O BNG di acudir “sen teito” aos comicios europeos, co obxectivo de darlle a Galicia un escano propio, logo dos resultados históricos acadados en febreiro
En menos dun mes, o 9 de xuño, a cidadanía galega está chamada de novo a votar. Desta vez para as eleccións ao Parlamento Europeo, ás que o BNG di acudir “sen teito” co obxectivo de darlle a Galicia un escano propio, logo dos resultados históricos acadados pola forza nacionalista en febreiro.
“O BNG está no mellor momento da súa historia e imos demostrar o 9 de xuño do que somos capaces cando nos poñemos a traballar”. A portavoz nacional Ana Pontón, arengaba así a militantes e simpatizantes no acto de lanzamento da candidatura europea celebrado no Auditorio Mar de Vigo. “Non é casualidade que se faga aquí”, explicaba Pontón, en referencia a que o BNG foi a forza máis votada nas pasadas eleccións galegas na principal cidade de Galicia; “o novo abrente”, en palabras de Roberto Pascual, que conducía o acto.
“Algo xa cambiou e xa non hai volta atrás”. Durante a súa intervención, Ana Pontón gabou o traballo feito pola cabeza de lista, Ana Miranda, durante os últimos anos en Bruxelas e apelou a encarar a campaña con todas as forzas para “conseguir darlle a Galicia un escano propio, despois do resultado histórico de febreiro”. “Volvamos demostrar que non temos teito”, dixo. “Diante dun PP empeñado en enlamar o debate, no BNG falaremos de pesca, do prezo do leite, de como ter un rural vivo; fronte a un PP instalado no insulto e na mentira; nós de cambio climático, do futuro da xente moza; fronte a un PP sen alternativas, falaremos das nosas propostas para defender os intereses de Galiza en Europa. Esa é a campaña que merece a cidadanía; 100% centrada neste País e na súa xente, 100% galega”, proclamou.
Madame Galice
A portavoz nacional subliñou o traballo e a “voz enérxica, incansable e incorruptible de Galicia en Bruxelas” que representa Ana Miranda. “Chámana Madame Galice porque cada vez que abre a boca é para falar das mariscadoras, dos gandeiros, de Altri, dos problemas reais de Galicia”, detallou.
Pontón cualificou a candidatura que encabeza Ana Miranda como o “equipo da casa” fronte a un PP que mira cara a Madrid
Pontón cualificou a candidatura que encabeza Ana Miranda como o “equipo da casa” fronte a un PP que mira cara a Madrid. “A lealdade do PP de Rueda está na rúa Génova, co lobby eléctrico, coas súas empresas amigas e cunha monarquía corrupta, caduca e antidemocrática”. Fronte a iso, asegurou, o BNG chega co aval do traballo feito e co orgullo de ter defendido os intereses do país “antes, agora e sempre”.
A cabeza de lista para as eleccións europeas, Ana Miranda, mostrou o orgullo polo traballo feito ata agora e comprometeuse a que o BNG continúe a ser “a voz do pobo galego en Europa”. “Os galegos e as galegas saben que en Europa somos nós quen defendemos o pobo galego”, subliñou.
“Como eurodeputada non me gaña ninguén a traballar”, indicou Ana Miranda, ao tempo que defendeu unha candidatura nacionalista, de esquerdas e antifascista
Miranda subliñou o “férreo compromiso co País” no traballo que o Bloque vén desenvolvendo dende o ano 1999 trasladando ao Parlamento Europeo e á Comisión as problemáticas e demandas “dos nosos sectores produtivos, dos nosos concellos ou das diferentes loitas sociais que houbo na terra e no mar”, dixo logo de referirse, entre outras cuestións, ao accidente do Alvia, ao 'Prestige', a crise dos pellets, a defensa da lingua, os intereses da pesca galega ou, máis recentemente, a loita contra a instalación da pasteira de Altri en Palas.
“Como eurodeputada non me gaña ninguén a traballar”, indicou ao tempo que defendeu unha candidatura nacionalista, de esquerdas e antifascista. A candidata mostrou un pano palestino para pedir a fin do masacre en Gaza. “Non pode ser que a Unión Europea cruce os brazos diante do xenocidio”, lamentou.
O acto contou tamén coa participación de Xabier Pérez Igrexas, como portavoz municipal do BNG en Vigo, así como dos membros da candidatura europea Míriam Opazo, Roxelio Santos e Bieito Lobeira.