O PP evitou por tres veces que comparecesen na comisión de investigación sobre os recortes sanitarios impulsada por toda a oposición e, cando En Marea, PSdeG e BNG abriron un foro alternativo para lles dar voz no recinto parlamentario, tiveron que esquivar os atrancos burocráticos e políticos para utilizar unha sala común do Pazo do Hórreo. Pero, malia aos obstáculos, este luns tres persoas directamente atinxidas polos problemas no Sergas puideron ofrecer o seu testemuño na sede do lexislativo galego.
O PP impediu que comparecesen na comisión oficial a familia do falecido no PAC da Estrada e profesionais integrados na plataforma 'PAC's en pé de guerra'
Foi finalmente nunha sala do grupo de En Marea, pactada polas tres formacións da oposición e sen distintivo partidario ningún, onde os grupos da esquerda parlamentaria recibiron o voceiro da familia de José Manuel Brey, o home falecido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen atención médica. Tamén a Eduardo Díaz e Pilar Rodríguez, médico e enfermeira en senllos PAC e activistas contra os recortes. Os tres apoiáronse en cadansúas experiencias persoais para, a partes iguais, admitir a profesionalidade do sistema sanitario público e a necesidade de dotalo de máis e mellores recursos. "Non queremos que morra ninguén baixo a nosa responsabilidade, queremos facer o noso traballo. Se nos deixan", resumiu Díaz, visiblemente emocionado.
A concibida como comisión alternativa á oficial, na que só segue participando o PP tras aprobar en solitario os eu plan de traballo, foi inaugurada polo curmán do falecido na Estrada. Manuel Pereira reiterou o seu agradecemento polo "afecto, empatía e comprensión dos grupos da oposición e os seus máximos representantes", a quen contrapuxo coa "falta de empatía e comprensión, a falta de humanidade coa que a familia foi tratada polos representantes do PP. "Non foron quen de ter unha soa palabra de apoio pola morte de José Manuel, non estiveron á altura", laiouse.
Manuel Pereira, curmán do home falecido na Estrada sen atención médica, contrapón o "afecto e empatía" dos grupos da oposición coa "falta de humanidade coa que a familia foi tratada polo PP"
Alén de ofrecer o seu propio testemuño, Manuel Pereira tamén achegou o do fillo do falecido a través dunha carta. "Para alguén coma min, que perdeu o seu ser máis querido", as "estatísticas" esgrimidas pola Consellería de Sanidade para amosar o bo funcionamento dos PAC "non serven para nada", evidenciou. "Na derradeira conversa que tiven co meu pai díxenlle que fose bo" a modo de chanza, lembrou. Agora, xa sen ironía, dirixe esa petición a En Marea, PSdeG e BNG, os tres grupos que deron en o escoitar. "Sexan bos e honestos; non permitan que a morte do meu pai fose en van", pediu.
A emotividade que marcou a intervención de Manuel Pereira ante os grupos da oposición galega estivo tamén moi presente no discurso do doutor Eduardo Díaz, médico nos PAC dende o ano 2009. Naquel ano, "co cambio de goberno", lembra, "instauráronse prácticas" como "non substituír ausencias" de persoal médico. Ese, asegura, foi o xermolo para que "ao non substituíren, moita xente" anotada nas listas de persoal do Sergas "optase por buscar traballo noutro lado".
O doutor Eduardo Díaz relata situacións como "un pico de 127 pacientes por médico nunha garda de 24 horas ou 109 citados nunha soa mañá para un só médico nun centro de saúde"
Ante a carencia de persoais, relatou, os que seguen nos servizos de Atención Primaria do sistema público galego vense "sobrecargado". Sirvan como exemplo, citou, "un pico de 127 pacientes por médico nunha garda de 24 horas ou 109 citados nunha soa consulta de mañá para un só médico nun centro de saúde da provincia de Pontevedra". El mesmo, admite, decidiu "renunciar a exercer consultas" por mor da sobrecarga e, cando en 2015 regresou tras se presentar ás correspondentes oposicións, "as carencias eran as mesmas".
Os PAC, detalla o doutor Díaz, son a mellor mostra da saturación do sistema. "A xente vén aos PAC a resolver o que non poden resolver nas consultas das mañás" porque "non está o médico, non está substituído, non lle dan cita ata dentro dunha semana ou non hai pediatra". E diante das evidencias, reprocha, "as únicas solucións" dende a Consellería "veñen sendo parches" con ofertas ao persoal médico que non o sacan da precariedade.
"Parece impactante, pero son situacións comúns"
Pilar Rodríguez, enfermeira nun PAC: "Non se pode continuar coa política de facer máis con menos"
Tanto Eduardo Díaz como a enfermeira Pilar Rodríguez, tamén activa membro da plataforma PAC's en pé de guerra, relataron ante os representantes de En Marea, PSdeG e BNG as súas experiencias cotiás para clamar por máis medios. Situacións como a padecida na Estrada "son impactantes, pero máis comúns do que se pensan", afirma a traballadora sanitaria, quen lembra que durante meses a "única resposta que tivemos no Sergas" foi "acusarnos de xerar unha situación de alarma". "Desgraciadamente -constatou- o tempo deunos a razón".
"Desgraciadamente, o tempo deunos a razón"
Efectivamente, constata Pilar Rodríguez, a Consellería de Sanidade está a contar a verdade cando di que "está aumentando a carteira de servizos de Atención Primaria", pero este incremento "non foi parello" no cadro de persoal. "Non se pode continuar coa política de facer máis con menos" porque é tanto como poñer en risco a poboación, sinala. Para evitalo, di, o PP e a Xunta deberan comezar por "escoitar a quen xestionamos día a día a nosa sanidade con poucos recursos" no canto de "censurar as nosas intervencións".
Os tres grupos da oposición coincidiron en sinalar que as comparecencias que eles mesmos impulsaron constatan as súas alertas. "Por máis que se trate de manipular, a cidadanía sabe o que está a acontecer e estas comparecencias son un exemplo cidadán e profesional", subliña Luís Villares no nome de En Marea. Para o voceiro do PSdeG en materia sanitaria, Julio Torrado, esta primeira sesión certifica que o falecemento no PAC da Estrada foi froito da política de "xogar ao límite " co persoal sanitario. Segundo a líder do BNG, Ana Pontón, estas comparecencias, tan "clarificadoras" como "duras", evidencian "a magnitude dos problemas da sanidade pública galega".