Nova condena á TVG tras cambiar a quenda dun traballador e vulnerar o seu dereito á folga

Concentración ás portas da sede central da CRTVG durante a folga do pasado outubro CC-BY-NC-SA Comité de folga
Publicidade
Publicidade

Outra condena contra os medios públicos. O Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela condenou a CRTVG —agora chamada CSAG— por vulnerar o dereito á folga dun traballador ao que enviou á quenda de tarde para evitar que participase nos paros parciais que o pasado outono se realizaban durante a mañá na TVG. 

O tribunal ordena a compañía a devolver de maneira "inmediata" ao seu horario a este produtor, do que considera estimada en parte a súa demanda. Así, declara a "nulidade" do cambio de quenda aplicado pola empresa e insta á "reposición" do traballador "nas condicións previas de orixe. A sentenza considera que as modificacións impostas ao denunciante acabaron "lesionando o dereito fundamental do actor ao libre exercicio do seu dereito de folga", razón pola que condena tamén á corporación a pagarlle unha indemnización de 7.501 euros. 

Redacción baleira na sede da CRTVG durante unha xornada de folga CC-BY-NC-SA CIG-CRTVG

Todo aconteceu cando, no pasado mes de outubro, o comité de empresa da CRTVG convocou paros parciais en días alternos, de 11:30 a 13 horas, coincidindo coa emisión na TVG d'O Termómetro, programa de entretemento coproducido e que substituíra o emblemático espazo d'A Revista. Casos como este foron algún dos motivos da convocatoria de folga por parte dos sindicatos, que consideran o cambio unha "externalización" ao estar o control dos contidos en mans dunha produtora, deixando a parte técnica para o persoal dos medios públicos. 

O xulgado entende que a TVG cambiou a quenda a un traballador mobilizado na folga para evitar que secundase os paros e sen xustificar as necesidades desa mudanza

No primeiro día dos paros, o pasado 7 de outubro, este produtor foi advertido do cambio de quenda por parte da corporación, que alegou "razóns estruturais", a partir do día 21. Deixaría o horario de 7:30 a 15 horas para traballar de 14:30 a 22 horas e el —activo nas mobilizacións e participante na folga, afiliado ao sindicato maioritario (CUT) e presente nas listas a eleccións sindicais— sería substituído por un compañeiro que non secundara os paros. 

Publicidade
Publicidade

O traballador demandante si secunda a folga durante as semanas previas ao cambio de quenda, que é aprazado cautelarmente durante un período de folga que logo se fixo indefinido. Logo, rematado o conflito, volve ser enviado á quenda de tarde. 

A sentenza considera que a CRTVG "non logrou acreditar" esas necesidades estruturais que xustificasen o cambio de quenda e que se baseaban, segundo a empresa, nas xubilacións que se deran no horario vespertino. O ditame, ao que tivo acceso Praza.gal, entende que a corporación podería ter achegado as comunicacións nas que o xefe de produción alegaría esas necesidades, así como os contratos dos compañeiros onde se certificase a súa ausencia ou horario, pero non o fixo. 

SOS na CRTVG en folga, no outono de 2024 CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

"Máis protexidas"

"Estamos todas nós un pouquiño máis protexidas para exercer o dereito á folga sen sermos represaliadas", celebra o sindicato CUT, que lembra que o traballador demandou a empresa por vulneración deste dereito ao entender o cambio de quenda como "un intento ilegal da empresa de salvagardar a produción do programa dada a súa condición de folguista". 

Ante a sentenza cabe agora recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O ditame únese a unha recua de resolucións xudiciais nas que a corporación dos medios públicos é condenada por vulnerar o dereito á folga do seu persoal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.