En Quintela de Leirado, pequeno concello do sur de Ourense, limítrofe con Portugal, o PP volveu arrasar nas pasadas eleccións autonómicas. Dos 351 votos emitidos en urna, 316, o 90%, foron para os populares. Foi o municipio cun maior apoio para o PPdeG o 18F.
En Quintela de Leirado, co 90% de poboación galegofalante, o PP acadou o 90% dos votos; na comarca de Vigo, onde menos galego se fala, obtivo o seu peor resultado o 18F
A elevada porcentaxe de voto popular coincide neste concello con outro dato: o do uso do galego, que supera tamén o 90%, unha cifra semellante á que o IGE (Instituto Galego de Estatística) outorga ao sur de Ourense —onde se inclúe Quintela de Leirado—, unha das áreas nas que divide o país para analizar os hábitos lingüísticos. Nesta zona que abrangue as comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana, o 88% da poboación fala sempre en galego ou emprégao máis que o castelán. Tamén nesta área, o Partido Popular rozou o 60% dos votos o 18F, uns dez puntos máis que a media galega.
Pola contra, na comarca de Vigo, a área de Galicia con menor porcentaxe de galegofalantes, co 25,5%, é onde o PP acada os seus peores resultados co 39%. Nesa mesma zona, o BNG consegue unha das súas mellores cifras, pasando do 37% de sufraxios, unha porcentaxe só superada no Morrazo, onde rolda o 42%, sendo esta outra das comarcas onde o uso habitual do galego baixa do 50% da poboación (42,5%).
A diagnose, aínda que con matices, é clara tras o 18F se cruzamos os datos de idioma e sufraxio: a maior uso do galego, maior apoio ao PP; a menor uso da lingua propia, máis votos para o BNG. Dito doutro xeito: a máis castelanfalantes, máis voto ao Bloque; a menos uso do castelán, máis apoio aos populares.
Os datos reflicten que a maior uso do galego, máis apoio ao PP; a menor uso, máis votos para o BNG
Collendo a división que o IGE fai na súa Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do idioma, a relación entre o uso do galego e o voto ao PPdeG é íntima. Así, na Coruña suroriental, que comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide, máis do 93% da poboación di falar sempre en galego ou usalo máis có castelán. É a área máis galegofalante do país e a terceira onde os populares acadan maior apoio electoral: o 58% dos votos o 18F.
Só na área que abrangue O Carballiño e O Ribeiro (con máis do 60% dos votos) e a Pontevedra nororiental (Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que roza igualmente o 60%) o PP ten unha maior porcentaxe de voto, sendo tamén zonas onde a lingua galega é moi maioritaria: 76,4% e 81,8% de galegofalantes respectivamente.
O BNG, pola súa banda, experimentou nestas últimas eleccións autonómicas un importante ascenso en case todos os concellos, cunhas cifras de apoio moi elevadas mesmo en comarcas onde non adoitaba apañar tantos votos. O impulso do Bloque racha algo o tópico de que a formación nacionalista consegue, precisamente, mellores datos onde o galego é máis residual. Pero non tanto.
O Bloque superou o 33% dos votos nas zonas onde o galego ten menor presenza: as comarcas de Vigo, A Coruña e Pontevedra e a área Ferrolterra-Eume-Ortegal
O Bloque superou o 35% dos votos en dúas áreas: a comarca de Vigo e O Morrazo, sendo dúas nas que menos presenza ten a lingua galega. Pero nas da Coruña e Pontevedra e na zona que inclúe Ferrolterra, Eume e o Ortegal, as tres áreas tras a viguesa onde o idioma propio é menos habitual, a formación nacionalista pasou do 33% dos sufraxios.
Os mellores resultados da formación nacionalista danse, con algunha excepción, nas áreas onde o galego xa non é a lingua maioritaria. Con todo, o BNG acadou desta vez un importante apoio electoral tamén en dúas das tres áreas onde máis galego se fala: a Costa da Morte e A Barbanza-Noia, superando en ambos casos o 30% dos votos.
O PSdeG, pola súa banda, e malia os seus malos resultados o 18F, resiste mellor nalgunhas áreas urbanas e, ao tempo, máis castelanfalantes. Acada algunhas das súas mellores cifras na área de Vigo (18,3% dos votos) ou Lugo central (17,4%), que inclúe a capital provincial.
Pero esta relación entre lingua e voto coincide tamén, polo xeral, cos datos da idade media de cada área ou concello: a máis poboación envellecida, máis galegofalantes e máis votos ao PP. Do mesmo xeito que as comarcas onde os populares acadan os seus mellores resultados adoitan ser as rurais, fronte ás boas cifras do BNG nas áreas máis urbanas.
