37 anos de eleccións europeas en Galicia: alta abstención e sorpresas nunha cita que ata 2019 dominou o PP

Bandeira da UE, ante a sede do Parlamento europeo en Bruxelas CC-BY-SA David Fernández

Dentro de 90 días celébranse nos 27 países da UE eleccións para renovar o Parlamento europeo, uns comicios se que se convocan cada cinco anos e que, nesta ocasión, non se celebran conxuntamente en Galicia con ningunha outra elección, como si sucedeu en 2019, cando coincidiron coas municipais, algo que sucede cada vinte anos.

Nos últimos 37 anos a abstención nas eleccións europeas vén sendo moi elevada, cun máximo no ano 2014, cando en Galicia só votou o 38,7% do censo

Dende o ano 1987, un ano despois do ingreso de España na C.E.E., celebráronse no noso país oito eleccións ao Parlamento europeo, unhas citas marcadas polo elevado índice de abstención e a relegación das cuestións da propia gobernanza europea en detrimento dunha lectura dos comicios en clave interna, de xeito que en ocasións a cita funciona máis como unhas primarias nas que se mide un estado de opinión, se realizan votos de castigo ou se aúpan novas candidaturas que a partir deste empurrón inicial gañan peso nas restantes convocatorias.

A participación, dende logo, será unha das claves das eleccións, que en España se levan a cabo o domingo 9 de xuño. Nos últimos 37 anos a abstención nas eleccións europeas vén sendo moi elevada, cun máximo no ano 2014, cando en Galicia só votou o 38,7% do censo. 

O Partido Popular foi dende 1987 a forza máis votada nas eleccións europeas en Galicia, coa única excepción da última cita de 2019, cando se impuxo con claridade o PSdeG

Nas restantes convocatorias, agás a primeira de 1987 (57,1% de participación) e as dúas que coincidiron con eleccións municipais (1999: 60,8% e 2019: 54,5%), a participación nunca superou o 51%. En 1994 o voto de castigo ao PSOE elevou a participación ata o 50,25%. A falta de coincidencia con outras convocatorias de seguro volverá limitar a participación nesta ocasión, aínda que pode axudar a que na campaña electoral se fale máis das políticas europeas.

En canto aos resultados, o Partido Popular foi dende 1987 a forza máis votada nas eleccións europeas en Galicia, coa única excepción da última cita de 2019, cando se impuxo con claridade o PSdeG. Hai cinco anos, ante a irrupción de Ciudadanos e Vox os populares acadaron o seu peor resultado histórico en Galicia, con menos do 30% dos sufraxios.

Unha análise aos resultados das eleccións europeas celebradas en Galicia dende 1987 amosa un claro dominio do PP, que chegou a acadar o 54,6% dos votos en 1994, mesmo por riba dos máximos obtido por Manuel Fraga nuns comicios ao Parlamento galego (52,6% en 1993 e 52,9% en 1997). Entre 1994 e 2009 o PP mantívose sempre por riba do 47%, pero en 2014 (35,2%) e 2019 (29,8%) experimentou importantes descensos.

O PSdeG, que en 1989 quedou a poucas décimas de ser a primeira forza, co 33,1% dos votos, caeu por debaixo do 25% en 1994 e 1999 para reaxir en 2004 (poucos meses despois da vitoria de Zapatero nas Xerais) co seu mellor resultado histórico (36,2%), que case repetiu en 2009. A irrupción de AGE e Podemos en 2014 fixo descender os socialistas ata o seu mínimo do 21,8%, do que de novo saltaron hai cinco anos ata o 35% que lles permitiu ser a forza máis votada en Galicia.

O BNG acadou o seu máximo en 1999 cando a lista encabezada por Camilo Nogueira acadou o 22% dos votos

O BNG, pola súa banda, vén manténdose dende o 2004 nunha porcentaxe de votación moi estable, entre o 7,9% de 2014 e o 12,3% de 2004, e hai cinco anos obtivo un resultado semellante: o 11,8%. Os nacionalistas acadaron historicamente nestes comicios uns resultados máis próximos ao nivel de votación obtido nas eleccións Xerais que ao acadado nos comicios autonómicos, nos que o seu teito é moito máis elevado. A excepción foron as eleccións de 1999, nas que a lista do BNG liderada por Camilo Nogueira chegou ao 22% dos votos e estivo preto de dar o sorpasso ao PSdeG. Este extraordinario deulle á formación, por primeira vez, un escano no Parlamento europeo.

