"A mocidade ten unha visión deformada do franquismo e diso somos culpables hoxe, en democracia"

Serxio María Rodríguez, durante a entrevista para a serie 'Mocidade e democracia' CC-BY-NC-SA Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-eel-1cc60d8.jpg

Serxio María Rodríguez achega á serie Mocidade e democracia a súa perspectiva sobre a cultura e a participación política entre a mocidade, o fenómeno da chamada polarización ou as causas e consecuencias de realidades como a banalización da ditadura, entre outros asuntos

Existe a percepción de que unha parte relevante da mocidade vive con desencanto o momento histórico actual e que sectores da xente nova, segundo diversos estudos, se aproximan á extrema dereita como nunca antes fixeran.

Neste panorama xeral a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, ten en marcha o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria, unha iniciativa que procura fuxir de tópicos e ideas preconcibidas para rastrexar o papel da xuventude neste contexto. Quer con citas presenciais, caso do foro O papel da mocidade na crise democrática, que organiza canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro en Santiago, quer con contidos xornalísticos pausados para profundar na cuestión.

Entrevista completa con Serxio María Rodríguez na serie 'Mocidade e democracia' CC BY-NC-SA Praza.gal | Vídeo: Xarda, cooperativa galega de comunicación | Entrevista: Paula Cermeño / Pablo Vázquez

Nesta vontade encádrase a serie de entrevistas Mocidade e democracia, que conta coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. Nesta entrega o convidado é Serxio María Rodríguez, politicólogo, historiador e profesor no campus de Ourense da Universidade de Vigo.

No foro 'O papel da mocidade na crise democrática'

Malia a súa mocidade, é un experto en historia política, polo que pode ofrecernos un punto de vista teórico sobre a polarización da xuventude, mais tamén outro práctico baseado na súa experiencia como profesor universitario. Con el conversamos sobre estes fenómenos, sobre a importancia da cultura e a participación política para as mozas e mozos e a respecto de causas e consecuencias de realidades como a banalización da ditadura franquista.

Serxio María Rodríguez tamén participa no foro 'O papel da mocidade na crise democrática', que se celebra o 25 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Serxio Mª Rodríguez é tamén un dos convidados ao I Foro Praza na Ágora que, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática, se celebra o 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia, en Santiago, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública.

Concretamente, o profesor ourensán participa no coloquio que inaugura a xornada. Baixo o título A visión desde a academia, Serxio María Rodríguez intercambiará impresións con Luzía Oca e Xela Rodríguez para exploraren o que nos pode contar sobre ese "papel da mocidade na crise democrática" tanto o profesorado coma o alumnado dende campos como a antropoloxía, a socioloxía, a politicoloxía ou os estudos culturais. Este primeiro encontro da xornada está moderado por Llerena Perozo Porteiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.