A parte "positiva" do cambio climático fronte ao "sectarismo ecolóxico": PP e Xunta lánzanse á campaña europea no rural

Cargos do PP no comezo da campaña para o 9X nunha feira agrícola en Curtis © PPdeG

O director de Agricultura da Xunta di que Galicia pode ser a "gran horta de España e ata de Europa" porque aquí "aínda chove de vez en cando" e o PP carga contra a "ministra de intransixencia ecolóxica" e o BNG que "prima o lobo a costa do agro"

Galicia ten que "aproveitar" unha circunstancia "positiva" do cambio climático, que aquí "aínda chove de vez en cando" fronte ás "gravísimas consecuencias que está ocasionando o cambio climático noutras comunidades", o que pode facer que o país se converta "na horta de España e en parte de Europa". Quen así se pronunciou este xoves no Parlamento de Galicia foi o director xeral de Agricultura e Gandaría da Xunta, José Balseiros, na mesma xornada na que o PPdeG lanzou a campaña para as eleccións europeas do 9 de xuño reafirmando a súa estratexia de presentar estes comicios como unha loita dos sectores produtivos primarios, o agro e a pesca, contra as medidas para combater o cambio climático que atribúen a un suposto ecoloxismo radical de "Europa", o PSOE e o BNG.

O director de Agricultura da Xunta, José Balseiros, no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A estratexia do PP de confrontar o futuro do agro galego coa loita contra o cambio climático, en liña cos discursos da dereita europea, vén de hai tempo. O anterior conselleiro de Medio Rural, agora en Traballo, xa asegurou en público que as esixencias ambientais da UE van "acabar coa agricultura e gandería". O seu director de agricultura, Balseiros, tamén chegou a dicir ao sector que "nas contornas urbanas estórbanlles as bostas das vacas; os vosos inimigos son os animalistas".

José Balseiros salientou "a translación de cultivos pseudo-tropicais que se están xa implantando na nosa comunidade"

Pero as declaracións deste xoves de Balseiros non foron improvisadas nin froito de ningunha trampa motivada por algunha pregunta provocadora da oposición. Foi o PP quen lle pediu que expuxese no Parlamento as liñas mestras do plan da Xunta para a horticultura galega, cuestión que Balseiros fixo lendo unha intervención que levaba escrita. Foi así como dixo textualmente que "se dá unha circunstancia que consideramos que vai ser moi positiva para a nosa comunidade autónoma, probablemente os efectos do cambio climático e as circunstancias que se dan no caso da comunidade autónoma de Galicia, pois como poden ser que aquí, como digo eu en Madrid cando estamos nas reunións, en Galicia aínda chove de vez en cando, fai que os solos sexan moito máis produtivos".

Balseiros co anterior conselleiro de Medio Rural e agora de Traballo, José González CC-BY-SA Xunta de Galicia

Fronte a esa situación de Galicia, o director de Agricultura da Xunta salientou as "enormes dificultades por non dicir imposibilidade noutras comunidades autónomas de producir determinado tipo de produción". "Todos coñecemos as gravísimas consecuencias que está ocasionando o cambio climático noutras comunidades", engadiu, para máis adiante reclamar que "en Galicia temos que aproveitar esas circunstancias".

Balseiros sentenciou, "a modo de resumo", que "o futuro da horta de Galicia pode ser tanto como dicir que probablemente Galicia se poida converter seguramente na horta de España e en parte de Europa". "Non pode ser casualidade que grandes adegas do resto de España estean a facer investimentos importantes aquí polo que diciamos antes, e o mesmo a translación de cultivos como froitos vermellos e outros pseudo-tropicais que se están xa implantando na nosa comunidade", concluíu.

Paula Prado e Adrián Vázquez Lázara, ata marzo secretario xeral de Ciudadanos e agora candidato do PP, nunha feira agrícola en Curtis © PPdeG

Na apertura da campaña do 9X o PPdeG reclamou para o agro "máis axudas, menos burocracia e menos sectarismo ecolóxico"

Na mesma xornada en que o director de Agricultura da Xunta facía esta intervención non improvisada no Parlamento, o PPdeG lanzaba a campaña para as europeas cunha visita a unha feira agrícola en Curtis da súa número 2, Paula Prado, e do candidato a eurodeputado Adrán Vázquez Lázara, ata marzo secretario xeral de Ciudadanos. Alí defenderon a necesidade de que o agro conte con "máis axudas, menos burocracia e menos sectarismo ecolóxico". 

E referíronse á cabeza de lista do PSOE para o 9X, a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, como a "ministra de intransixencia ecolóxica". Tamén acusaron de negativo para Galicia "o ecoloxismo dun BNG que prima a protección da especie a costa de danar o noso agro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.