A vantaxe da esquerda nas cidades galegas, insuficiente para compensar o dominio conservador no rural

Os comicios do vindeiro 18 de febreiro serán as duodécimas eleccións ao Parlamento galego, unha ducia de citas electorais nas que o dominio histórico da dereita é incontestable ©

Os triunfos sucesivos da dereita nas eleccións ao Parlamento Galego contrastan co dominio alterno que, en cambio, se veu producindo nas eleccións xerais, nas que na última década, ademais, se afianzou a preponderancia da esquerda en Galicia

Os comicios do vindeiro 18 de febreiro serán as duodécimas eleccións ao Parlamento galego, unha ducia de citas electorais nas que o dominio histórico da dereita é incontestable. O PP -anteriormente AP- gobernou Galicia 37 dos 43 anos de historia autonómica, todos agás os catro anos de Goberno PSdeG-BNG entre 2005 e 2009 e os dous de tripartito (PSdeG, CG e PNG) entre 1987 e 1989. E o bloque conservador foi sempre o máis votado, agás no ano 2005 e, con matices, en 2009, cando se rexistrou un empate en votos que en todo caso permitiu a Núñez Feijóo acadara a súa primeira maioría absoluta.

Os triunfos sucesivos da dereita nas eleccións ao Parlamento Galego contrastan co dominio alterno que, en cambio, se veu producindo nas eleccións xerais, nas que na última década, ademais, se afianzou a preponderancia da esquerda en Galicia con amplas vitorias sobre a dereita (PP, UPyD, Cs e VOX) en 2004, 2008, 2015, nas dúas convocatorias de 2019 e tamén nas últimas eleccións do pasado 23 de xullo, cando de novo o bloque progresista foi o máis votado, con case dous puntos de difenza sobre PP e VOX. 

A mobilización do voto urbano semella imprescindible para que a esquerda supere os votos da dereita. Así sucedeu no ano 2005, cando PSdeG e BNG acadaron 57 mil votos máis nas cidades que os que obtiveran catro anos antes, cunha suba tamén de 28 mil votos nas grandes vilas

Estamos, polo tanto, ante unha Galicia de dereitas nos comicios autonómicos e de esquerdas nas Xerais, debido principalmente á activación do voto progresista urbano nas eleccións ao Congreso. Este voto urbano tamén é maioritariamente de esquerdas nas eleccións ao Parlamento galego, pero cunha diferenza insuficiente para compensar o dominio do PP nos concellos de menos de 5.000 habitantes, maioritariamente rurais.

A historia electoral galega amosa que dende o ano 1997 a esquerda vén superando á dereita nas cidades galegas por unha diferenza entre 20 e 30 mil votos, coas únicas excepcións do ano 2012, cando a marxe superou os 50 mil votos (sobre todo pola caída do PP) e, sobre todo, do ano 2005, única maioría progresista, cando a suma de PSdeG e BNG superou en case 100 mil votos ao PP.

O bloque conservador asenta o seu dominio na Galicia rural, nos concellos de menos de 5 mil habitantes, nos que acada unha marxe duns 50 mil votos, suficiente para compensar as vantaxes da esquerda nas zonas urbanas

Nas grandes vilas (concellos entre 20 e 50 mil habitantes) as diferenzas entre esquerda e dereita adoitan ser mínimas, cun leve dominio progresista que foi maior naqueles comicios de 2005 (+30 mil votos). En cambio, nas vilas de menor tamaño (entre 10 e 20 mil habitantes) adoita gañar a dereita (agás en 2005), pero con marxes igualmente pequenas.

O bloque conservador asenta o seu dominio na Galicia rural e nos concellos menos poboados. Por unha banda, nas localidades entre 5 e 10 mil habitantes, con diferenzas entre os 15 e os 30 mil votos nas tres últimas convocatorias. E, sobre todo, nos concellos de menos de 5 mil habitantes, nos que acada unha marxe duns 50 mil votos, suficiente para compensar as vantaxes da esquerda nas zonas urbanas.

Os grandes cambios políticos en Galicia adoitan comezar polas zonas urbanas. Así sucedeu en 2005, pero tamén en 2009, cando o PP asentou a recuperación da súa maioría absoluta nunha mellora de case trinta mil votos nas sete cidades

Unha maior mobilización do voto urbano semella, polo tanto, imprescindible para que a esquerda supere os votos da dereita nas eleccións ao Parlamento galego. Así sucedeu no ano 2005, cando PSdeG e BNG acadaron 57 mil votos máis nas cidades que os que obtiveran catro anos antes, cunha suba tamén de 28 mil votos nas grandes vilas.

Os grandes cambios políticos en Galicia adoitan comezar polas zonas urbanas. Así sucedeu en 2005, pero tamén en 2009, cando o PP asentou a recuperación da súa maioría absoluta nunha mellora de case trinta mil votos nas sete cidades.

Que sucedeu en 2020?

En 2020 a esquerda gañou por 30 mil votos nas cidades e grandes vilas, pero perdeu por esa mesma cantidade nos concellos entre 5 e 20 mil habitantes e por outros 50 mil nas localidades de menor tamaño

Hai catro anos, nunhas eleccións marcadas pola pandemia de COVID e celebradas en pleno mes de xullo, cunha abstención do 41,12% (51,04% contando co censo CERA), as dinámicas foron semellantes, aínda que aínda máis acentuadas pola maior desmobilización do voto urbano. A esquerda gañou por 30 mil votos nas cidades e grande vilas, pero perdeu por esa mesma cantidade nos concellos entre 5 e 20 mil habitantes e por outros 50 mil nas localidades de menor tamaño.

O mapa de bloques amosa, ademais, que a esquerda só foi quen de superar o PP en Ferrolterra, parte da Mariña e da Costa da Morte e Vigo, Morrazo e Baixo Miño, ademais dalgunha outra localidade illada na ría de Arousa, a montaña lucense ou Ourense. De feito, as forzas progresistas nin sequera foron quen de impoñerse nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago ou Ourense.

A pesar do extraordinario resultado acadado polo BNG, a debilidade do PSdeG fóra da provincia de Pontevedra, especialmente na área viguesa -de onde procedía o seu candidato- e a caída da candidatura de Galicia en Común limitaron as opcións dunha vitoria progresista.

 

40 anos de autonomía

Dende o primeiro Parlamento galego, no que estaban representadas seis formacións (AP, UCD, PSdeG, Bloque-PSG, EG e PCG) e uns anos 80 marcados pola fragmentación dos grupos parlamentarios acadados por UCD en 1981 e por AP e CG en 1985, pasamos un tempo de tripartidismo PP-PSdeG-BNG, favorecido pola elevación ao 5% do mínimo necesario para acadar representación. A irrupción de AGE en 2012 e En Marea e 2016 modificou o taboleiro que, con todo, regresou aos tres actores tradicionais hai catro anos.

Nestes dous gráficos pódese observar a evolución das porcentaxes de voto e escanos acadados nas eleccións galegas dende 1981.

Finalmente, neste interactivo pódese consultar a porcentaxe de voto acadada en cada concello polas principais forzas políticas (todas aquelas que, a nivel galego, obtiveron máis do 0,5% dos votos)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.