No caso das cidades, unha ollada a primeira vista fai doada a relación: o PP consegue os seus mellores resultados na cidade onde o galego é máis habitual entre a poboación, Lugo, e os peores onde menos galego se fala, en Vigo. Ao tempo, o Bloque foi a forza máis votada e obtivo o seu mellor resultado urbano en Vigo, con máis do 37% do apoio, e o peor en Lugo, cunha porcentaxe máis de dez puntos inferior.
Nas cidades, o PP acada o seu mellor resultado na que máis galego se fala, Lugo, e o peor en Vigo, onde menos se emprega
Os datos teiman, se cadra con máis intensidade, nunha tese antiga pero non demasiado debullada: a de que o nacionalismo ten unha boa parte da súa base electoral nas áreas máis castelanizadas e urbanas de Galicia, mentres o PP agranda aínda máis a súa fortaleza nos concellos máis galegofalantes e rurais. Nada novo.
Xa hai máis dunha década, o investigador Martín Vázquez Fernández, no seu traballo de fin de grao (TFG), abordaba a relación entre a "lingua materna, a identidade nacional e sentimento nacionalista" en base ás enquisas do CIS. A análise infería que, daquela, a cidadanía iniciada en galego tiña maioritariamente a intención de voto no PPdeG e no BNG e que a criada en castelán inclinábase máis cara ao PSdeG, unha tendencia que virou algo ao superar amplamente o Bloque os socialistas nos resultados electorais.
Que explica, alén das diferenzas evidentes de voto por idade, esta tendencia asentada? Hai moitos factores, explica o vicesecretario da Real Academia Galega (RAG) e director dese TFG, Henrique Monteagudo, que repara nun deles. "Os datos apuntan algo do que se ten falado xa á hora de analizar outros territorios con movementos nacionalistas: a nostalxia da perda", di. "Coido que hai algo diso, un sentimento entre a poboación urbana e moza que foi castelanizada por algo que perdeu, por un idioma que xa non fala", explica o académico.
Monteagudo, vicesecretario da RAG, apunta a "nostalxia da perda" como unha clave da fortaleza do nacionalismo no ámbito urbano e castelanfalante
"Quen xa a ten e a tivo sempre [a lingua galega], non a perde; pero quen perdeu algo, sempre ten esa nostalxia". Do que puido ser ou do que aspira a recuperar, explica Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, convencido tamén de que os datos que vinculan voto e lingua "obrigan o nacionalismo galego a ser especialmente coidadoso coas súas propostas de política lingüística".
"Non pode deixar o bilingüismo exclusivamente nas mans doutros", di o membro da RAG, que reflexiona sobre a campaña do 18F, na que o BNG "deu prioridade á cuestión social como fórmula para vencer a dereita", evitando caer na rede que o PP lle lanzou sobre unha suposta imposición do galego ou a aposta pola inmersión lingüística. "O Bloque ten unha base electoral maiormente castelanfalante", lembra.
Outra clave: o galego no ensino
Pero ademais, Monteagudo cre que no maioritario apoio ao BNG entre a xente moza e, polo tanto, entre a que máis fala castelán —obtén as mellores cifras nas zonas con poboación máis nova e o CIS sinala que é maioritario entre os 18 e os 44 anos— ten que ver outro factor: a introdución do galego no ensino.
"Coido que está relacionado: a chegada da autonomía, a introdución das aulas de galego, de Lingua e Literatura galega, os contidos sobre cultura galega... Canto alumnado non se viu influenciado e canto profesorado non foi importante no coñecemento dunha identidade galega que antes non era relevante no ensino?", pregúntase Monteagudo. "A xente maior e, en consecuencia, a maioría de votantes do PP non foron culturizados en galego, non tiveron apenas contacto coa lingua galega escrita, nin conciencia lingüística nin un coñecemento da identidade galega impulsado nun marco escolar que prestixia a cultura propia", engade.
"A final de contas, a chegada da autonomía introduciu o galego no ensino, o estudo da literatura e da historia de Galicia, e iso vai callando, vai deixando un pouso na xente que aínda se nota máis no ámbito urbano, onde hai máis inquedanza cultural e tamén máis esa nostalxia da perda, ese sentimento por ese idioma e esa identidade", explica Monteagudo.
Para o académico, ademais, este conxunto de factores rachan cos tópicos que parte da clase política estende sobre o nacionalismo, ao que identifica con ideas "atrasadas, provincianas...". "Adoitou ser sempre un movemento de modernización social; en Galicia, tamén", conclúe para deixar un dato que anima a reflexionar: "A metade dos afiliados das Irmandades da Fala, hai un século, estaban na cidade da Coruña".