Resaca das galegas e tentación estatal nunhas eleccións europeas transcendentais

Actos de precampaña de PP, BNG e PSdeG e visitantes no Parlamento Europeo en Bruxelas polo Día de Europa CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe Fondo: CC-BY Parlamento Europeo

O contexto do 9X apunta semellanzas coa última ocasión na que as europeas chegaron xusto despois dunhas galegas, con risco de forte indiferenza cidadá malia haber en xogo aspectos tan relevantes como a transición ecolóxica, a posición ante conflitos bélicos ou o ascenso da extrema dereita

A última vez que unhas eleccións europeas se celebraron en plena resaca dunhas galegas, en xuño de 2009, a participación roldou en Galicia o 43%, en torno a un punto por baixo da media estatal. Nas seguintes, en 2014, foi aínda menor: arredor dun 38%, uns cinco puntos por baixo da media. Nada que ver coas últimas, as de 2019, que se celebraron o mesmo día que as municipais, o que elevou a participación por riba do 54% en Galicia e do 60% no total estatal.

Os comicios europeos do vindeiro 9 de xuño semellan, a priori, máis parecidos aos de 2009 ou 2014 que aos de 2019. Pola ausencia doutro proceso electoral doméstico que poida mobilizar máis poboación para ir votar. Pero tamén por celebrárense, no caso galego, xusto despois dunha intensa carreira electoral ao Parlamento, o pasado febreiro. E tamén nun marco no que as principais forzas políticas de ámbito estatal, PP e PSOE, xogan coa tentación de virar o 9X noutra parada da pugna iniciada coas eleccións xerais de xullo de 2023.

Paula Prado, secretaria xeral e xefa de campaña do PPdeG, cos referentes do partido na candidatura do PP ás eleccións europeas do 9X CC-BY-SA PPdeG

O PP, gañador absoluto das galegas do 18F, presenta a súa estratexia cara ao 9X plenamente inserida na formulación da dirección estatal que encabeza Alberto Núñez Feijóo, aínda que con certos matices. As europeas, indica a súa xefa de campaña, Paula Prado, deben servir como "resposta" a un Pedro Sánchez ao que acusan de "socavar os principios básicos do Estado de Dereito" e a un BNG ao que sitúa canda "os herdeiros de ETA". Pero tamén, din, "poñer o colofón a un ciclo electoral" de "dous anos de éxitos con Alfonso Rueda á fronte".

O PP afronta o 9X ligando o PSdeG con ataques ao Estado de Dereito e ao BNG, con ETA. Ao tempo, queren "poñer o colofón a dous anos de éxitos con Rueda á fronte"

"Non nos conformamos, queremos máis", abondan os conservadores, que hai cinco anos foron segunda forza política nas europeas tamén en Galicia, a case cinco puntos do PSdeG. Para lográreno volven ter como referente galego na lista do PP que encabeza Dolors Montserrat a Francisco Millán Mon. Pero agora tamén a Adrián Vázquez Lázara, que na lexislatura que remata foi eurodeputado por Ciudadanos e ata o pasado marzo, secretario xeral dese partido, dende o que afirmou que a corrupción está "no ADN do PP".

A segunda forza nas eleccións galegas, o BNG, aspira a prolongar no 9X o ascenso que o 18F levou a formación liderada por Ana Pontón a un histórico 31,34% dos votos e 25 escanos. Conscientes da práctica imposibilidade de lograr un nivel de mobilización semellante aos das galegas, o Bloque si confía non obstante nunha notable alza a respecto de hai cinco anos (terceira posición, co 11,8% dos votos en Galicia) que lle permita obter un escano para Ana Miranda durante toda a lexislatura comunitaria, sen rotación cos seus socios da coalición Agora Repúblicas.

Ana Miranda, con Ana Pontón e outros membros da candidatura do BNG ás europeas, o pasado 12 de maio en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

"O escano do BNG é o escano de Galiza en Europa"

Para lográreno, a alianza que o Bloque comparte con ERC, EH-Bildu e Ara Més debería lograr tres escanos, os mesmos que en 2019 -algunhas das enquisas publicadas outórganllos-. Pero, a diferenza de hai cinco anos, a alza da formación soberanista galega na candidatura sitúa a Miranda máis próxima a ese escano para unha lexislatura completa: en 2019 era a quinta e agora, a terceira para afrontar unha campaña na que, advirte a candidata, "se nós non estamos, non se defendería a maioría dos temas galegos". Porque "o escano do BNG é o escano de Galiza en Europa", subliña.

Por parte do PSdeG, a aspiración non é repetir a primeira posición de hai catro anos, practicamente inviable. Pero si mellorar os resultados das eleccións galegas, nas que perderon cinco puntos e cinco escanos, e lograr unha primeira inxección de optimismo dende o regreso de José Ramón Gómez Besteiro á secretaría xeral.

"Ninguén ten máis forza para defender o noso país na UE que o PSdeG"

Outra volta co lalinense Nicolás González Casares como referente galego na candidatura do PSOE, os socialistas aseguran que o seu afán e amosar que "ninguén ten máis forza para defender o noso país na UE que o PSdeG", e ademais "ninguén pode defender mellor o escudo social fronte á ultradereita". Neste sentido, apostan por tirar rendemento do traballo de Casares na Eurocámara nos último cinco anos, con accións como o seu labor na reforma do mercado eléctrico, e presentárense como garantes dun "modelo propio baseado nunha economía máis moderna, un Estado do Benestar máis robusto, unha transición ecolóxica que brinde máis riqueza e oportunidades e unha España e unha Europa abertas ao mundo".

Nicolás González Casares e José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

As tres grandes formacións con representación parlamentaria en Galicia non son, nin de lonxe, as únicas que aspiran ao apoio do electorado galego nuns comicios nos que, cómpre lembrar, a circunscrición é estatal. Tamén Sumar e Podemos aspiran a pescar no caladoiro progresista e a extrema dereita de Vox, a rabuñar sufraxios nun espectro do PPdeG no que apenas dan entrado noutras convocatorias. Asemade, outras pequenas formacións, novas ou xa preexistentes, tales coma o Partido Galego, tentan darse reflectido nos antecedentes que fixeron das eleccións europeas un campo propicio para o apoio a forzas non convencionais.

A resaca das galegas, a tentación estatal ou as cuestións internas das diversas formacións rexístranse nun contexto no que, a priori, a indiferenza semella ser a tónica dominante entre a cidadanía a apenas dúas semanas da cita coas urnas. Indiferenza malia á transcendencia dun 9X a nivel continental que vai alén da conxuntura e que ten que ver con factores tan relevantes coma o ascenso da extrema dereita, a posición da Unión Europea nos conflitos bélicos abertos en Ucraína ou Gaza ou a dirección de políticas clave como a transición ecolóxica ou o regreso ou non aos ditados da austeridade.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.