iso "a actitude do PP, pasando o rodete, non nos gusta como familia nin como cidadáns". "E á sociedade -reflexiona- tampouco debera gustarlle que o partido que ten maioría absoluta no Parlamento teña esa actiude.
A familia do falecido no PAC da Estrada amósase disposta a acudir ás sesións á marxe da comisión que poidan organizar En Marea, PSdeG e BNG
Pereira contrasta o veto do PP, "que nin tivo o decoro de poñerse en contacto coa familia", co trato dispensado por En Marea, PSdeG e BNG. "Eu, concretamente, estou moi agradecido aos grupos da oposición, porque se uniron e van da man nun caso tan grave coma este". As tres formacións da esquerda parlamentaria contactaron coa familia e "con independencia da ideoloxía, todos se comportaron de maneira excelente", asegura. "O único que fallou nisto foi o PP", a quen atribúe "prepotencia". É por iso que Manuel Pereira confirma a disposición da familia a comparecer á marxe da comisión de investigación se o PP mantén o veto e a oposición, como leva semanas a valorar, decide organizar sesións á marxe do órgano oficial nas que sexan escoitadas algunhas das persoas cuxas comparecencias foron impedidas polos populares.
En calquera caso, Manuel Pereira resalta que a familia ten claro que, dado o plan de traballo formulado polo PP, non existirán "responsabilidades políticas" polo acontecido no falecemento do seu curmán José Manuel. "Non se van dirimir responsabilidades no político porque non queren asumilas, aínda que as hai". Así e todo, advirte, "no ámbito xudicial está todo en marcha, todo enfocado" tras a denuncia da familia. "Terémonos que conformar co que diga a Xustiza", conclúe.