González Casares resalta que "xa sabemos" que a CSAG non cumpre as "garantías para evitar o control político nos medios públicos establecidas na normativa" comunitaria e "non imos aceptar" que a Comisión Europea "mire para outro lado"
A situación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), a antiga CRTVG, volverá ecoar nas institucións europeas. Co pano de fondo da despregadura do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios, cuxos preceptos para as radios e televisións públicas coliden con varios cos da lei galega dos medios vixente dende o pasado ano, o eurodeputado do PSdeG disponse a pedir á Comisión Europea que comprobe se na Televisión de Galicia e na Radio Galega se "respectan os estándares" comunitarios en materias como a liberdade de información ou a pluralidade.
Despois de que, en 2024, a Comisión Europea xa lle respondese que permanecería "atenta" a se a reforma legal galega respectaba principios como a independencia dos medios públicos, Nicolás González Casares explica que "xa sabemos que non" se cumpren na CSAG as "claras garantías para evitar o control político nos medios públicos que establece a normativa europea". E "non imos aceptar que o PP os use como ferramenta partidista e Europa mire para outro lado".
Neste sentido, resalta, a súa intención é actuar nunha dupla vía. Por unha banda, "impulsar novas iniciativas no Parlamento Europeo" e tamén "trasladar a cuestión á Comisión Europea para que siga de preto o que está a acontecer na corporación pública galega". Porque do que se trata é de "garantir", mesmo coa intervención europea, que "os medios públicos galegos cumpran o seu papel de ofrecer información plural e independente ao servizo da cidadanía".
A deputada Silvia Longueira apunta aos "450 procedementos laborais perdidos", aos 408 venres negros ou á caída das audiencias como mostra do que "non é só un conflito laboral", senón "un problema democrático"
González Casares avanzou este venres as devanditas iniciativas nunha comparecencia canda Silvia Longueira, representante socialista na comisión de control da CSAG no Parlamento. Para "entender a dimensión completa do problema" que o PSdeG traslada á UE, resalta, cómpre atender a datos coma os "arredor de 450 procecementos laborais perdidos nos tribunais" pola CRTVG dende 2009 os cales, entre "indemnizacións, atrasos salariais, regularizacións e custas procesuais acumuladas" roldan uns "60 millóns de euros de diñeiro público".
Todo isto sucede tras "máis de 400 semanas consecutivas" de venres negros e nun contexto de baixada das audiencias da TVG ata chegar "ao 8,4% en 2025, o peor dato da súa historia". Son indicadores, sinala a parlamentaria, que evidencian que "non estamos só ante un conflito laboral", como reitera a dirección da canle pública, senón "ante un problema democrático" e, "ante a falta de respostas no Parlamento galego", cómpre "dar un paso máis e levalo tamén ao ámbito europeo".