Feijóo lanza unha investigación contra RTVE tras oito anos de protestas nos medios públicos galegos

CC-BY-NC-SA Defende a Galega

Os 'venres negros' de Defende a Galega acumulan máis de 400 edicións e dous dos seus membros obtiveron sentenzas xudiciais que sinalan a actual CSAG por represalialos

O vindeiro maio faranse oito anos dende que persoal da daquela denominada Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) se agrupou por primeira vez no colectivo Defende a Galega. Baixo ese paraugas, a través das mobilizacións simbólicas dos venres negros o persoal mobilizado comezou a sinalar inxerencias políticas do Goberno da Xunta no seu traballo, así como outras reivindicacións laborais. 

Pasaron xa máis de 400 deses venres negros salferidos doutras protestas e acontecementos. Entre elas,  folgas impulsadas polo comité intercentros da corporación ou dúas condenas xudiciais por represaliar persoal; unha delas xa declarada firme polo Supremo e a segunda, ditada recentemente polo Tribunal Superior e que a agora Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) se dispón a recorrer, segundo confirmou este martes no Parlamento a súa directora xeral, Concepción Pombo.

Alberto Núñez Feijóo, durante unha recente sesión de control no Congreso, entre membros do seu grupo parlamentario como Tellado, Sánchez Sierra ou Varela, que xa formaban parte do seu equipo máis próximo en Galicia © PP

Pombo foi nomeada ao abeiro dunha nova lei dos medios públicos que, entre outras mudanzas, supuxo a fin do precepto legal que obrigaba a elixir a dirección xeral da corporación con máis votos ca os do PP no Parlamento -maioría reforzada e non só absoluta-. Estaba vixente dende 2011, pero nunca chegara a aplicarse.

O PP vai abrir no Senado unha pescuda política coa que acusa os medios públicos estatais de diversas irregularidades económicas e de converterse nunha "plataforma de propaganda partidista e gobernamental"

Con todo este pano de fondo en Galicia a dirección estatal do PP vén de redobrar a súa ofensiva cara a Radio Televisión Española (RTVE). E nese marco, o equipo de Alberto Núñez Feijóo, no esencial o mesmo que o acompañou nos seus anos de presidente da Xunta e do PP en Galicia, vén de decidir a apertura dunha comisión de investigación no Senado, Cámara na que gozan de maioría absoluta e na que xa levan abertas media ducia de pescudas sobre outros asuntos contra o Goberno de España ou o PSOE.

Como informa Fernando Varela para infoLibre, a solicitude de comisión de investigación rexistrada polo PP combina a atribución á dirección de RTVE de diversas cuestións raianas coa ilegalidade -dende conflitos de intereses a delitos contables- con acusacións de manipulación informativa no que a voceira do partido no Senado, Alicia García, alcuma como "telepedro". A radio e a televisión pública estatais, acusan, está a "afastarse crecentemente" das súas obrigas legais para converterse nunha "plataforma de propaganda partidista e gobernamental".

Persoal da CRTVG mobilizado durante unha xornada de folga © CUT CRTVG

"Unha hipocrisía, un cinismo absoluto"

Para a presidenta do Comité Intercentros da CSAG, Raquel Lema, impulsar esta investigación é "unha hipocrisía, un cinismo absoluto". "Sobre todo", considera, "estando nestes momentos Alberto Núñez Feijóo liderando o PP e acompañado de galegas e galegos" que formaban parte do seu equipo en Galicia. "É incrible que se atrevan a acusar a RTVE" neses termos "tendo o que teñen na súa casa de orixe, os medios de comunicación galegos" en canto a "manipulación" e "vulneración de dereitos fundamentais".

"É incrible que se atrevan a acusar a RTVE tendo o que teñen na súa casa de orixe", cre a presidenta do comité intercentros da CSAG, que pon o foco nas sentenzas "por vulneración de dereitos a traballadores que reivindican a fin da manipulación"

Neste sentido, Lema pon o foco precisamente nas devanditas sentenzas. "Aquí hai condenas por vulneración de dereitos fundamentais a dous traballadores pola súa participación activa en Defende a Galega, un movemento que o que máis reivindica" é precisamente frear "a inxerencia política e a manipulación" nos medios públicos, salienta en declaracións a Praza.gal. "Xa non é unha opinión nosa, un punto de vista diferente das traballadoras organizadas, senón sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia".

A xuízo da presidenta do comité intercentros da CSAG, o PP "primeiro debería arranxar a súa casa". Tamén no referente á lei dos medios públicos, que en Galicia "aprobaron cos seus únicos votos" e que implicou "eliminar o Consello de Informativos e o Estatuto Profesional que estaban previstos na lei de 2011, que nunca se crearon" e que están incluídos no Regulamento Europeo sobre liberdade dos medios de comunicación, vixente dende agosto de 2025.

RTVE invoca o Regulamento Europeo, que contradí a lei galega

Última entrevista de Feijóo en RTVE, en vésperas das eleccións xerais de 2023 © RTVE

Tras o rexistro da solicitude por parte do PP, RTVE respondeu cun comunicado institucional no que, como informa infoLibre, invoca precisamente Regulamento Europeo, o mesmo que contradí a nova lei galega da CSAG. Faino para advertir de que esa norma (EMFA, polas súas siglas en inglés), vixente dende agosto de 2025, prohibe aos Estados as inxerencias nas políticas e e decisións editoriais dos prestadores de servizos públicos de comunicación audiovisual. 

Considera RTVE que a iniciativa do PP vai alén do normal control parlamentario dos medios públicos porque tenta, entre outros aspectos, "cuestionar a actual liña informativa" da radio e televisión estatais. O que impulsan os populares, advirten, é un "xuízo político" e faino ademais en plena ofensiva da patronal das televisións privadas contra RTVE e mentres, ao tempo, cabe preguntarse se pretenden aplicar no Estado "criterios distintos" a "territorios onde tamén existen radiotelevisións públicas e onde os seus profesionais denuncian situacións de grave deterioro do servizo público", caso de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.