Chamadas á "innovación" nas políticas de vivenda e á "desmercantilización" n'O Encontro de 'DemocraZia con Z'

'O Encontro' de 'DemocraZia con Z' na Alameda de Santiago este sábado CC-BY-SA Praza.gal

"Co turismo, cos peregrinos... Non digo que nos queiran expulsar, pero nos están expulsando de Santiago", afirmou este sábado Rita Bello, educadora social, no debate sobre vivenda que centrou as actividades de O Encontro, promovido por DemocraZia con Z, unha iniciativa impulsada en todo o Estado polo Consejo de la Juventud de España (CJE) e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, xunto a entidades xuvenís, na Alameda de Compostela.

O programa en directo, conducido por O Faiado Podcast e mais pola xornalista Maria Bouabdellah, subiu tamén ao escenario o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Andrei Quintiá, xurista especialista en dereito da vivenda e autor do libro Derecho a la vivienda y vulnerabilidad: las medidas públicas de protección frente a la emergencia social, e mais un representante do Sindicato pola Vivenda en Galicia. 

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, e a tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, visitan O Encontro CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

Andrei Quintiá salientou como o problema da vivenda é transversal e afecta de maneira moi semellante á poboación das cidades e á do rural. "Sen as necesidades básicas cubertas, o resto de dereitos vanse ver mermados", razoou o xurista, quen asegurou que "facer política de costas ao problema da vivenda non ten sentido". 

"Sen as necesidades básicas cubertas, o resto de dereitos vanse ver mermados", razoou Andrei Quintiá

N'O Encontro debateuse sobre medidas que poden incorporar as políticas públicas de vivenda, como son aquelas para conter o prezo dos alugueiros, unha regulación dos desafuizamentos e a intervención no mercado en momentos de emerxencia como o actual. Así mesmo, Quintiá apostou por atopar mecanismos para "que se deixe de perder vivenda pública constantemente". Nesta liña, puxo sobre a mesa políticas innovadoras que se están a levar a cabo noutros países europeos como son as de apoio ás cooperativas de vivenda

Dani, representante do Sindicato pola Vivenda, incidiu en que non se pode abordar o problema da vivenda dende posicións individuais porque se necesita da "presión popular" para que cheguen "medidas reais". Porén, explicou que para organizarse é preciso dispoñer do tempo, por iso instou as persoas coa posibilidade de participar dos colectivos pola vivenda a que sexan sensibles coa clase traballadora e coas persoas precarizadas, quen máis sofre as consecuencias da especulación. 

Dani, representante do Sindicato pola Vivenda, incidiu en que non se pode abordar o problema da vivenda dende posicións individuais porque se necesita da "presión popular" para que cheguen "medidas reais"

Neste momento, o Sindicato pola Vivenda asiste fundamentalmente a persoas que non son quen de atopar unha vivenda digna, persoas que ven vulnerados os seus dereitos básicos como inquilinos, persoas ás que lles rescinden o contrato da súa vivenda para dedicala ao alugueiro turístico ou persoas ás que lle soben o prezo do alugueiro de maneira "estratosférica" e teñen que marchar.

Pola súa banda, Rita Bello, que participa no colectivo Erasmus student network, describiu as dificultades que atopa a mocidade universitaria para seguir residindo en Compostela, cuestións que van desde as condicións impostas polos caseiros, a necesidade de contar con avais paternos e a propia localización das vivendas, cada vez máis lonxe das facultades. "Creo que a xente nova fai cada vez menos vida en Santiago porque non pode, entón, tamén temos menos espazos onde reunirnos. Pérdese a sociabilización, a xente séntese menos apoiada por un grupo e sen rede de seguridade", debullou. 

Cartaz d'O Encontro © CJE

"Creo que a xente nova fai cada vez menos vida en Santiago porque non pode, entón, tamén temos menos espazos onde reunirnos. Pérdese a sociabilización, a xente séntese menos apoiada por un grupo e sen rede de seguridade", debullou Rita Bello

Entre as actividades d'O Encontro tamén houbo actuacións musicais de artistas como Lubela, Chiskeiro e Fuego Lolita, así como DJ Casanova, e unha representación teatral a cargo de Alomais Teatro para que a mocidade galega experimentase a democracia desde o cotián. O peche desta celebración festiva da democracia foi a cargo de DJ Beta.

O día 25, a mocidade volve coller a palabra

O Encontro da iniciativa DemocraZia con Z celébrase nun contexto no que chegan máis citas e contidos para a reflexión sobre a mocidade galega e a súa percepción da democracia. É o caso do primeiro foro de Praza na ágora, un encontro organizado tamén en Santiago pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática. Celébrase o 25 de setembro no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, (Praza de Salvador Parga, 4). 

Este foro parte dunha realidade cada vez máis presente no debate público: a percepción de que unha parte da xente nova vive con desencanto o momento histórico actual; unha situación que diferentes estudos relacionan cun aumento da polarización e do apoio a opcións políticas extremas. 

A través de tres coloquios analiza as causas deste fenómeno e explora as oportunidades que ofrece a participación da mocidade na construción dunha democracia máis sólida e inclusiva con participantes como a antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez, o investigador Martín Salvado, a integrante da asociación empresarial CIJE Vigo Aida Estévez, Ana Baneira, voluntaria en ONG, a socióloga, politóloga e influencer Miriam J. Lastra, a xornalista e experta en comunicación dixital Marta Veiga Izaguirre e a creadora de contido Prado Rúa

O foro contará cun peche en clave musical coa actuación do grupo muradán de punk rock Lisdexia. Toda a información e máis novidades, nas vindeiras semanas en Praza e nas súas contas nas redes sociais.

O foro 'O papel da mocidade na crise democrática' celébrase o 25 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.