Trinta e tres candidaturas pugnan por facer ver as eleccións europeas do 9X

Composición do Parlamento Europeo en 2023 nunha instalación informativa da propia Eurocámara CC-BY-SA Praza Pública

A menos dun mes das relevantes eleccións europeas do 9 de xuño, a principal pugna das forzas políticas é por facer ver os propios comicios. Non en van, o ambiente electoral é practicamente nulo, quer polo protagonismo doutros procesos recentes -dende as galegas do pasado febreiro ás catalás do pasado domingo, quer polo afán dalgunhas das principais forzas políticas de ámbito estatal por situar o 9X máis en clave española que europea.

O BOE publica as candidaturas que concorren ao 9X nun ambiente electoral practicamente nulo malia á relevancia dos comicios europeos

Sexa como for, o certo é que o calendario cara ás urnas segue correndo. Dentro del, este 14 de maio o Boletín Oficial do Estado deu conta definitiva das candidaturas entre as que poderá optar o electorado. Ao contrario que noutros comicios, neste caso a circunscrición non é a provincia, senón o Estado. Polo tanto, as trinta e tres candidaturas publicadas no BOE son as que poderá elixir calquera con dereito ao voto segundo a lexislación española e comunitaria, aínda que con algúns matices.

Pleno do Parlamento Europeo durante un debate sobre o estado da Unión © UE

As forzas políticas con representación no Parlamento galego concorren ao 9X con cadansúas siglas. PP e PSOE fano sen variantes en Galicia e tamén nas demais autonomías. Os populares manteñen como principal referente galego na súa lista a Francisco Millán Mon e o PSdeG, primeira forza en Galicia nas europeas de hai cinco anos, a Nicolás González Casares.

Casares, Millán Mon e Miranda repiten como referentes de PSdeG, PP e BNG nos comicios

O BNG, pola súa banda, ten papeleta de seu en Galicia, en liña co permitido na lei electoral xeral. Tena aínda que concorra na "coalición técnica" Agora Repúblicas xunto a ERC, EH-Bildu e a formación balear Ara Més, que en cadanseus territorios tamén figurarán baixo as súas siglas e nas restantes autonomías, coa candidatura completa. O Bloque volve ter como cabeza de cartel a Ana Miranda, que desta volta se marca como principal obxectivo lograr escano para toda a lexislatura, o que requiriría que Agora Repúblicas lograse tres representntes.

Alén das tres formacións parlamentarias galegas, ao 9X tamén se presentan as outras forzas que teñen ou tiveron anteriormente representación na Cámara galega ou no Congreso polas circunscricións galegas. É o caso de Sumar, que para Galicia ten como referente a Juan Díaz Villoslada, no número 10. 

Nicolás González Casares (PSdeG), Francisco Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG), en intervencións no Parlamento Europeo CC-BY-NC-SA PSdeG | PP | BNG

Tamén Podemos opta, pola súa banda, a volver sentar no Parlamento Europeo a través da lista que encabeza a ex-ministra Irene Montero. Ciudadanos, tamén, decidiu concorrer ao 9X malia non facelo ás xerais. Dende Galicia preséntase tamén ás europeas o Partido Galego, liderado por Olga Dourado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.