A entidade de defensa da lingua lembra que entre os seus obxectivos está a defensa do galego pero non a súa imposición, como lle atribuíu o Telexornal
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de anunciar que demandou á Corporación de Servicios Audiovisuais de Galicia (CSAG) "por difundir información falsa a través dos Telexornais da TVG" sobre a postura da entidade con respecto ao novo plan de normalización lingüística anunciado pola Xunta. Un vídeo da TVG permite comprobar que se transmitiu que a Mesa rexeita o novo plan e que os seus responsables defenden o actualmente vixente e que "un novo debe impoñer o uso do idioma". Porén, a Mesa lembra que entre os seus obxectivos estatutarios non figura "impoñer" o uso do galego.
Na súa demanda a Mesa recorda que os seus obxectivos son "normalizar, promover, velar, defender dereitos e evitar o deterioro da lingua galega", tal e como recollen os seus estatutos, e non "impoñer" o seu uso. E achega a gravación íntegra da súa rolda de prensa de valoración do novo plan proposto pola Xunta recollida incorrectamente pola TVG. Nela, di a Mesa, "pode comprobarse que nin o presidente da entidade, Marcos Maceira, nin a secretaria xeral, Celia Armas, defenderon a imposición lingüística nas súas intervencións". Achega, asimesmo, múltiples exemplos de como difundiron o resto dos medios de comunicación a rolda de prensa, "con informacións que recollen verazmente a posición da entidade".
Porén, no vídeo da TVG pode escoitarse como se di que "a Mesa pola Normalización Lingüística rexeita o Plan que presentou a Consellería para fomentar o uso do galego. Cren que é mellor o Plan de Normalización actual, vixente dende o 2004, e din que un novo debe impoñer o uso do idioma.”
O Telexornal transmitiu que os responsables da Mesa dixeran que un novo plan de normalización "debe impoñer o uso do idioma", cando non foi así
"O único medio que terxiversou resumindo a rolda co discurso da imposición lingüística foron os Informativos da CSAG", afirma a avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas. "A CSAG renunciou a informar obxectiva e verazmente e formulou unha opinión que só puido ser interpretada negativamente polas persoas receptoras da mesma", engade Quintas, "facéndoas crer que o obxectivo da Mesa é a imposición lingüística e non a defensa dos dereitos lingüísticos da poboación galegofalante". "Impoñer unha lingua", explica, "implica desenvolver un comportamento coercitivo cara a sociedade que é totalmente alleo ao obxecto social da Mesa e que só pode ser interpretado en sentido negativo, de aí que exista un dano verificábel e obxectivábel consistente en ofrecer unha imaxe da Mesa como entidade que ten un compoñente impositivo e antisocial".
"O dano provocado", engade", "non deriva dun erro involuntario no exercicio do traballo informativo dos profesionais da CRTVG, senón da cualificación negativa, carente de fundamento obxectivo, que se quixo transmitir de que se rexeitaba un plan porque non impoñía o uso do galego".
A Mesa di que solicitou formalmente a rectificación ao día seguinte da emisión desta información, por considerala inexacta e causante dun grave prexuízo á entidade, pero a dirección da TVG contestou que "a utilización do verbo impoñer pretende expresar o carácter obrigatorio ou prescriptivo das medidas ás que se refería o portavoz". Finalmente, a Mesa acabou recorrendo á xustiza "para tentar reverter o dano causado pola información falsa difundida polos medios públicos galegos, que poden fomentar hostilidade cara a entidade naquelas persoas que non coñezan o labor que A Mesa pola Normalización Lingüística realiza e os obxectivos que persegue".