Comités de medios públicos do Estado crean unha "alianza estratéxica" para defenderse da "manipulación"

Representantes dos comités de empresa dos medios públicos de comunicación de Galicia, Asturias, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Madrid, Illes Balears, Estremadura e Castela a Mancha CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

As representacións sindicais da CRTVG, RTPA, EITB, TV3, Canal Sur, Telemadrid, IB3, Canal Estremadura e Castela a Mancha Media crean a alianza 'RTVs Públicas en Loita', desde onde poderán convocar mobilizacións conxuntas

Os comités de empresa dos medios públicos de comunicación de Galicia, Asturias, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Madrid, Illes Balears, Estremadura e Castela a Mancha acordaron este sábado en Santiago de Compostela, no marco do 1º Encontro de comités de medios públicos, organizado pola representación sindical da CRTVG, a creación dunha "alianza estratéxica" para defender conxuntamente a CRTVG, RTPA, EITB, TV3, Canal Sur, Telemadrid, IB3, Canal Estremadura e Castela a Mancha Media, que consideran "ameazados" e fundamentais en democracia.

A inxerencia política nas estruturas e as redaccións para o control partidista da información e unha concepción capitalista da xestión do público, que promove privatizacións ou externalizacións inxustificadas de case todas as grellas de programación, así como a implementación de procesos de dixitalización ou renovación tecnolóxica salvaxes que vulneran o dereito á seguridade e á saúde das persoas traballadoras son os motivos que levan á creación desta alianza solidaria denominada 'RTVs Públicas en Loita'.

'Comitiva fúnebre' do persoal mobilizado na CRTVG o pasado 30 de outubro durante a folga CC-BY-NC-SA Comité de folga CRTVG

"Ante un panorama desolador que ameaza o propio papel e a independencia dos medios públicos como garantes da democracia, nace 'RTVs Públicas en Loita' para dar unha resposta coordinada desde todos os territorios desde o sindicalismo de clase, que podería activarse en calquera momento coa convocatoria de mobilizacións conxuntas, sen descartar no horizonte un gran paro xeral", aseguran nun comunicado conxunto emitido tras o encontro en Compostela.

Os comités de empresa dos medios autonómicos constataron "o avanzado estado dos procesos de privatización en cada medio, coa única excepción da radiotelevisión pública balear"

Durante as dúas xornadas de reunión en Santiago, os e as representantes dos distintos comités de empresa dos medios autonómicos constataron "o avanzado estado dos procesos de privatización en cada medio, coa única excepción da radiotelevisión pública balear, onde están a executar, e con esperanzadores resultados, xustamente o camiño inverso, apostando pola internalización de producións e servizos que antes foran privatizados". 

Ademais, comprobaron que "a intencionada e progresiva redución dos cadros de persoal foi a principal escusa argumentada polas diferentes direccións para xustificar unha externalización que en moitos casos incrementou o gasto e minguou a calidade". Externalizacións como a do programa das mañás da TVG A Revista, que desapareceu en favor do programa privatizado O Termómetro, que continúa en emisión, e que provocou a convocatoria da primeira folga indefinida no ente público o pasado outono. 

No 1º Encontro de comités de medios públicos tamén certificaron que a manipulación informativa é "unha lacra común", aínda que nalgúns casos dispoñen de "ferramentas formais" para combater esta mala praxe, que poden ser útiles tanto para disuadir como para amparar aos profesionais da información.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.