Coa ditada a pasada semana son xa dúas as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenan a CRTVG (agora CSAG) por represaliar traballadores críticos coa dirección dos medios públicos e mobilizados con Defende A Galega nos Venres Negros.
Xa son dúas as sentenzas contra a antiga CRTVG por represaliar persoal crítico coa dirección que participa en Defende A Galega. A CSAG disponse a recorrer no Supremo a ditada a pasada semana polo Tribunal Superior de Galicia
A primeira vez, nun ditame que se tornou firme en 2022, o Superior confirmou a condena á CRTVG por vulnerar o dereito á liberdade de expresión de Carlos Jiménez —un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación— e vinculaba a sanción que recibira da compañía á súa mobilización nos Venres Negros.
Agora, o TSXG condena a corporación dos medios públicos galegos por represaliar unha traballadora que reivindicara dereitos laborais e denunciara que o seu traslado de forma repentina á Radio Galega desde a TVG despois de 25 anos na televisión fora, en realidade, unha resposta ás súas críticas á dirección e á súa participación en Defende A Galega.
O tribunal di que a dirección dos medios públicos "non achega unha xustificación obxectiva e razoable que desvincule o cese dos indicios de represalia", anula o seu traslado e ordena a súa indemnización con 7.501 por "vulneración dos dereitos fundamentais".
A sentenza do TSXG marca "un antes e un despois" na batalla xudicial que persoal da CSAG libra contra a dirección
O cambio de posto desta traballadora fora un dos numerosos "traslados forzosos" que denunciou o comité intercentros da compañía, que entendeu que aquela mudanza e a doutros tres compañeiros debíase a represalias polas súas críticas á xestión da CRTVG.
Malia que o xulgado do Social de Santiago non vinculara o cambio á actividade crítica e á mobilización da redactora, o TSXG si considera relacionados ambos feitos nunha sentenza que abre opcións a condenas similares noutros casos aínda xudicializados e que marca "un antes e un despois" na batalla que desde hai anos libra boa parte do persoal dos medios públicos coa dirección.
Así o cre Raquel Lema, delegada da CUT e presidenta do comité intercentros da CSAG, que considera o ditame "importantísimo" porque "deixa probadas as represalias que persoal levamos denunciando tantos anos". "Subliña que a empresa vulnerou a garantía de indemnidade que protexe o persoal fronte a represalias por exercer actividades sindicais ou reivindicativas. "Xa que logo, o tribunal considera que se vulnera esta garantía tamén cando se exercen accións fóra da esfera xurídica ou administrativa, como no caso da participación en Defende A Galega", explica.
"A sentenza deixa probadas as represalias que denunciamos e limita o poder absoluto que a CSAG cría que tiña", di Raquel Lema, presidenta do comité
A sentenza, segundo Lema, ten "un altísimo valor no contexto de padecemento" no que di que está inmerso boa parte do persoal dos medios públicos galegos. "Limita a posibilidade da compañía de realizar cambios inxustificados coa escusa de que non son unha modificación substancial das condicións de traballo, que era o argumento que utilizaba para represaliar a quen era crítico; agora terá que xustificar calquera cambio ou traslado que consideremos de entidade e xustificar por que escolle a quen teña unha actitude reivindicativa", comenta.
"Esta sentenza limita o poder absoluto que a CSAG cría que tiña; están contra as cordas porque xa non poderán xustificarse en que estes cambios de posto ou traslados son menores... Polo menos cando afecten a quen é crítico, terán que xustificalos", engade Lema, que recoñece que o ditame do TSXG é "aire fresco". "Supón coller folgos para seguir denunciando, sabendo que enfrontarse á dirección supón ser represaliado", explica quen recoñece tamén o "desánimo grande" que leva acumulado tanto persoal.
Agora, a CSAG decide recorrer ao Tribunal Supremo, como adoita, levando o conflito xudicial á última instancia. "Xogan a desgastar, a pagar cos cartos de todos e todas estes recursos, o que nos obriga a armarnos de valor porque as represalias pasan unha factura psicolóxica moi grande", conta quen destaca que, a raíz desta sentenza, moitas traballadoras e traballadores senten que "paga a pena loitar".
"A decisión xudicial amplía a protección de dereitos máis aló dos conflitos estritamente laborais, incluíndo protestas contra a manipulación"
Por outra banda, a agrupación de xornalistas de CCOO considera que o pronunciamento do TSXG "reforza a protección das persoas profesionais da información cando denuncian presións ou malas prácticas dentro dos medios". "Tamén evidencia que a participación en mobilizacións en defensa dun xornalismo independente forma parte do exercicio lexítimo da liberdade de expresión", di a federación estatal do sindicato, que advirte do "problema estrutural" que sofren os medios públicos galegos.
"A decisión xudicial amplía a protección de dereitos máis aló dos conflitos estritamente laborais, incluíndo protestas contra a manipulación informativa", engade CCOO, mentres que o colectivo Defende A Galega destacou que a nova condena á Corporación "por vulnerar os dereitos fundamentais do persoal" supón condenar "polas represalias a unha traballadora por defender uns medios públicos que o sexan". "Por Defender A Galega. A túa. A de todas", conclúen.
"Condenan a CSAG polas represalias a unha traballadora por defender uns medios públicos que o sexan"
"A mágoa é que ninguén asume responsabilidades. E pagar indemnizacións cos cartos de todos é moi cómodo. Mentres non haxa condenas con nomes e apelidos seguirá habendo compañeiros e compañeiras castigadas por defender o que é de todos e todas", reaccionou á sentenza Ana Pérez, xornalista histórica da TVG que denunciou tamén ser represaliada e castigada polas súas críticas á dirección da Corporación. "Se ergues a voz, castígante", expresou nunha recente entrevista con Praza.gal.
Pérez deixara de presentar informativos logo de 23 anos tras unha decisión que considerou unha "represalia". Foi un dos primeiros movementos ou traslados que desde Defende A Galega ou o comité intercentros sempre consideraron castigos pola actitude crítica dos traballadores.
Varias sentenzas condenatorias
Porque antes de facerse dez semanas dos Venres Negros, hai xa máis de sete anos, na CRTVG chegou a dimisión dos presentadores do Telexornal Tati Moyano e Alfonso Hermida en protesta polo control informativo. Estes xornalistas encabezaron unha lista de profesionais que foron esvaecéndose da pantalla, ou afastados dos micrófonos, a medida que avanzaba a súa participación coas camisolas negras, das que nunca se informou dende os propios medios públicos, nin cando Defende a Galega gañou o Premio José Couso de Liberdade de Prensa en 2019, outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Ferrol.
A resposta interna non cesou. En 2022 quedou avalada a sentenza que condenaba o ente público por represalias contra un traballador mobilizado e visible dentro do colectivo Defende a Galega. Outras demandas non correron a mesma sorte, pero as sentenzas condenatorias seguiron chegando, como sucedeu nunha das últimas folgas ou cando a obrigou a rectificar unha información falsa. Hai só uns días, o Tribunal Supremo condenaba a CRTVG por restrinxir permisos ao persoal para ir ao médico.