Por outra banda, as eleccións europeas veñen sendo un escenario para a irrupción de novas forzas e tamén son un tipo de elección nas que o voto se fragmenta máis, animado polo tamaño da circunscrición única (este ano España escolle 61 deputados e deputadas) e pola ausencia de límites mínimos para obter representación. Calcúlase que para obter un escano abonda con superar o 1,7% dos votos a nivel estatal.

As eleccións europeas veñen sendo un escenario para a irrupción de novas forzas, dende a Agrupación Ruíz Mateos ata Podemos, e tamén son un tipo de elección nas que o voto se fragmenta máis

Na historia destes comicios en Galicia atopamos, por exemplo, como o CDS chegou a superar o 10% en 1987, nivel nunha acadado noutro tipo de convocatorias. Ou que en 1989 a Agrupación Ruíz Mateos se converteu na cuarta forza en Galicia, só por detrás de PP, PSdeG e CDS, co 4,34% dos votos. De igual xeito, en 1994 Esquerda Unida superou o 5% dos votos, no que foi o mellor resultado da formación liderada nese momento por Julio Anguita.

En 2014 as eleccións europeas converteron a AGE en terceira forza (10,5% dos votos) e a Podemos, que viña de nacer, en cuarta forza, co 8,35% e un extraordinario resultado nas cidades, especialmente na Coruña. Ese ano tamén UPyD superou o 3% e Ciudadanos e Pacma estiveron por riba do 1%.

Hai catro anos a fragmentación moi menor, pero Unidas Podemos superou o 8% e Ciudadanos achegouse ao 7%, con Vox no 2,7%. Ademais, Pacma acadou o seu mellor resultado histórico en Galicia, cun 1,24%, con En Marea (aliada con Compromís) por riba do 1% e Compromiso por Galicia (en coalición co PNV e Coalición Canaria) preto do 0,5%. 

O PP busca unha vitoria a nivel do Estado que axude a Feijóo a consolidar o seu liderado. O PSOE (e especialmente o PSdeG) busca un bo resultado que axude a esquecer o mal resultado acadado nos comicios galegos do 18 de febreiro

Que pode pasar nos comicios deste 9 de xuño? A primeira incógnita é a da participación, tendo en conta que a diferenza de 2019, nesta ocasión as eleccións non coinciden con outra convocatoria. A segunda refírese ao tipo de debate que predomine na campaña, na que poden pesar máis ou menos as cuestións ligadas ás propias competencias do Parlamento europeo e das institucións da UE ou, en cambio, primar os debates en clave local.

Neste senso, o PP busca unha vitoria a nivel do Estado que axude a Feijóo a consolidar o seu liderado e afiance a súa oposición ao Goberno presidido por Pedro Sánchez. O PSOE (e especialmente o PSdeG) busca un bo resultado que axude a esquecer o mal resultado acadado nos comicios galegos do 18 de febreiro.

En Galicia, ademais, o BNG persegue manter nas eleccións europeas a onda de apoio que Ana Pontón acadou nas últimas eleccións ao Parlamento galego, coa dúbida de se o importante voto dual existente na esquerda vai seguir un patrón máis próximo ao das eleccións autonómicas (favorable ao BNG) ou ao das eleccións Xerais (favorable a PSdeG, Sumar e Podemos).

En Galicia o BNG persegue manter nas eleccións europeas a onda de apoio que Ana Pontón acadou nas últimas eleccións ao Parlamento galego

No último mes publicáronse varias enquisas de intención de voto que, con todo, deben ser tomadas con moita prudencia, tendo en conta que aínda non están formalizadas as candidaturas e que non se anunciaron as cabezas de lista de moitas formacións. Ademais, no caso das coalicións, independentemente do resultado que acade o conxunto da candidatura, é moi importante o acordo previo para a confección das listas e o reparto de tempos de ocupación do escano, non caso de habelo. 

Neste senso, cómpre lembrar, por exemplo, que en 2019 a número 1 do BNG, Ana Miranda, figuraba en quinto lugar na candidatura de Agora Repúblicas que compartía con ERC e con EH-Bildu e que obtivo tres escanos. Este terceiro escano foi compartido de forma proporcional entre BNG e EH-Bildu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.