A candidata do PP Europeo a repetir como presidenta da Comisión Europea agradece nun mitin con Feijóo e Rueda o traballo da xente do agro e do mar e pide seguir apoiando a Ucraína
O 27 de marzo do pasado ano o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tiña previsto un encontro en Bruxelas coa presidenta da Comisión Europea, a tamén conservadora Ursula Von der Leyen. Cinco días antes o seu antecesor e presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, tamén se reunira con Von der Leyen e o partido divulgou que o popular se queixara do trato supostamente favorable que a Comisión estaría a dar a Pedro Sánchez. Tras a reunión de Feijóo e Von der Leyen, o encontro con Rueda foi anulado e xa non se celebraría.
Máis preto no tempo, o pasado 2 de febreiro, o Goberno galego divulgou un comunicado no que criticou que "Bruxelas lexisla ás costas de agricultores, gandeiros e do sector do mar". Fíxoo tras un encontro con gandeiros e agricultores de dous conselleiros, o de Medio Rural e a de Infraestruturas, nomeados no seu momento por Feijóo e mantidos por Rueda.
Con estes antecedentes, pero a unha semana dunhas eleccións europeas nas que a dereita tenta reter a súa maioría na Eurocámara ameazada pola posible necesidade de pacto coa extrema dereita, a máxima responsable do órgano que ten a iniciativa lexislativa na Unión Europea e negocia as normas co Parlamento e os Estados visitou este sábado Galicia.
Von der Leyen mantivo primeiro unha reunión con Feijóo en Santiago, no Hostal dos Reis Católicos, e despois participou nunha comida-mitin no Pino. Alí foi saudada en reiteradas ocasións por Feijóo como "querida Ursula" mentres Rueda lle agradecía en inglés a súa presenza. Ela respondeu agradecendo o traballo da xente do agro e do mar e pedindo seguir apoiando a Ucraína fronte a Rusia.
Na súa intervención no mitin Rueda comezou falando en inglés para a agradecer a Von der Leyen a súa presenza en Galicia. "Ímoste facer estar moi orgullosa de Galicia", dixo, para obviar as críticas da Xunta á lexislación comunitaria e asegurar que "Europa significa moitísimo para Galicia". Para o presidente da Xunta e do PPdeG Von der Leyen é "merecedora de que lle demos un enorme triunfo o 9 de xuño, e ímolo dar a ela, a Alberto Núñez Feijóo e a Galicia, que o merece".
Malia as críticas de Xunta e PPdeG a algunhas medidas da UE contra o cambio climático, Feijóo di que se Von der Leyen segue de presidenta da Comisión "teremos goberno de Europa para os agricultores, os gandeiros e os pescadores"
Nesta campaña europea a dereita está dando a batalla especialmente nos sectores primarios, na agricultura, a gandería e a pesca, ante o ascenso neses sectores da extrema dereita que tenta facerlles ver que están a perder o seu xeito de vida por culpa das medidas contra o cambio climático da Unión Europea. Ante esa loita polo electorado rural e do mar, na que participa tamén a Xunta, Von der Leyen abriu a porta en varias ocasións nas últimas semanas a pactar con parte da extrema dereita europea para así poder seguir como presidenta da Comisión Europea.
Neste contexto este sábado Feijóo asegurou que "os agricultores e os gandeiros son os que manteñen unha Europa verde" e pediu para eles "un respaldo inequívoco das institucións europeas". E fronte ás críticas que a Xunta vén lanzando contra a lexislación europea, o seu ex-presidente asegurou que se segue Von der Leyen á fronte "teremos goberno de Europa para os agricultores, os gandeiros e os pescadores" xa que Europa é a nosa rede de seguridade.
"Se me elixides para un segundo mandato vou encargar ao comisario ou comisaria de pesca que se asegure de que a pesca vai seguir sendo un medio de vida sostible durante moitas xeracións", dixo Von der Leyen
Feijóo tamén aproveitou boa parte da súa intervención para cargar contra o Goberno de Pedro Sánchez e, malia a posibilidade de que Von der Leyen pacte coa extrema dereita, pediu, en clave estatal, "o voto para que non lle deades a razón ás minorías".
O mitin do Pino pechouno Von der Leyen falando en inglés mentres era traducida despois de cada frase ao galego. Na súa intervención agradeceu a Feijóo "por invitarme á túa casa, Galicia" e felicitouno a el e a Rueda polas súas sucesivas vitorias electorais no país. "Galicia é unha historia de éxito", dixo, ao tempo que a presentou como orixe da idea de Europa grazas ao Camiño de Santiago.
A candidata a repetir como presidenta da Comisión Europea asegurou que "hoxe Europa representa tamén un camiño, a viaxe da paz, da esperanza", e nesa liña salientou que "Ucraína está loitando pola liberdade e a paz" e "pola nosa seguridade", polo que pediu "estar ao seu lado".
Von der Leyen dedicou o groso da súa intervención a amosar o seu apoio "aos nosos agricultores", dos que dixo que "non é xusto que teñan que vender os seus produtos por baixo do custe de produción". Por iso, asegurou que vai "garantir a competencia xusta con terceiros países". Tamén se referiu "ás comunidades costeiras", citando lugares de Galicia como O Barqueiro, Rinlo ou Redes. "Se me elixides para un segundo mandato vou encargar ao comisario ou comisaria de pesca que se asegure de que a pesca vai seguir sendo un medio de vida sostible durante moitas xeracións", asegurou.
A visita de Von der Leyen a O Pino e Santiago tamén estivo acompañada de protestas contra a Comisión Europea para que amose un maior apoio a Palestina.
Ante Von der Leyen tamén protestou en Compostela a activista Elvira Souto, que amosando a súa kuffiyah -pano tradicional palestino- interpelou a presidenta da Comisión Europea á súa saída do Hostal dos Reis Católicos sinalándolle "Palestina vencerá". Esa apelación a Von der Leyen foi respondida polo operativo de seguridade retirándolle a kuffiyah tras propinarlle un empurrón. Posteriormente, relata a Praza.gal, axentes indicáronlle que, se quere recuperar o pano terá que facelo en Madrid, por seren os axentes despregados parte dunha unidade policial con sede na capital de España.