O Supremo condena a CRTVG por restrinxir os permisos para ir ao médico

Redacción baleira da CRTVG durante unha folga e fragmento da sentenza do Supremo CC-BY-NC-SA Foto: CIG / Montaxe: Praza.gal

O Tribunal Supremo condena a CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia) —antiga CRTVG— por limitar e endurecer os permisos retribuídos que ofrece ao seu persoal para acudir ao médico. Nunha sentenza feita pública o pasado mes de febreiro, e á que tivo acceso Praza.gal, os maxistrados da Sala do Social rexeitaron o recurso de casación interposto pola compañía dos medios públicos galegos e ratificaron o ditame que emitira o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en xuño de 2024.

O Supremo rexeita o recurso de casación da CRTVG contra o ditame do TSXG que impoñía os mesmos requisitos para os permisos na sanidade pública e na privada

Naquela sentenza, o TSXG estimou unha demanda anterior de conflito colectivo presentada polo sindicato USO —á que se uniron CIG, CUT, CCOO e UGT— na que se advertía da limitación do uso desta licenza laboral. Condenou a CRTVG a conceder as persoas traballadoras os permisos médicos recoñecidos no seu convenio colectivo exixindo os mesmos requisitos tanto se a atención médica se leva a cabo nun centro público como se é nun centro privado. E indicoulle que para que o persoal poida acceder a eses permisos, non se lle debe demandar ao médico xustificante ningún, como sobre a inclusión ou non do servizo requirido na carteira de servizos da sanidade pública ou sobre a súa dispoñibilidade horaria. 

Sede da CSAG, antiga CRTVG, en San Marcos CC-BY-SA CRTVG

A corporación exixía para acudir a un médico privado un xustificante do facultativo de que atención se incluía na carteira de servizos públicos e de que non podía realizarse fóra do horario laboral

Porque esa foi a "práctica empresarial", como lembra o Supremo, da corporación dos medios públicos durante un tempo. No caso de que un traballador ou traballadora solicitase ese permiso para revisión médica nun centro privado, a empresa demandáballe unha "declaración facultativa de que o obxecto da revisión está incluído na carteira de servizos do sistema sanitario público e da imposibilidade de realizarse fóra do horario de traballo da persoa traballadora". Así o reclamaba literalmente, aproveitando un cambio normativo na lexislación laboral que o comité de empresa xa criticara daquela por ser "unha interpretación espuria" desa mudanza.

"A saturación na sanidade pública provocaba que moita xente optase pola privada para algún problema de saúde e a compañía viu aí a posibilidade de aforrar eses permisos retribuídos", din agora fontes do persoal. Daquela, o comité intercentros xa denunciara o "recorte miserable duns dereitos que amparan as traballadoras en momentos especialmente sensibles da vida" e o "endurecemento da posibilidade real do goce dos permisos con requisitos inasumibles ou imposibles". 

O conflito viña de atrás, ao denunciar persoal da antiga CRTVG (agora CSAG) a solicitude duns xustificantes médicos que consideraba improcedentes e que poñían trabas a uns permisos recoñecidos no convenio colectivo. Nel, disponse que os e as traballadoras contan con permiso retribuído de asistencia ao médico —e de acompañamento de familiares— polos que poden "ausentarse do traballo para a realización de revisións polo tempo indispensable, nos casos nos que a consulta deba realizarse durante a xornada laboral e sempre que se atope incluída na carteira de servizos do sistema sanitario público". 

O Supremo lembra que o médico "non ten a obriga" de emitir ningún xustificante coas condicións que lle demandaba a CRTVG

Pero a corporación reclamaba, para conceder eses permisos, un xustificante do médico privado que certificase que o seu servizo está incluído na carteira pública sanitaria e no que demostrase que non se podía realizar fóra do horario laboral da persoa atendida. Unhas esixencias nunca feitas antes. 

Esta práctica empresarial foi cuestionada por unha sentenza que a CRTVG recorreu e o Supremo confírmaa agora aclarando que o facultativo "non ten a obriga de emitir" a declaración que lle exixe a empresa sobre se a súa atención está ou non incluída na carteira de servizos públicos, pero tampouco "se a cita era imposible fóra do horario de traballo", xa que o médico "descoñece cal é o horario da persoa traballadora". 

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, daquela director xeral da CRTVG CC-BY-SA Xunta

Ademais, o alto tribunal lémbralle á compañía que "o feito de que o convenio amplíe os permisos retribuídos respecto dos establecidos no Estatuto dos Traballadores" supón que estes sexan outorgados no caso dunha atención incluída na carteira de servizos comúns, "pero non establece mecanismos de control como os arbitrados pola empresa, que fai recaer nun terceiro a acreditación deste". 

O Ministerio Fiscal aclara que "non resulta posible impor requisitos distintos e non previstos no convenio á asistencia prestada en centros privados"

"O facultativo privado dun centro médico é alleo á relación laboral e non pode emitir declaración ningunha sobre se a cita médica puido ou non concretarse fóra do horario laboral ou se esta está incluída na carteira de servizos comúns", insiste a sentenza, que advirte de que as "obrigas documentais" do médico ou médica "cínguense" ás que establece a lei de autonomía do paciente. 

O propio Ministerio Fiscal indicara que o convenio colectivo "en caso ningún" menciona como mecanismo de control a posibilidade de solicitar este xustificante. "Non resulta posible impor requisitos distintos e non previstos no convenio á asistencia prestada en centros privados", dicía para argumentar a súa recomendación de desestimar o recurso interposto pola CRTVG. 

Ademais, o Supremo indica tamén que pretender este xustificante médico en caso de revisión médica de persoal da CRTVG supón que "poida estar comprometido o dereito fundamental á protección de datos", ao tratarse de información "que forma parte da historia clínica do paciente" e cuxa titularidade "pertence ao centro médico". "Declarar que a revisión médica prestada está incluída na carteira é unha información médica e, como tal, ten consideración de dato persoal", engade. 

A sentenza advirte de que o xustificante que demandaba a CRTVG compromete o dereito á protección de datos

"A transmisión de datos entre médico e clínica ou viceversa é unha comunicación de datos médicos especialmente sensibles", aclara o Supremo, que insiste en que estes "datos sensibles só poden tratarse por un profesional suxeito á obriga de segredo profesional ou baixo a súa responsabilidade", tal e como indican as normas comunitarias. 

Redacción na sede da CSAG, antiga CRTVG, en San Marcos © CRTVG

Así, o Supremo decide desestimar o recurso de casación que interpuxera a CRTVG e confirma e declara firme a sentenza ditada polo TSXG, que determinara xa as actuacións a seguir en virtude da demanda sobre conflito colectivo impulsada polos sindicatos.

En aplicación desde 2023

Consultada por este diario, a CSAG aclara que "a decisión do Tribunal Supremo non supón ningunha modificación" na súa política laboral, "dado que a Corporación xa vén aplicando desde hai tres anos o criterio exposto en cumprimento da sentenza do TSXG" de maio de 2023, cando o tribunal se manifestara por primeira vez sobre o conflito. 

Desde a empresa, fontes do persoal ven neste conflito outro exemplo máis da teima da dirección da corporación dos medios públicos por esgotar todas as vías xudiciais mesmo ata o Supremo "malia que o alto tribunal galego xa marcara unha posición clara". "Lonxe de quedar aí, a empresa evita o diálogo e vai ata o final para gañar tempo e xerar dúbidas", explican. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.