O BNG captou o 18F o 30% do antigo electorado do PSdeG e o 60% de Galicia en Común

Eleccións 18F © Praza.gal

18F pasou o que pasou. Non podemos saber que papeleta meteu cada persoa no sobre de votación, pero os estudos postelectorais permiten coñecer importante información sobre o perfil dos apoios de cada partido, as motivacións dos votantes ou o desenvolvemento da campaña. O que habitualmente publica o CIS unhas semanas despois de cada comicio é sen dúbida o máis destacado, grazas ao gran número de enquisas realizadas (catro mil no caso de Galicia) e á variedade das preguntas. E todo a pesar de que a credibilidade do instituto público estea seriamente cuestionada dende hai anos polo enorme nesgo ideolóxico dos seus estudos de intención de voto, de xeito que as súas enquisas tenden a favorecer de maneira moi extrema ás formacións de esquerda, tamén en Galicia.

A táboa de transferencias de voto amosa que practicamente non existiron trasvases entre bloques e o PP mantivo o 86% dos seus antigos votantes e ademais sumou electores que en 2020 se abstiveran ou optaran por VOX

O CIS publicou este mércores o estudo postelectoral sobre as eleccións ao Parlamento galego do pasado 18 de febreiro, un traballo que entre outros aspectos vén confirmar algunhas das conclusións que deixaran as lecturas dos resultados dos comicios. Así, o recordo de voto e o cruce coa información relativa a comicios anteriores confirma a solidez dos apoios ao Partido Popular en Galicia, de xeito que Alfonso Rueda foi quen de manter o 86% dos votantes que Alberto Núñez Feijóo conseguira catro anos antes. O PP sumou ademais o 38% dos antigos votantes de VOX e unha porcentaxe moi importante (o 25%, segundo o CIS) de persoas que en 2020 non votaran.

A táboa de transferencias de voto amosa igualmente que practicamente non existiron trasvases entre bloques, entre a dereita e a esquerda ou viveversa. O CIS sinala unicamente que o 8% dos votantes do PSdeG optaron polo PP, pero nin BNG nin PSdeG recibiron antigos votantes conservadores.

Si houbo importantes movementos dentro do bloque progresista, todos en dirección ao BNG, que concentrou a maior parte deste electorado. O PSdeG só foi quen de reter a metade dos seus apoios 

Si houbo importantes movementos dentro do bloque progresista, todos en dirección ao BNG, que concentrou a maior parte deste electorado. Ana Pontón non só foi quen de reter o 85% dos apoios acadados catro anos antes, senón que tamén se fixo co 27,7% dos antigos votantes do PSdeG e o co 61,5% dos votantes que en 2020 optaran por Galicia en Común. Os nacionalistas fixéronse así coa maior parte dos novos votantes (que en 2020 non chegaran a 18 anos), case seis de cada dez.

O éxito do BNG desangrou a PSdeG, que só foi quen de reter a metade do seu electorado, e tamén a Sumar, que só recibiu dous de cada dez electores de Galicia en Común.

Das persoas que o 18F votaron o BNG, 4 de cada 10 votaran ao PSdeG nas Xerais e 2 de cada 10 optaran por Sumar. Tan só o 31% fixérano polo propio Bloque

Se a comparación se establece co recordo do voto das eleccións xerais do pasado mes de xullo, as transferencias son maiores, confirmando a importancia do fenómeno de voto dual, especialmente no bloque da esquerda. Non tanto na dereita, pois o groso dos votantes do PP o 18F (o 82%) tamén optaran polos populares nas xerais. Ademais, os de Rueda recibiron pequenas achegas de antigos votantes socialistas ou de VOX. A formación de ultradereita mantivo unha parte significativa dos seus apoios das xerais e, ademais, recibiu algúns votos que en 2023 foran para o PP.

