A UE obriga a mudar dende agosto leis dos medios públicos como a que vén de impor o PP en Galicia

Sede dos medios públicos galegos © CRTVG

Televisións e radios públicas terán que blindar os seus xornalistas, mudar os modelos de elección de altos cargos e transformar o sistema de financiamento

O próximo 8 de agosto será unha data notable para os traballadores dos medios públicos españois, a Corporación de RTVE e ata 14 entes autonómicos que contan con emisoras de radio de televisión, ademais de plataformas dixitais, entre eles a CSAG, a antiga CRTVG. A partir dese día, España e as comunidades autónomas están obrigadas a cumprir as disposicións do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios (EMFA, polas súas siglas en inglés).

A Unión Europea, co aval do Consello, a Comisión e, sobre todo, o Parlamento Europeo (co voto a favor de todos os partidos españois representados en Estrasburgo, fóra da ultradereita de Vox), puxeron negro sobre branco as condicións que deben atender os medios públicos para cumprir o seu papel.

Mobilización do colectivo Defende A Galega na CRTVG © Defende A Galega

Non é un regulamento caprichoso. A nova norma nace da crecente preocupación ante a erosión da independencia dos medios públicos en varios Estados membros da UE, onde se constatou unha instrumentalización política para favorecer ao goberno de quenda. Un diagnóstico fácil de entender no caso español, onde o máis habitual é que os executivos cedan á tentación de controlar as emisións, en particular os informativos, para poñelos ao servizo dos seus intereses.

Neste contexto, o regulamento establece mecanismos destinados a garantir que os medios de titularidade pública actúen con autonomía editorial plena, dispoñan dun financiamento previsible e suficiente, e estean suxeitos a sistemas de gobernanza baseados en criterios transparentes, abertos e non discriminatorios. O seu obxectivo é preservar a función da radio e a televisión públicas como garantes do pluralismo informativo, o interese xeral e a cohesión democrática, blindándoos fronte a inxerencias partidistas e asegurando que representen a toda a cidadanía, non aos intereses dun poder político concreto.

De obrigado cumprimento

A Comisión Europea poderá actuar contra España se os gobernos central e autonómicos non mudan as normas que rexen os seus medios públicos

O interesante da EMFA é que, neste punto, é de aplicación directa. Tanto o Goberno de España como os das comunidades autónomas están obrigados a cumprilo. Iso significa que, polo menos en teoría, se España non acomete cambios nesta materia, arríscase a sancións. A Comisión Europea pode iniciar un procedemento de infracción se un Estado membro non aplica ou aplica incorrectamente un regulamento. En última instancia, o caso pode chegar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), que pode impoñer sancións financeiras.

Non cumprir tamén pode dar lugar á aplicación do procedemento do Rule of Law, un proceso institucional da Unión Europea creado para supervisar e protexer o Estado de dereito en todos os Estados membros. Este mecanismo actívase cando existen indicios de que se están poñendo en risco principios básicos, entre os que está a liberdade de expresión e os medios de comunicación independentes.

Concepción Pombo comparecendo no Parlamento como candidata que o PP imporá como nova presidenta da CSAG CC-BY-NC-SA Praza.gal | Sinal institucional Parlamento

A Comisión Europea realiza cada ano un informe sobre o Estado de dereito en cada país, que España coñece ben en relación co Consello Xeral do Poder Xudicial, onde examina aspectos como a liberdade e a independencia dos medios públicos. Se detecta problemas —por exemplo, interferencias políticas en medios públicos contrarias á EMFA— iniciará un diálogo formal con ese Estado membro para resolver as deficiencias que se traducirá en recomendacións concretas e pode incluír a mobilización do Consello da UE para facer un seguimento.

Máis aló de sancións legais, o mecanismo ten unha forte compoñente reputacional: os informes públicos e as discusións no Consello poñen en evidencia ante toda a UE e a opinión pública internacional aos gobernos que non respectan os estándares democráticos, o que pode afectar a imaxe internacional do país e a súa posición en negociacións e fondos europeos.

Pero non só iso. Se a situación non mellora, o mecanismo pode derivar en medidas máis duras, como a suspensión de fondos europeos vinculados a dereitos fundamentais ou procedementos de infracción ante o Tribunal de Xustiza da UE.

Tripla esixencia

Non estamos, nin moito menos, nesa fase. Pero España corre riscos, porque está lonxe do que pide a UE. O Regulamento Europeo de Liberdade de Medios esixe tres cousas para garantir a independencia editorial nos medios públicos.

En primeiro lugar, recomenda a adopción de normas internas claras e comités independentes para protexer a liberdade dos xornalistas fronte a presións internas ou externas. Traducido á linguaxe da realidade, iso significa estatutos de redacción (un documento que recolla os principios éticos, os dereitos dos xornalistas e os procedementos para resolver conflitos coa dirección) e consellos de redacción (un órgano elixido polo persoal xornalístico que pode emitir informes ou vetar decisións que afecten a independencia profesional).

En España téñeno poucas cadeas públicas. Existe na catalá TV3 desde 1992; na vasca EITB (teñen un estatuto redactado polos profesionais e aprobado pola dirección; o consello actúa como mediador en caso de conflito) e na andaluza Canal Sur desde 2005. Non é casualidade que se trata das tres comunidades autónomas que mellor desenvolveron órganos de supervisión independentes en forma de consellos audiovisuais ou, no caso catalán, do Consello da Información. En Galicia a lei acabada de aprobar suprime eses órganos, si contemplados na nunca aplicada lei de 2011.

Redacción nos medios públicos galegos en San Marcos © CRTVG

Tamén en RTVE, que ten un Estatuto de Información desde 2008, que recoñece dereitos fundamentais do persoal xornalístico, e un Consello de Informativo, elixido polos propios profesionais. E iso é todo. As outras once cadeas públicas carecen de normas internas claras e comités independentes para protexer a liberdade dos xornalistas fronte a presións internas ou externas.

Equipo directivo

Na nova lei galega o PP introduciu unha disposición para aprobar o nomeamento da nova presidenta da corporación por maioría absoluta se, como sucede na actualidade, non hai votos dabondo para unha maioría cualificada

A segunda esixencia da EMFA é que o nomeamento do equipo directivo dos medios públicos se base en procedementos abertos, transparentes e non discriminatorios, con duración limitada e causas claras de cesamento. Iso que significa? Que debe facerse por concurso público con méritos profesionais, avaliarse a través dun órgano plural e independente e levar a cabo mediante votación cualificada do parlamento autonómico.

No canto diso, en moitas comunidades autónomas, os nomeamentos seguen sendo políticos, con maioría simple do parlamento baixo control dos gobernos de quenda. Na nova lei galega o PP introduciu unha disposición para aprobar o nomeamento por maioría absoluta se, como sucede na actualidade, non hai votos dabondo para unha cualificada. 

A terceira esixencia á que deberían adaptarse a radio e a televisión públicas en España ten que ver co financiamento, que debe ser “plurianual, estable e adecuado”, debe estar separado dos orzamentos xerais para evitar castigos ou premios en función dos contidos, e ten que basearse en mandatos de servizo público definidos e avaliables.

En España, en todas as cadeas o financiamento depende dun ou outro modo do orzamento anual. Non existen contratos-programa plurianuais ben desenvolvidos, o que deixa aos entes expostos a recortes ou ampliacións en función de afinidades políticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.