O BNG ocupará o terceiro lugar dentro da candidatura fronte ao quinto posto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo
O Bloque repite a fórmula da coalición instrumental Agora Repúblicas para presentarse as eleccións europeas do 9 de xuño xunto a ERC (Catalunya) e EH-Bildu (Euskadi), igual que fixo hai cinco anos, e para estes comicios suma a Ara Més (Baleares), que opta por non concorrer con Sumar.
A sinatura deste acordo terá lugar este xoves en Barcelona, onde o BNG estará representado por Rubén Cela, membro da Executiva Nacional e responsable de relacións internacionais. A formación nacionalista explica que volve optar por esta confluencia con outros partidos, como vén facendo desde hai dúas décadas, "ao seren estes uns comicios de circunscrición única en todo o Estado". "Esta coalición técnica permítenos ter unha papeleta propia como BNG en Galiza", asegura Cela.
O bo resultado do BNG nas pasadas eleccións galegas inflúe, iso si, nas condicións nas que a formación nacionalista participa desta coalición. Nesta ocasión, ocupará o terceiro lugar dentro da candidatura fronte ao quinto posto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, que ocupou a eurodeputada Ana Miranda en 2019, "co obxectivo de que Galiza conte con voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses".
A candidatura nacionalista para os comicios europeos será elixida pola militancia do Bloque en asembleas comarcais durante o mes de abril, un proceso que rematará coa súa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional da formación.
A candidatura nacionalista para os comicios europeos será elixida pola militancia en asembleas comarcais durante o mes de abril
Desde o BNG inciden en que desenvolverán unha campaña "netamente galega" na que trasladarán "as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses dos e das galegas, en particular en sectores como pesca e agricultura, onde as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un gran impacto".
A coalición Agora Repúblicas contará co apoio de formacións políticas doutros territorios do Estado como Canarias e Asturias, que pedirán o voto para esta confluencia de partidos aínda que non estarán integradas formalmente na mesma.