Segunda dirección dos medios públicos do PP dende 2009 tras trece anos a esquivar a lei

Feijóo con Sánchez Izquierdo e Concepción Pombo, nova directora xeral da agora chamada CSAG CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Xunta, CRTVG e sinal institucional Parlamento

Os votos do PP nomean directora xeral da agora chamada CSAG a Concha Pombo, xefa de informativos dende 2017 na xa extinta CRTVG, que Sánchez Izquierdo encabezou durante 16 anos, a maior parte deles cunha lei en vigor que obrigaba a substituílo por maioría reforzada do Parlamento

Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta coa promesa de acabar co "uso partidista dos medios públicos de comunicación social" mediante a "elección por maioría de dous terzos no Parlamento" tanto da dirección xeral como do resto do consello de administración da CRTVG. Así figuraba no programa electoral co que o PP gañou por maioría absoluta as eleccións galegas do 1 de marzo de 2009.

En virtude daquel resultado, o candidato do PP converteuse en presidente da Xunta o 18 de abril dese ano. Apenas un mes despois, o 29 de maio, tomaba posesión como director xeral dos medios públicos Alfonso Sánchez Izquierdo, elixido directamente por Feijóo en virtude da lei de creación da CRTVG, que dende 1984 puña ese nomeamento nas mans da Xunta. O Goberno de coalición PSdeG-BNG chegara a impulsar unha lei para reformala, pero a tramitación non rematara por mor do adianto das eleccións.

Concepción Pombo, comparecendo como candidata do PP á dirección xeral da CSAG o pasado maio CC-BY-NC-SA Praza.gal | Sinal institucional Parlamento

Este 8 de xullo de 2025 rematou definitivamente a era de Sánchez Izquierdo. Os votos do PP do Parlamento elixiron como nova directora xeral a Concepción Pombo. Foron dabondo porque a nova lei dos medios públicos, en vigor dende abril, permite esquivar a maioría reforzada de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45) se non se logran nas dúas primeiras votacións e, na terceira, elixir a dirección da agora denominada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) por maioría absoluta.

Sindicatos, persoal mobilizado, BNG e PSdeG consideran un "premio" á "manipulación" o nomeamento de Pombo, rexeitado con protestas da nova rede RTVs Públicas en Loita, que xunta comités de todo o Estado

Remata así tamén definitivamente a paréntese fixada sobre o papel pola anterior lei dos medios públicos, a que o PP accedeu a aprobar en 2011 e que convertía en imprescindible o requisito da maioría reforzada para a dirección xeral. Durante os seus primeiros catro anos de vixencia, os populares simplemente evitaron aplicala e, contra finais de 2015, reformárona en solitario para manter a Sánchez Izquierdo no posto por tempo indefinido. Foi así como estivo ao mando da CRTVG por 16 anos, a maior parte deles estando vixente unha norma que limitaba o seu mandato a cinco anos, prorrogables por outro tanto unha soa vez.

Rexeitamento e mobilizacións

Como é sabido, a substituta de Sánchez Izquierdo chega á cúspide da corporación tras ser a súa directora de informativos dende 2017. A esa condición, precisamente, refírense BNG e PSdeG para considerala peza clave no que consideran reiteradas prácticas de manipulación informativa e inxerencias do Goberno do PP. Tamén os sindicatos que representan o persoal dos medios públicos a través do comité intercentros da CSAG e mais o colectivo Defende a Galega, que tras 372 venres negros lamentaba estes que o PP "consumase o atraco aos medios públicos" cun "premio a quen levou a Galega ás máis altas cotas de manipulación e servilismo e ás máis baixas audiencias".

Representantes de persoal dos medios públicos, protestando na sede central da CSAG (San Marcos, Santiago) este 8 de xullo de 2025 contra o nomeamento de Concha Pombo CC-BY-NC-SA CUT CRTVG

Con todo este pano de fondo, o comité da CSAG amplía os marcos das súas reivindicacións formalizando de vez a rede cos seus homólogos do resto do Estado baixo a denominación RTVs Públicas en Loita. Baixo o lema Por uns medios públicos sen inxerencias políticas, a plataforma acompañou este 8 de xullo a mobilización do comité galego, concentrado nas instalacións centrais dos medios públicos en San Marcos (Santiago) para rexeitar o nomeamento de Concha Pombo, organizando protestas semellantes en cadanseus medios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.