Condenada a CRTVG por represaliar unha traballadora que participa en Defende a Galega

Unha mobilización de Defende a Galega © Defende A Galega

A muller foi cambiada de posto e o tribunal di que a dirección dos medios públicos "non aporta unha xustificación obxectiva e razoable que desvincule o cese dos indicios de represalia"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a CRTVG, agora CSAG, por represaliar unha traballadora que reivindicara dereitos laborais e participara en Defende a Galega. A muller foi cambiada de posto e o tribunal di que a dirección dos medios públicos "non aporta unha xustificación obxectiva e razoable que desvincule o cese dos indicios de represalia", polo que anula o seu desprazamento e establece que a muller sexa indemnizada con 7.501 por "vulneración dos dereitos fundamentais". 

Sentenza do TSXG que condena a CRTVG por vulnerar dereitos fundamentais ao desprazar unha traballadora por participar en Defende a Galega CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza agora emitida polo TSXG, con data do 2 de marzo, corrixe outra previa dun xulgado do Social de Santiago que non vira ilegalidade na actuación da CRTVG por considerar que a mobilidade laboral da muller entraba dentro das potestades da dirección da empresa de reorganizar os seus recursos ante unha xubilación. Aquela sentenza desvinculara ese cambio de posto coa participación da muller en Defende a Galega e nos Venres Negros. Porén, o tribunal superior discrepa.

O TSXG ve "conexión" entre o cambio de posto da afectada e as súas reivindicacións "posto que a medida de mobilidade se produce en febreiro de 2023, e a demandante vén facendo reivindicacións desde cando menos o ano 2019"

A sentenza di que "non se descoñece pola empresa [que] a traballadora exerce a través da plataforma Defende a Galega unha activa labor reivindicativa fronte á política informativa da dirección da entidade, e na mobilización Venres Negros que actúan co lema da defensa do valor da información pública, reivindican medios públicos e plurais, e denuncian o despregamento pola dirección de CRTVG de políticas de manipulación informativa".

O TSXG considera que si hai unha "conexión" entre o cambio de posto da afectada e as súas reivindicacións previas "posto que a medida de mobilidade se produce en febreiro de 2023, e a demandante vén facendo reivindicacións desde cando menos o ano 2019 ata uns meses antes da medida de mobilidade". O tribunal di que "fronte a tales indicios de vulneración da garantía de indemnidade" -isto é, o dereito a non ser represaliado por reclamar á empresa- "a parte demandada non aporta unha xustificación obxectiva e razoable que desvincule o cese dos indicios de represalia". 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A sentenza lembra que "a garantía de indemnidade inclúe non só o estrito exercicio de accións xudiciais" senón tamén a outras reclamacións como as que viña facendo a afectada. E fronte a esa actividade reivindicativa da muller a dirección da CRTVG so achegou "argumentacións xenéricas" como xustificación do seu cambio de posto. Por iso, o TSXG considera "que non se acreditaran cales son eses motivos polos cales se considerou que procede mover a traballadora". E conclúe que "non lográndose acreditar unha xustificación suficiente, a mobilidade referida da demandante ha de considerarse nula por vulneración da garantía de indemnidade". 

A sentenza ordena á CRTVG, agora CSAG "cesar nesa conduta" e condénaa a indemnizar á afectada con 7.501 euros por "danos e prexuízos morais pola vulneración de dereitos fundamentais". Contra a sentenza cabe recurso de casación ante o Supremo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.