Rueda rexeita poñer nota á xestión dos 'pellets' e di que na manifestación do domingo "hai interese electoral de seguir levantando bulos"

Rueda tras o Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente asegura ter probas da relación da oposición coa "trama de manipulación dixital" que a secretaria xeral do PPdeG denunciou baseándose só en "indicios", pero di que non as pode facilitar porque non fixo el a investigación

Catro días despois de que a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dixese que na xestión da crise dos pellets a Xunta "actuou de 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra", este xoves o presidente Rueda rebaixou a euforia. Preguntado por esas declaracións e pola súa propia valoración Rueda rexeitou poñer notas á xestión do seu Goberno e optou por dicir que en todo caso o está a facer peor o Goberno de España e a oposición, á que atribuíu un "interese electoral, de seguir levantando bulos" pola súa participación na manifestación convocada en Santiago este domingo. 

Paula Prado, secretaria xeral e xefa de campaña do PP, este 17 de xaneiro na sede do partido

Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola manifestación en defensa do mar convocada para este domingo por distintas organizacións ambientais e do sector pesqueiro. "Con todo o respecto para quen acode ás manifestacións de boa fe, é unha manifestación case da oposición contra si mesma, non fixeron nada máis que levantar bulos durante toda esta crise", dixo Rueda, quen asegurou que na convocatoria "hai moitísimo interese político, interese electoral, de seguir levantando bulos". 

Canto á pregunta sobre a nota que a súa vicepresidenta puxo á xestión da Xunta, Rueda tentou virar o foco da cuestión. "Non creo que sexa bo, non poño notas", dixo, para engadir que "un 10 será cando recollamos todos os plásticos, non só os pellets" xa que "limpar as praias é unha boa cousa e ter un 10 na limpeza de praias é unha boa cuestión".

Rueda no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente tamén foi cuestionado pola acusación lanzada pola súa secretaria xeral no PPdeG, Paula Prado, que relacionou este mércores coa oposición unha suposta "trama de manipulación dixital". Prado admitiu que non tiña probas senón só indicios que aínda estaban a estudar, pero este xoves Rueda asegurou que se fixo esa acusación "é porque loxicamente hai probas", aínda que el non as revelou xa que "non fixen ese estudo e non lle podo detallar as circunstancias concretas, pero sen dúbida existen". Segundo o líder popular, non está preocupado porque a oposición o ataque senón que "preocupa que estivesen usando [estratexias dixitais] para levantar bulos sobre a calidade do produtos pesqueiros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.