A Comisión Europea amosouse disposta a endurecer os requisitos para o transporte marítimo dos pellets, os granulados de plásticos como os que chegan ás costas de Galicia desde o pasado 13 de decembro, e a levar a cabo "accións rápidas e decisivas a todos os niveis" para reducir os seus vertidos e a contaminación que provocan. Bruxelas ábrese así a endurecer as medidas para o transporte dos microplásticos, estendendo a lexislación prevista ao comercio marítimo internacional ou vetando que o transporte dos pellets se faga a granel.
Sinkevičius advertiu da necesidade de centrar os esforzos en evitar os vertidos porque "unha vez que están no medio ambiente, os 'pellets' son moi difíciles de recuperar"
Así o advertiu o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, durante o debate celebrado no pleno da Eurocámara en Estrasburgo a proposta do BNG tras o vertido en Galicia e para abordar a "catástrofe ecolóxica recente pola perda de pellets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros", tal e como rezaba na orde do día.
Na súa intervención, ademais, Sinkevičius advertiu de que "hai que investigar" a causa do vertido en Galicia pero que o relevante agora é "asegurar a súa limpeza". Con todo, o comisario insistiu na necesidade, ao abeiro da proposta de regulamento relativo á prevención das perdas de pellets, de levar a cabo políticas preventivas e de maior seguridade no transporte deste material para "evitar a contaminación" porque, dixo, "unha vez que están no medio ambiente son moi difíciles de recuperar", sobre todo, engadiu "no mar", onde "é un reto" apañalos.
A Comisión insta a traballar coa Organización Marítima Internacional e reforzar a lexislación para garantir un "empaquetado de calidade", "bo almacenamento" e información clara das mercadorías
Así, Sinkevičius instou a tomar xa medidas desde a UE e centrarse en reforzar o traballo coa Organización Marítima Internacional (OMI) para poñer o foco no transporte dos pellets nos buques. A idea, insistiu, é avanzar na lexislación e normativas co obxectivo de garantir un "empaquetado de calidade" destes produtos, unha correcta "información" da mercadoría que permita "identificar claramente" aqueles contedores que leven estes granulados e un "bo almacenamento" que obrigue a que este material se sitúe "na cuberta inferior ou naquelas zonas menos expostas" ou que non sexa transportado a granel.
Sinkevičius dixo que a Comisión está "disposta" a considerar que a lexislación europea inclúa requisitos sobre o almacenamento e empaquetamento dos pellets nos cargueiros, para o que pediu a todos os Estados "que actúen" a través da OMI. "O mar non ten fronteiras", lembrou.
O comisario de Medio Ambiente chamou a aprobar "axiña" o regulamento para previr os vertidos de pellets cos que a UE pretende reducir nun 70% a liberación destas granzas) e evitar así "desastres" como o acontecido no litoral galego e do norte da Península Ibérica, ao que se referiu en varias ocasións. "Hai quen ve os obxectivos para reducir os microplásticos só como cifras, pero cando a contaminación golpea de verdade, como pasou no litoral español, pasa a ser o punto máis importante da axenda política", dixo. "Non hai solucións fáciles pero necesitamos pasar á acción e facelo de maneira decisiva", insistiu.
Sinkevičius abriu e pechou as intervencións nun pleno no que mentres BNG, socialistas, representantes dos verdes ou da esquerda advertían da "catástrofe" acontecida en Galicia, da necesidade de actuar contra os microplásticos e da precaria xestión ou "inacción" por parte da Xunta, o PP e a extrema dereita falaban de "esaxeración", advertían de "oportunismo político", "manipulación" ou "electoralismo" e censuraban o Goberno de España.
Miranda (BNG) e Casares (PSdeG) reuníronse co comisario Sinkevičius para denunciar a xestión da Xunta e solicitar "medidas estritas" no transporte dos 'pellets' e o "reforzo" na lexislación ao respecto
A europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, na súa intervención denunciou a "incompetencia" da Xunta do PP que, dixo, "non aprendeu nada" do Prestige. “O que o Goberno galego non fai, facémolo nós, reclamando considerar aos pellets mercadorías perigosas e normas máis estritas de empaquetado, etiquetado, carga, estiba e manipulación, así como medidas máis estritas de transporte marítimo para evitar perdas accidentais”, concluíu Ana Miranda, quen fixo un chamamento a participar na mobilización do vindeiro 21 de xaneiro en Santiago de Compostela convocada na defensa do sector do mar.
Pola súa banda, Nicolás González Casares, eurodeputado galego do grupo socialista, advertiu que Galicia enfronta "unha dobre marea: a plástica e a de incompetencia, ocultación e mentiras da Xunta". Ademais, criticou unha "nefasta xestión" autonómica que "deixou concellos e cidadáns á súa sorte" mentres o PP "pasou semanas negando a importancia da contaminación". Tamén avogou por unha "lexislación europea reforzada" contra a contaminación do plástico.
Tanto Ana Miranda como González Casares reuníronse antes do pleno co comisario Virginijus Sinkevičius. Na súa xuntanza, na que estivo acompañada da alcaldesa de Muros, María Lago, a eurodeputada do BNG trasladoulle a "pésima xestión" do Goberno galego e o "fundamental" que considera que "a Comisión adopte medidas estritas que melloren a seguridade do transporte" destes materiais plástico, "incluído o marítimo".
O Bloque, como lembra Miranda, xa presentou emendas na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo relativas ao informe de microplásticos e a perda de pellets "para que sexan considerados contaminantes e para que o tráfico marítimo entre na lexislación europea".
Pola súa banda, o eurodeputado socialista pediu ao comisario apoio para a restauración dos danos causados polos pellets e defendeu a necesidade de "estender o regulamento contra a contaminación por estes granulados ao comercio marítimo internacional e establecer a xeolocalización obrigatoria de contedores para axudar á xestión en caso de accidente".
Casares lembrou que estes plásticos "son un serio risco para a saúde e o medio ambiente que hai que combater como o fan a Comisión e o Goberno de España".
Mentres, no pleno, o eurodeputado galego do PP, Francisco Millán Mon, advertiu de "moitas esaxeracións, mentiras e falsidades" e cre que o debate sobre os pellets "non se produciría se non houbese eleccions". Ademais, acusou o Goberno de españa de "non cumprir coas súas funcións" nin "activar nos medios nin os plans que correspondían" e denunciou unha "maquinaria de desinformación" por parte do Executivo de España, o BNG e o PSOE que encadrou en "manobras electorais".
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, preguntado na rolda de prensa tras o Consello da Xunta polas apelacións na Eurocámara a aprender de episodios como o Prestige, asegurou que "a Xunta aprendeu moitas cousas nests anos". "Quen parece que non aprendeu foi o Goberno central e outros partidos", rematou.