Adeus definitivo á era de Alfonso Sánchez Izquierdo á fronte dos medios públicos galegos. O pasado 8 de xullo de 2025, os votos en exclusiva do PP no Parlamento elixiron como nova directora xeral da agora denominada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —antes CRTVG— a Concepción Pombo. Tres días despois, o dirixente saínte enviaba unha carta de despedida ao persoal tras o seu "dilatado período" á fronte do ente, o que considera "a máis alta honra que un profesional da comunicación pode desempeñar en Galicia". Neste martes, ese mesmo persoal foi informado da nova dirección aprobada no Consello de Administración do luns, que aposta polo continuísmo ao consolidar o groso dos seus cargos.
A nova composición da dirección da CSAG, á que tivo acceso Praza.gal e cuxa estrutura pode consultarse na web da Corporación, sitúa Alejandro López Carballeira como director do Departamento de Información e Documentación e a Pilar Bermúdez como directora da División da Área de Contidos.

No caso de Bermúdez, foron numerosas as críticas pola súa pola súa vinculación evidente co PP, partido do que foi interventora, e partidos como o PSdeG solicitaran mesmo a súa dimisión cando era a directora de Informativos. López Carballeira, que ascende desde unha subdirección, fora tamén censurado tras ser designado como moderador do debate electoral que a televisión pública organizou durante a campaña electoral de 2024, ao considerar a oposición que non era idóneo pola súa suposta afinidade e vinculación co Partido Popular.
Alejandro López Carballeira será o director de Información e Pilar Bermúdez, da Área de Contidos, nunha dirección continuísta
Ademais, Víctor Tubío será o director do Departamento da Xestión das Persoas, Marta Fernández xefa do Servizo de Comunicación Corporativa e Alfabetización Dixital e Marta Darriba, subdirectora de Xestión dos Servizos Informativos. Marcos Sueiro, pola súa banda, ocupará o cargo de redactor xefe Multimedia, mentres que Esther Medina encargarase da xefatura do Servizo de Innovación e Novas Narrativas no Entorno Dixital.
A Subdirección de Produción Propia, Emisións e Continuidade recae en Vanessa María Grela e a da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia en María Sabucedo, mentres que Natalia Penas xerá a xefa de Servizos de Xestión Operativa de Programas.
Do organigrama cesan Alfredo Malde e Fernando Rodríguez Ojea, este último pasando a ocupar un cargo de responsabilidade na Forta (Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos).
A CSAG abre un proceso de elección para catro postos directivos
Por outra banda, a CSAG informa ademais da convocatoria dun proceso de selección para diferentes postos directivos, tal e como anunciou este martes tamén o DOG: Subdirección de Formatos e Contratación de Contidos, Xefatura de Servizo Redactor Multimedia, Xefatura de Servizo de Produción de Informativos e Xefatura de Servizo de Identidade Visual, Corporativa e Realización.
Este proceso lévase a cabo ao abeiro do artigo 45 da nova lei dos medios públicos de Galicia, que ordena a selección de persoal directivo profesional na CSAG "efectuarase mediante unha convocatoria pública, de acordo cos principios de concorrencia, mérito e capacidade, entre o persoal laboral da Corporación ou outras persoas que cumpran os requisitos necesarios para participaren na convocatoria".
A nova dirección da anteriormente denominada CRTVG dá os primeiros pasos tras a marcha de Sánchez Izquierdo, que foi substituído por Concepción Pombo, á que lle foron dabondo os votos do PP porque a nova lei dos medios públicos, en vigor dende abril, permite esquivar a maioría reforzada de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45) se non se logran nas dúas primeiras votacións e, na terceira, elixir a dirección por maioría absoluta.
Rematou así tamén definitivamente a paréntese fixada sobre o papel pola anterior lei dos medios públicos, a que o PP accedeu a aprobar en 2011 e que convertía en imprescindible o requisito da maioría reforzada para a dirección xeral. Durante os seus primeiros catro anos de vixencia, os populares simplemente evitaron aplicala e, contra finais de 2015, reformárona en solitario para manter a Sánchez Izquierdo no posto por tempo indefinido. Foi así como estivo ao mando da CRTVG por 16 anos, a maior parte deles estando vixente unha norma que limitaba o seu mandato a cinco anos, prorrogables por outro tanto unha soa vez.
"Desculpas polos erros"
Na carta dirixida ao persoal da CSAG, á que tivo acceso Praza.gal, Sánchez Izquierdo asegura que durante os seus 16 anos á fronte deulle "prioridade a dous grandes obxectivos": "asegurar a continuidade da Corporación, hoxe plenamente consolidada; e administrar responsable e eficazmente os recursos que os cidadáns de Galicia puxeron ao noso dispor para retornalos convertidos en prestacións de servizo público".
Sánchez Izquierdo asegura que o fixo "nunha contorna acelerada de cambio continuo" polo xurdimento de novas canles de televisión e radio en liña, a aparición de plataformas dixitais "con recursos económicos inxentes", a eclosión das redes sociais ou a permanente actualización tecnolóxica. "Este novo escenario obrigou a cambios de regulación e competencia moi importante aos que tivemos que adaptarnos: tres leis dos medios públicos, dúas directivas da UE e dúas leis xerais de comunicación de carácter estatal", lembra.
O xa ex-director xeral agradece aos directos e traballadores o seu labor e ofrece as súas "desculpas" polos "erros que sen dúbida se puideron producir, aínda que fosen nun contexto de boa intención". Ademais, traslada os seus mellores desexos a todos aqueles dos que "depende o futuro e os logros da nova CSAG, sempre ao servizo do noso país que é Galicia".