Na esquerda, en cambio, os trasvases foron moi significativos. Das persoas que o 18F votaron o BNG, 4 de cada 10 votaran ao PSdeG nas Xerais e 2 de cada 10 optaran por Sumar. Tan só o 31% fixérano polo propio Bloque.

Entre os apoios de Democracia Ourensana o 18F, o 37% optara polo PP nas Xerais e un 7% por VOX. Outro 21% votara polo PSdeG e un 8% polo BNG. Ademais, un 6% abstivérase o 23X

O groso do electorado socialista o 18F (máis do 90%) xa votara polo PSdeG nas Xerais, pero a formación non recibiu outras achegas. No caso de Sumar, o 61% dos seus apoios votara xa por esta candidatura nas Xerais e o CIS indica que tamén recibiu algúns votos que o 23X foran para Pedro Sánchez.

O CIS dá información interesante sobre a procedencia dos apoios de Democracia Ourensana, moi transversais. Entre os seus apoios o 18F, o 37% optara polo PP nas Xerais e outro 7% por VOX. Outro 21% votara polo PSdeG e un 8% polo BNG. Ademais, un 6% abstivérase o 23X.

Este gráfico amosa igualmente que entre as persoas que o 18F se abstiveron hai un 16% de electores que nas Xerais optara polo PP, un 18% que votara polo PSdeG, un 5% que o fixera por VOX e un 3% que elixira Sumar.

A campaña

O CIS inclúe un gran número de preguntas sobre o desenvolvemento da campaña electoral. Como vén sendo habitual na última década, a porcentaxe de electores e electras que decidiron o sentido do seu voto nas semanas previas aos comicios foi importante (máis do 30%), un fenómeno que se produce especialmente entre as xeracións máis novas, as que máis modifican as súas preferencias de elección a elección.

A campaña foi decisiva no caso de DO, pero tamén no do BNG, que gañou pulo especialmente na primeira semana (2 de cada 10 dos seus votantes decidíronse neses sete días)

O electorado de PP e PSdeG, o maior en idade, foi o que en maior medida tiña o seu voto decidido antes do inicio da campaña (77% e 76%, respectivamente). No caso do BNG esta porcentaxe redúcese ata o 60%, unha porcentaxe semellante á de VOX, inferior á de Sumar (68%), pero superior á de Democracia Ourensana (54%), a formación que máis apoios consolidou na propia campaña.

A campaña foi decisiva no caso de DO, pero tamén no do BNG, que gañou pulo especialmente na primeira semana (2 de cada 10 dos seus votantes decidíronse neses sete días). VOX, en cambio, acelerou os seus apoios na segunda semana, pode que despois de que Feijóo afirmase que contemplaba a concesión dun indulto a Puigdemont.

O 11% dos galegos e galegas afirman que a amnistía foi o asunto máis tratado nas semanas previas ao 18F, por riba da situación da sanidade (8,4%) e da crise dos pellets (6,8%)

A concesión da amnistía no conflito catalán foi, precisamente, o tema do que máis se falou na campaña, segundo as respostas das persoas entrevistadas polo CIS. O 11% dos galegos e galegas afirman que foi o asunto máis tratado nas semanas previas ao 18F, por riba da situación da sanidade (8,4%) e da crise dos pellets (6,8%).

O CIS tamén preguntou polos medios de comunicación máis empregados para informarse sobre as eleccións e durante a campaña electoral. A televisión foi o máis empregado (o 64% escolleuno como primeira ou segunda opción), seguido da prensa dixital (35%), as redes sociais (28%), a radio (21%) e a prensa impresa (19%).

Como é o electorado de cada partido?

O estudo do CIS permite coñecer tamén información relevante sobre o perfil dos electores e electoras de cada formación política, en base ao recordo de voto. En primeiro lugar, sobre a súa idade, con grandes diferenzas entre o electorado do PP, máis avellentado, e do BNG, máis novo, como xa foi apuntado nas últimas semanas a partir da análise dos resultados en cada sección censual.

