A 'guerra' de dous eurodeputados galegos que remata con Von der Leyen rexeitando influír na xustiza polos eólicos suspendidos

Nicolás González Casares, Ursula Von Der Leyen e Adrián Vázquez Lázara, sobre unha imaxe dun parque eólico galego CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: PSdeG | UE | PP

A investigación da UE sobre a prórroga da AP-9 e as manobras da Xunta para desbloquear parques eólicos parados cautelarmente polo TSXG provocan un insólito cruce de reproches entre o socialista Nicolás González e o popular Adrián Vázquez

Máis alá da cordialidade que adoita presidir as relacións entre eurodeputados de distintos partidos pero dun mesmo territorio, como expatriados que son a varios milleiros de quilómetros das súas casas, as estratexias políticas poden provocar pequenas guerras persoais coas institucións europeas como testemuñas. Así vén de suceder entre o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares e o do PP Adrián Vázquez Lázara a conta de senllas reunións con representantes da Comisión Europea sobre a investigación comunitaria da concesión da AP-9 e sobre as suspensións cautelares de parques eólicos por parte da xustiza

O Executivo comunitario responde aos dous eurodeputados galegos tentando calmar as augas. Pero a presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, lembra expresamente ante os movementos nese sentido da Xunta que non pode influír na xustiza para desbloquear os proxectos eólicos.

A UE ten aberto un procedemento de infracción contra España pola prórroga da concesión da AP-9 autorizada por Aznar © Audasa

O inusual enfrontamento entre González Casares e Vázquez Lázara comeza cronoloxicamente o pasado 17 de xullo, cando o socialista mantivo unha reunión con responsables da Comisión Europea sobre o procedemento de infracción que esta ten aberto pola posible ilegalidade cometida polo Goberno de Aznar ao prorrogar a concesión da AP-9 ata 2048. O 28 de agosto Faro de Vigo publicou unha información na que, citando ese encontro do socialista coa Comisión, dicía que esta rexeita as alegacións en defensa da prórroga formuladas polo Goberno de España pero que está aberta a negociar sobre o conflito.

O eurodeputado do PSdeG acusou a Xunta e o PP de "uso partidista das institucións" a conta do conflito eólico e o popular cuestionou a "revelación de información protexida" sobre a AP-9 ao socialista

Esa reunión levou o popular Vázquez Lázara a formular unha pregunta formal á Comisión reprochando unha suposta "revelación de información protexida a un eurodeputado". O ex-membro de Ciudadanos salientaba que "o contido deste procedemento", a investigación a España pola prórroga da AP-9, "podería estar protexido" e lamentaba que "non foi nin sequera compartido coa administración rexional máis afectada pola situación da autoestrada, a Xunta de Galicia". Isto é, o popular lamentaba que supostamente o socialista tivese acceso a información privilexiada en contra da decisión de Aznar de prorrogar a AP-9 mentres a Xunta, que non forma parte do procedemento, carece de datos.

O eurodeputado do PP Adrián Vázquez Lázara, ao fondo á dereita, na reunión da conselleira de Medio Ambiente con responsables do servizo xurídico da Comisión Europea CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero o popular non formulou a súa pregunta cos reproches sobre suposta información privilexiada ao socialista ata o 30 de outubro, máis de dous meses despois da publicación de Faro de Vigo. Polo medio o que pasou foi que o propio popular foi acusado polo socialista de participar noutra reunión coa Comisión Europea celebrada a petición da Xunta.

Foi o 11 de setembro cando a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, se reuniu en Bruxelas con responsables dos servizos xurídicos da Comisión Europea para analizar as suspensións cautelares de parques eólicos por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A aquel encontro entre dous executivos, o galego e o comunitario, asistiu tamén o eurodeputado popular.

Isto levou o socialista a preguntar aquel mesmo día á Comisión "como se permitiu, nunha reunión de carácter institucional, a presenza dun responsable político alleo aos executivos respectivos". "Sorprende que a integrante do Goberno galego estivese acompañada por un representante do seu partido político, o deputado Adrián Vázquez, sen cargo institucional na Xunta, nun evidente uso partidista das institucións", reprochaba o socialista. 

Nicolás González Casares, eurodeputado socialista, nunha intervención no Parlamento Europeo en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSOE

É tras esta pregunta do socialista sobre a reunión na que participou o popular cando o segundo formula á súa vez a súa pregunta sobre o encontro mantido polo primeiro. E as respostas da Comisión aos dous veñen de facerse públicas agora, nos dous casos co Executivo comunitario asegurando que en ningún dos dous encontros pasou nada reprochable. 

As respostas da Comisión Europea aos dous eurodeputados din que en ningún dos dous encontros cos seus contrincantes políticos pasou nada reprochable

Sobre a reunión do socialista González Casares a conta da AP-9 quen responde ao popular é o comisario de Mercado Interior, Stéphane Séjourné, que asegura que "a Comisión é consciente das súas obrigas de confidencialidade no contexto dos procedementos de infracción, e as toma moi en serio". Segundo o comisario, a González Casares non lle trasladaron máis datos "que os que xa se fixeran públicos a través do material de prensa publicado pola Comisión", limitándose esta a darlle "unha explicación xeral" sobre o procedemento de infracción contra España e a salientar que "formular posibles solucións para dar resposta ás deficiencias sinaladas e subsanar a infracción corresponde, en principio, ao Estado membro afectado".

Pregunta de Adrián Vázquez Lázara e resposta da Comisión Europea CC-BY-SA Praza Pública

Sobre a presenza do popular Vázquez Lázara acompañando a conselleira na súa reunión, quen asina a resposta é a propia presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, da que depende o servizo xurídico co que se mantivera o encontro. A resposta da presidenta comunitaria comeza salientando que a Xunta non informara previamente á Comisión de que o eurodeputado popular formaría parte da delegación. En todo caso, a resposta sinala que tampouco hai ningunha prohibición ao respecto.

A Xunta publicitou da súa reunión que "Galicia solicita axuda de Europa" para evitar a parálise xudicial dos eólicos, e Von der Leyen contesta que a Comisión non vai dicir nada ao respecto ata que se pronuncie o Tribunal da UE

Pero a resposta de Von der Leyen deixa un último matiz que supón un freo ás intencións da Xunta. O socialista preguntou expresamente que resposta dera a Comisión ás propostas da conselleira de Medio Ambiente "para influír" na consulta -cuestión prexudicial- formulada polo TSXG ante o Tribunal de Xustiza da UE para avalar as súas paralizacións cautelares de parques eólicos. E a resposta da presidenta comunitaria é que "os servizos da Comisión deixaron moi claro que o asunto está pendente e sub iudice ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, polo que non poden comentar a posición que debe adoptar a Comisión". 

Pregunta de Nicolás González Casares e resposta de Von der Leyen CC-BY-SA Praza Pública

Tras aquela reunión da conselleira e Vázquez Lázara coa Comisión, a Xunta divulgara unha nota de prensa, acompañada de fotografía na que se vía o eurodeputado popular, na que titulaba: "Galicia solicita axuda de Europa para desbloquear a tramitación dos parques eólicos". A resposta que agora lle dá Von der Leyen é que a Comisión non vai dicir nada ao respecto ata que se pronuncie o Tribunal da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.