Así votaron os barrios das cidades: o BNG impúxose nos barrios populares de Vigo e A Coruña e no centro de Compostela

Mapas de voto das cidades galegas no 18F sobre unha imaxe da Avenida de Castelao, en Coia ©

O pasado 18 de febreiro o PP foi a forza máis votada en seis das sete cidades galegas, pero o BNG puxo a súa pica en Vigo. Podes ver nesta serie de mapas interactivos o resultado nas seccións electorais das sete cidades galegas e a evolución de cada partido en relación ao comicios de 2020

O pasado 18 de febreiro o PP foi a forza máis votada en seis das sete cidades galegas, pero o BNG puxo a súa pica en Vigo, obtendo a vitoria na meirande urbe de Galicia grazas ao trasvase de milleiros de votos que hai catro anos apoiaran ao PSdeG (e que nas últimas municipais optaron por Abel Caballero). Os nacionalistas medraron de forma importante en toda a Galicia urbana (dos 13,7 puntos de Vigo aos 7 de Pontevedra) coas excepcións de Lugo e Ourense, onde a suba ficou nos tres puntos debido á fortaleza do PSdeG lucense e da irrupción de Democracia Ourensana.

Con todo, os datos amosan igualmente a capacidade de resistencia e de mobilización do PP, que aumentou máis de 25 mil votos nas sete cidades (cinco mil deles procedentes en boa medida de Ciudadanos). O PP, de feito, mellorou a súa porcentaxe de voto en Vigo e Pontevedra (onde máis baixou o PSdeG, xunto con Ourense) e só baixou de forma importante na cidade das Burgas.

Vigo

Así, PP e BNG repartíronse tamén os triunfos nos distintos barrios das cidades galegas, non que nin PSdeG nin DO chegaron a gañar en ningunha sección. Unha boa mostra desta distribución da Galicia urbana é Vigo, onde o BNG se impuxo na maior parte do territorio municipal, especialmente nas zonas rurais, pero tamén en Teis, Coia e boa parte de Bouzas.

Nos dous mapas seguintes obsérvase a evolución do BNG, con aumentos en toda a cidade, pero sobre todo en Bouzas, Coia e no rural. 

E tamén os descensos do PSdeG, que caeu 11 puntos no conxunto do concello e que pasou de gañar en máis da metade das seccións en 2020 a ficar moi lonxe de impoñerse en ningunha, con perdas de ata vinte puntos nalgunhas áreas.

A Coruña

Na Coruña o mapa tamén se divide en dous, aínda que cun claro predominio para o PP, que se impuxo na maior parte das seccións, aínda que baixou en porcentaxe no conxunto do Concello. Os populares, como é habitual, basearon o seu triunfo na fortaleza no Ensanche e Riazor, barrios nos que roldaron o 70% nalgunhas áreas, o mesmo que na Cidade Vella ou en Catro Camiños, áreas nas que superaron o 50%. 

O BNG gañou en Monte Alto e Durmideiras, parte de Os Rosais, algunhas seccións dos Castros, Agra do Orzán e Ventorrillo e nas zonas periféricas de Bens ou A Silva. Os nacionalistas chegan a superar o 40% nalgunhas zonas, con aumentos de 17 puntos nas Lagoas ou San Roque.

Ourense

O PP impúxose na maior parte das seccións da cidade de Ourense, aínda que o BNG foi quen de facerse con algunha. Os populares obtiveron un resultado moi superior no casco histórico e os datos máis baixos no barrio da Ponte.

A irrupción de Democracia Ourensana, con máximos no sur da cidade e na Ponte, levou a PP e PSdeG a perder 6,5 e 9,1 puntos respectivamente con respecto a 2020 e tamén fixo que o BNG tivera en Ourense o menor ascenso de todas as urbes galegas, xunto con Lugo.

Santiago

En Santiago o BNG impúxose na maior parte das seccións do centro da cidade, agás o Ensanche, onde gañou o PP, que tamén foi a forza máis votada en todo o anel rural que rodea a capital de Galicia. 

O Bloque, que conseguiu en Compostela o seu mellor resultado de toda a Galicia urbana (37%, o mesmo dato que en Vigo), superarou o 40% no barrio de San Pedro ou Basquiños, o mesmo que en barrios residenciais como As Fontiñas, Conxo ou O Paxonal. En cambio, o BNG ficou en pouco máis do 20% no Ensanche e en boa parte do rural, agás Figueiras e A Sionlla.

Lugo

En Lugo o PP gañou en todas as seccións da cidade, xa que o voto da esquerda se repartiu de forma máis equitativa entre BNG e PSdeG. Os populares basearon o seu dominio (obtiveron máis do 50% dos sufraxios) na ampla vantaxe acada no rural que rodea a cidade e tamén na súa clara vitoria no centro histórico rodeado pola muralla, onde chegou a superar os dous terzos dos votos. 

O PSdeG mantivo aquí unha porcentaxe de votos importante, achegándose ao vinte por cento e mesmo mellorando o seu resultado de 2020 nunhas décimas. Mesmo en moitas zonas da cidade conseguiron ser a segunda forza máis votada, algo que non se repetiu demasiado no resto das cidades. 

Pontevedra

En Pontevedra, a pesar do gran resultado do BNG (34,5% dos votos e 7 puntos máis que no 2020), o PP gañou na maior parte das seccións grazas ao 45% acadado, cunha suba de 1,5 puntos en relación ás eleccións de hai catro anos.  O Bloque conseguiu ser a forza máis votada en media ducia de seccións

Ferrol

Finalmente, tamén en Ferrol o PP gañou na maior parte da cidade, malia perder unhas décimas en relación a 2020. O BNG, con todo, medrou máis de nove puntos e foi quen de ser a forza máis votada en Caranza e Esteiro, dous dos barrios máis de esquerdas do concello. Os populares dominaron amplamente no barrio da Madalena e no rural (máis do 50% dos votos) e tiveron o seu peor resultado en Caranza, roldando o 30%.

O Bloque, pola súa banda chegou a acadar o 40% nalgunhas zonas de Caranza e roldou o 35% en Esteiro e Canido, agrupando o voto progresista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.