BNG e PSdeG volven unirse no Parlamento europeo para denunciar de novo a "censura informativa" da TVG na cobertura da actualidade da cámara comunitaria. Nunha declaración conxunta, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, e mais o eurodeputado dos socialistas galegos, Nicolás González Casares, advertiron dun novo exemplo de “censura e manipulación informativa” por parte da televisión pública galega á hora de abordar a información sobre o debate arredor da Directiva Retorna celebrado esta semana en Estrasburgo.
Ambos os dous eurodeputados aseguran que un equipo da TVG, convidado polo Servizo de Prensa do Parlamento Europeo, desprazouse a Estrasburgo para cubrir a sesión plenaria, na que, entre outros asuntos de importancia, votouse o regulamento de retorno que permite a deportación de persoas migrantes a terceiros países.
BNG e PSdeG denuncian que a TVG informou da polémica Directiva de Retorno sen informar da oposición contraria da esquerda e obviando que foi apoiado por PP e Vox
Segundo denuncian, na crónica relativa a esta importante decisión, a TVG limitouse a un "relato xeneralista" segundo o cal esta normativa saíu adiante cunha “ampla maioría”, sen informar "en ningún momento dos votos en contra doutra destacada maioría, a dos votos de formacións de esquerdas, entre eles BNG e PSdG, alén doutras formacións do Grupo Demócratas e ALE Os Verdes".
O apoio a este regulamento que ambas formacións cualifican de "deshumano e vergoñento", procedeu dos votos da dereita e extrema dereita, entre eles o PP e Vox, "os correlixionarios de Feixoó e Abascal, algo que TVG tratou de ocultar", segundo explican Miranda e González Casares.
Miranda e Casares aseguran que a TVG recortou a 30 segundos entrevistas con eles de dez minutos e que obviaron a súa posición sobre o regulamento de retorno
Os dous relatan, ademais, que a TVG gravou unha entrevista con eles dous duns dez minutos pero que só se emitiron "30 segundos, obviando especificamente as opinións emitidas sobre as posturas expresados en relación ao regulamento de retorno".
“É outro capítulo da constante censura e manipulación da TVG de Rueda, Tele PP, para tratar de silenciar os representantes da oposición, sobre todo, cando se producen debates polémicos nos que a posición do PP é vergoñenta”, explican.
Miranda e González Casares consideran que "chove sobre mollado", dado que se trata dun exemplo máis da "manipulación sistémica do ente público por parte do PP, quen aprobou unha lei de medios públicos galegos que vulnera o pluralismo e a liberdade informativa consagrados na Lei Europea de Liberdade de Medios", feito que BNG e PSdeG di que denunciaron e seguirán a denunciar ante as autoridades comunitarias.
Non é a primeira vez que BNG e PSdeG denuncian no Parlamento europeo a "censura" por parte da TVG nin que se unen para outras cuestións. En 2023, eurodeputados de ambas formacións criticaron xuntos o "uso partidista” da Fundación Galicia-Europa por parte do PP.