A Xustiza condena a CRTVG a rectificar no seu principal espazo informativo unha información sobre o BNG por "non axustarse á realidade do ocorrido". O Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Santiago estima a demanda presentada polo Bloque contra Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, e a propia Corporación e declara o dereito da formación nacionalista a rectificar unha información difundida polo Telexornal Mediodía do pasado 10 de xaneiro.
Aquel día, a televisión pública emitiu unha peza na que facía referencia á ausencia do BNG no acto convocado pola Fundación Castelao con motivo do 75º aniversario do falecemento do histórico político celebrado o 7 de xaneiro en San Domingos de Bonaval. Unha información "cuxa inveracidade resultaba patente e inmediata", segundo di a sentenza, á que tivo acceso Praza.gal.
O Telexornal informou da ausencia do BNG nunha homenaxe a Castelao cando había cinco representantes da formación no acto
As propias imaxes do acto deixaban clara a presenza alí da viceportavoz paralmentaria do Bloque, Olalla Rodil; da alcaldesa de Santiago e tamén membro da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín; ademais das deputadas nacionalistas da Deputación de Lugo, Iria Castro, ou da Deputación da Coruña, Natividade González, ademais da tenente de alcaldesa de Compostela, Miriam Louzao.
"Trátase dunha información que non se axustaba á realidade do ocorrido, o que foi recoñecido expresamente polo director da CRTVG, que o atribuíu a un erro material sen outra intención, polo que non cabe dúbida de que concorre o requisito básico que se erixe como presuposto do dereito de rectificación", di o maxistrado, que aclara que existe "información de feitos que eran inexactos, sendo plenamente admisible o prexuízo que iso podería causar á formación política, claramente afectada pola súa divulgación, ao non axustarse á realidade do ocorrido".
A sentenza ditamina que o Telexornal emitiu unha información "cuxa inveracidade resultaba patente e inmediata"
Así, a sentenza condena a Sánchez Izquierdo e á CRTVG a difundir e divulgar no Telexornal Mediodía, nun prazo de tres días "e con igual relevancia que tivo a noticia rectificada" o contido principal da carta de rectificación remitida por Olalla Rodil o día 10 de xaneiro. O prazo comezará a contar dende que adquira firmeza unha sentenza contra a que cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.
Nela, Rodil lembra como o xornalista encargado de ler a información expresou, "na súa literalidade", o seguinte: “Neste ano dedicado a Castelao a Xunta está organizando actividades para lembrar a figura deste galego universal. Nun destes primeiros actos, organizado pola Fundación Castelao, non estivo o BNG. Para o Conselleiro de Cultura trátase dunha triste noticia”. A continuación, ademais, inseríronse declaracións do conselleiro que "insiste na mesma idea".
"É obvio que o que se di é total e absolutamente mentira e a CRTVG sábeo ou debera sabelo porque cubriu ese acto tendo imaxes nas que se poden ver as persoas que asistiron en representación do Bloque Nacionalista Galego", di a carta que agora terá que lerse no Telexornal.