O BNG foi a formación máis votada, por ampla marxe, entre os menores de 45 anos, duplicando os votantes do PP entre os menores de 35. No grupo de idade entre 45 e 64 anos o PP é a primeira opción, pero cunha diferenza escasa sobre o Bloque

Así, segundo o CIS, o BNG foi a formación máis votada, por ampla marxe, entre os menores de 45 anos, duplicando os votantes do PP entre os menores de 35. No grupo de idade entre 45 e 64 anos o PP é a primeira opción, pero cunha diferenza escasa sobre o Bloque. En cambio, entre os 65 e os 74 anos o PP duplica o BNG e por riba de 75 anos os populares multiplican por sete os apoios do BNG. O PSdeG aumenta os seus apoios a medida que os votantes envellecen e só a partir de 65 anos chega ao 19%, case igualando do BNG e por riba dos 75 anos convértese na segunda opción, superando o 20%.

Cómpre subliñar, en calquera caso, que o recordo de voto que presenta o CIS inclúe un importante nesgo en beneficio da esquerda, de xeito que só recolle un 37% de votantes do PP (47% en realidade), fronte a un 32% de votantes do BNG, un dato moi próximo ao resultado real. Nas porcentaxes achegadas polo CIS aparece un 11% de respostas que non quixeron confesar o sentido do seu voto.

Segundo o CIS, ademais, non hai grandes diferenzas no voto en función do sexo do elector ou electora. Os apoios a PP e BNG son practicamente os mesmos entre homes e mulleres e tan só o PSdeG amosa unha maioría de mulleres entre os seus votantes (habitual dende hai décadas) e VOX unha maioría de homes (tamén recorrente nos últimos anos).

O CIS pregunta tamén pola autoubicación ideolóxica dos votantes, que no conxunto de Galicia se sitúan preto do 5 (4,92), nunha escala de 1 a 10, na que o 1 representa a extrema esquerda e o 10 a extrema dereita. Ao carecer de cero, o centro exacto da escala sitúase no 5,5. Chama a atención a gran cantidade de votantes que se sitúan nos extremos, tanto na esquerda coma na dereita, de xeito que un terzo das respostas apuntan ao 1 tanto en PSdeG, coma no BNG e en Sumar e unha porcentaxe semellante sinalan ao 10 en PP e VOX.

Unha ampla maioría de galegos e galegas (un 68%) recoñécese como "tan galego/a como español/a". Este sentimento é o maioritario en todos as formacións políticas, mesmo no BNG (48%) e en VOX (44%)

O CIS pregunta tamén polo sentimento identitario de pertenza a Galicia ou a España. Porén, neste caso, unha ampla maioría de galegos e galegas (un 68%) recoñécese como "tan galego/a como español/a". Este sentimento é o maioritario en todos as formacións políticas, mesmo no BNG (48%) e en VOX (44%), as únicas opcións nas que baixa do 50%. No BNG o 36% reividícase como "máis galego que español".

Apenas o 6% das persoas se senten "unicamente galegas" (11% entre os e as votantes do BNG) e só o 4% din ser "unicamente españolas" (14% en DO e 6% en VOX). 

As diferenzas entre as persoas que teñen o galego ou o castelán como lingua materna non son grandes entre unhas e outras candidaturas

O estudo inclúe tamén unha pregunta sobre a lingua materna da persoa entrevistada, que se pode cruzar tamén co recordo de voto. Ao igual que amosaban as análises dos resultados do 18F, semella que a lingua non é un elemento determinante á hora de decidir o voto. As diferenzas entre as persoas que teñen o galego ou o castelán como lingua materna non son grandes entre unhas e outras candidaturas e dependen máis da idade, aínda que neste senso sorprende a elevada porcentaxe de votantes do BNG -sendo moi novos e novas- que sinalan que o galego foi a súa lingua materna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.