A Xunta entra tamén na campaña da extrema dereita para as europeas: "Bruxelas lexisla ás costas de agricultores, gandeiros e do mar"

Os conselleiros de Medio Rural e Infraestruturas reunidos con representantes do agro e do transporte este venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego carga contra a UE e reafirma a súa demanda de "flexibilización dos requirimentos ambientais"

Varios días despois de que protestas de agricultores e gandeiros en Francia cortasen a entrada nese país de produtos da península ibérica e de que as mobilizacións se espallasen por outros lugares de Europa, este venres a Xunta recibiu a representantes do sector agrario e do transporte. O Goberno galego trasladoulles unha mensaxe euroescéptica similar á que vén axitando a extrema dereita europea nos últimos anos e especialmente de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo mes de xuño: "Bruxelas lexisla ás costas de agricultores, gandeiros e do sector do mar, impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea".

Os conselleiros de Medio Rural e Infraestruturas reunidos con representantes do agro e do transporte este venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

A reunión deste venres da Xunta co sector agrario e do transporte para "poñerse a disposición" foi protagonizada polo conselleiro de Medio Rural, José González, e pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Nela o Goberno galego cargou tamén contra o Goberno de España, ao que acusou de "inacción". Unha acusación que lanzou malia non celebrar ata este venres a reunión cos sectores galegos afectados, un día despois de que a propia presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anunciase este xoves que a UE vai traballar para reducir a carga administrativa do agro. E un posicionamento da Xunta que se produce en plena campaña electoral para as galegas do 18F nas que o PP, como adoita, tenta manter no rural o celeiro de votos que lle vén permitindo manter o Goberno galego.

O conselleiro de Medio Rural e o seu director de Agricultura e Gandería veñen criticando hai tempo as políticas ambientais da UE: "Nas cidades estórbanlles as bostas de vaca"

Segundo trasladou a Xunta que dixo o conselleiro de Medio Rural no encontro deste venres, "resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa". E entre outras cuestións citou que "a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización -que non eliminación- dos requirimentos ambientais da Política Agraria Común". Unhas declaracións máis comedidas que as que o propio José González fixo hai uns meses, cando asegurou que "os requirimentos medioambientais están facendo que Europa se dispare un tiro ao pé, así de claro, porque estamos facendo aquí unhas esixencias medioambientais, estamos poñéndolles tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros que imos acabar coa agricultura e gandería en Galicia, en España e en Europa”.

Esas declaracións euroescépticas do conselleiro viñeron acompañadas doutras do seu director xeral de Agricultura e Gandería, José Balseiros, que chegou a asegurar que o "inimigo" do agro galego estaba "en Europa" e nos ecoloxistas porque "nas cidades estórbanlles as bostas de vaca". Uns posicionamentos similares aos que vén mantendo non só a extrema dereita europea senón tamén parte da dereita supostamente máis moderada pero enfrontada á presidenta Von der Leyen, cuxo futuro está en xogo en función do reparto de escanos que deparen as eleccións europeas previstas para o mes de xuño.

Este xoves a Comisión anunciou a súa intención de permitir ao sector agrícola "establecer excepcións durante un ano a determinadas normas"

Ante esta vaga de protestas a nivel europeo este xoves a Comisión anunciou a súa intención de permitir ao sector agrícola "establecer excepcións durante un ano a determinadas normas". "Os agricultores son a columna vertebral da seguridade alimentaria da UE e o corazón das nosas zonas rurais", dixo Von der Leyen, que quixo poñer en valor a política agrícola común, "386.000 millóns de euros" que contribúen "a estabilizar os ingresos dos agricultores europeos, recompensando ao mesmo tempo os seus esforzos en materia de clima e sostibilidade".

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, este xoves con representantes de agricultores © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.