O BNG volve confiar na súa principal referente nas institucións da UE para encabezar a súa candidatura nas eleccións europeas do 9 de xuño. Tras tres lexislaturas accedendo ao Parlamento Europeo como eurodeputada -en períodos compartidos cos socios de coalición do Bloque- e unha dilatada traxectoria de traballo no lexislativo comunitario xa dende a etapa de Camilo Nogueira , a candidatura encabezada por Ana Miranda saíu adiante por unanimidade co reto de lograr, desta volta si, cinco anos de escano.
"O escano do BNG foi do pobo galego e así seguirá sendo", di Pontón, que ve no traballo de Miranda o "mellor aval" da formación nos comicios do 9 de xuño
Outra volta dentro da coalición "instrumental" Agora Repúblicas -que desta volta a formación galega comparte con ERC, EH Bildu e Ara Més-, o BNG ultima unha campaña que, di a súa portavoz nacional, Ana Pontón, será "cen por cen galega". Nela, avanza, combinarán novos compromisos coa posta "en valor" do seu "mellor aval", o traballo de Miranda en Bruxelas e Estrasburgo.
"O escano do BNG foi o do pobo galego e así o seguirá sendo a partir do 9X", di Pontón. "Para facerse escoitar, defender os nosos sectores produtivos" e "os dereitos sociais da clase traballadora". Neste sentido, Pontón contrasta os "discursos importados que nada interesan nin nada resolven" cos "problemas reais" que aborda o Bloque tamén no ámbito europeo. Dende "o que preocupa" ao sector primario, a "rexeneración das nosas rías, o cambio climático, o futuro da xente moza".
Coida Pontón que fronte a esta formulación do BNG volverá haber un PP coa mesma "trampa" das eleccións galegas do 18F, na que insta a "non caer". "Van repetir a mesma campaña sucia", coa "mesma estratexia da mentira, do insulto e da crispación" e "non temos ningunha dúbida", asevera, de que "volverán usar a TVG como ferramenta de manipulación e desinformación ao seu servizo.
Bieito Lobeira, número dous
Nas papeletas do BNG para o 9X o segundo posto é para o ex-deputado Bieito Lobeira, de quen salientan o seu coñecemento do sector pesqueiro. No terceiro posto sitúase Mar Pérez Fra, profesora de Economía, Socioloxía e Política Agraria na USC.
O mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga é o elixido para o cuarto posto da lista europea do Bloque, na que tamén figuran nomes como o do dramaturgo Roberto Pascual. O duodécimo posto, de peche, ocúpao o remeiro Kevin González, adestrador da Sociedade Deportiva Tirán e fillo dun dos tripulantes falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo.