'Democrazia': o proceso para recuperar un consello da xuventude amosa os primeiros resultados

Participantes nun dos encontros do proxecto 'Democracia con Z', o pasado maio no Centro Xove da Almáciga (Santiago) © CJE

Santiago acolle este sábado O Encontro, un evento no que se mesturan espazos de debate, música e obradoiros e que dá visibilidade a un proxecto que nos últimos meses están a poñer en marcha asociacións xuvenís co impulso do Consejo de la Juventud de España e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade

"A mocidade non participa en política nin no debate público", é "pasiva", vive na "desafección", non amosa "interese"... A sociedade adoita fiscalizar con dureza, entre a esixencia excesiva e a condescendencia, o que a xuventude fai ou deixa de facer, un escrutinio moitas veces inxusto e que obvia moitos elementos do contexto no que viven mozos e mozas. A esas aseveracións poderíamos responder, por exemplo, que como vai participar se non ten espazos axeitados para facelo, se ninguén lles pregunta o que pensan, o que necesitan ou que propoñen.

En Galicia, por exemplo, hai 15 anos que desapareceu o Consello da Xuventude, un organismo autónomo da Xunta creado ao abeiro da Lei 2/1987 para representar as organizacións xuvenís e promover "a participación, a representación e a defensa dos intereses da mocidade". O Goberno galego suprimiuno en 2011 no marco do seu proceso de recortes, acusándoo de estar "politizado". Posteriormente creou un Consello Asesor e Consultivo da Xuventude, que nunca chegou a funcionar. Aínda o pasado ano a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, amosouse disposta a activalo, pero sinalando que as entidades xuvenís nunca demandaran a súa posta en marcha.

Cartel do encontro © CJE

O proceso que se vén levando a cabo en Galicia nos últimos meses, coa técnica Tamara Valladares, destaca que no país existe "moita mocidade activa" pero "pouca estrutura compartida". Unha das grandes reivindicacións que se puxeron enriba da mesa foi a recuperación dun Consello da Xuventude

O tecido xuvenil galego non deixou de organizarse e de traballar, pero demanda a creación de espazos para canalizar a súa actividade e de posta en común das súas problemáticas e propostas. Con este obxectivo púxose en marcha DemocraZia con Z, unha iniciativa impulsada en todo o Estado polo Consejo de la Juventud de España (CJE) e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, xunto a entidades xuvenís, para "reclamar o espazo público como un lugar de socialización democrática para a cidadanía moza" e "pór en valor o colectivo como motor para fortalecer a vida política".

O proceso iniciouse hai meses e vén avanzando de forma silandeira, con encontros locais e moita actividade en rede. Este sábado 12 vai amosar en Compostela os seus primeiros resultados, convidando a máis xente a participar. Será O Encontro, un evento que ao longo de toda a tarde ofrecerá música, obradoiros e actividades participativas e culturais para experimentar, participar e reflexionar de maneira festiva sobre o seu papel na democracia.

"Queremos que se nos escoite e que se nos teña en conta e que non se lexisle nin se fagan políticas públicas para a mocidade sen ternos en conta á mocidade", subliña Adrián Macías

"Con estes eventos queremos reivindicar a importancia de xerar espazos onde a mocidade poida participar, debater, expresarse e sentirse parte activa da democracia, desde o colectivo e desde o cotián. O Encontro quere pór ás persoas novas no centro da vida democrática e recoñecer o seu papel fundamental na defensa e ampliación dos valores democráticos, desde a pluralidade, o diálogo e a participación", afirmou Carmina Gustrán, comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. 

O proceso que se vén levando a cabo en Galicia nos últimos meses, co impulso da técnica Tamara Valladares, destaca que no país existe "moita mocidade activa" pero "pouca estrutura compartida". Unha das grandes reivindicacións que se puxeron enriba da mesa foi a recuperación dun Consello da Xuventude, como existe noutros territorios do Estado, sinalando que "un consello debería ser unha oportunidade para traballar en grupo, creando ideas beneficiosas e significativas, nunca un lugar de competición" e engadindo que "a participación xuvenil non comeza cando se nos pregunta. Comeza cando existen espazos reais para compartir".

Plano dos espazos da Alameda que acollerán as distintas actividades do encontro © CJE

“Hai moitos mozos e mozas moi participativas, pero unha gran parte non coñecen os espazos e canles que teñen dispoñibles para facelo. Outros si coñecen estes espazos pero non os ten preto, sobre todo nas zonas rurais”, apunta Beatriz Real

Adrián Macías, estudante de Educación Social na USC e vicepresidente da Asociación Galega de Simulacións Políticas, Diplomáticas e Parlamentarias, é un dos mozos que está participando no proceso dende ese meste xaneiro e destaca que a posta en marcha de espazos reais de participación en Galicia, coma o desaparecido Consello da Xuventude, foi unha das primeiras demandas que se apuntaron nos encontros dende o comezo. "Queremos que se nos escoite e que se nos teña en conta e que non se lexisle nin se fagan políticas públicas para a mocidade sen ternos en conta á mocidade", subliña.

"As entidades xuvenís que estamos formando parte deste proxecto estamos nun proceso de conformación dunha asociación de asociacións para poder reunirnos entre nós e poñer en común as nosas demandas, preocupacións e necesidades ante a inexistencia e inoperatividade de organismos que deberían facer esa función", explica Macías. "Se a administración non nos dá os medios para facelo, teremos que tomar nós a iniciativa e facelo por nós mesmos ata que consigamos que exista ese organismo lexitimado", engade.

Os a as participantes no proceso que se vén levando a cabo dende o mes de xaneiro sinalan tamén outras eivas, como a falta de conexión entre as entidades xuvenís existentes e tamén as dificultades engadidas que se atopan na zona rural, con menos oportunidades de tecer redes coas persoas e asociacións doutros concellos.

“Hai moitos mozos e mozas moi participativas, pero unha gran parte non coñecen os espazos e canles que teñen dispoñibles para facelo. Outros si coñecen estes espazos pero non os ten preto, sobre todo nas zonas rurais”, apunta neste senso Beatriz Real, outra das participantes galegas no proceso, integrada en ESN.

Programa do encontro © CJE

"O importante é reunir a nosa voz, a voz da mocidade Sucede en ocasións que moitas voces pequenas, separadas, non se escoitan. Pero unidas si que poden oírse e ter repercusión", conclúe Macías

"Este proceso serviu precisamente para que moitas entidades puidésemos coñecernos, permitiunos a todos coñecer moitas iniciativas distintas e estar en contacto, algo moi importante sobre todo para as asociacións máis pequenas", afirma Macías, que engade: "o importante é reunir a nosa voz, a voz da mocidade. Sucede en ocasións que moitas voces pequenas, separadas, non se escoitan. Pero unidas si que poden oírse e ter repercusión.

Tamén se chama a atención sobre a "desafección" política existente na mocidade, moitas veces producida por esta ausencia de canles de participación e pola falta de "espazos horizontais". Neste senso, Macías recoñece que pode haber desafección na xuventude, pero apunta que isto non só sucede entre as xeracións máis novas e destaca que, en todo caso, pode deberse á falta de "oportunidades para participar".

Beatriz Real chama finalmente a atención sobre a incomprensión que moitas veces existen entre as xeracións de máis idade cara aos mozos e mozas. Unha imaxe errónea e negativa que procede en ocasións da falta de coñecemento sobre como a xuventude pensa e derivada dun uso de vías de comunicación e redes sociais distintas.

Beatriz Real, segunda pola esquerda, nun dos encontros do proxecto 'Democracia con Z', o pasado maio © Cedida

O programa do sábado 12

O Encontro Galicia contará cun programa en directo conducido por Faiado Podcast, que serán tamén as presentadoras do evento, e por Maria Bouabdellah, no que se falará de vivenda e que contará como convidados con Andrei Quintiá e o movemento Xuntanza pola Vivenda

O Encontro Galicia contará cun programa en directo conducido por Faiado Podcast, que serán tamén as presentadoras do evento, e por Maria Bouabdellah, no que se falará de vivenda e que contará como convidados con Andrei Quintiá, investigador da Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro Dereito á vivenda e vulnerabilidade: as medidas públicas de protección fronte á emerxencia social, e o movemento Xuntanza pola Vivenda. 

O programa, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 22:30 horas na Alameda de Santiago, inclúe tamén as actuacións musicais de artistas como Lubela, Chiskeiro e Lume Lolita, así como DJ Casanova, e unha representación teatral a cargo de Alomais Teatro. O peche correrá a cargo de DJ Beta.

Adrián Macías © Ana Martínez García

O día 25, máis olladas sobre a mocidade e a democracia

O 25 de setembro o CSC Maruxa e Coralia, en Santiago, acolle o foro 'O papel da mocidade na crise democrática', organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública 

O Encontro da iniciativa DemocraZia con Z celébrase nun contexto no que chegan máis citas e contidos para a reflexión sobre a mocidade galega e a súa percepción da democracia. É o caso do primeiro foro de Praza na ágora, un encontro organizado tamén en Santiago pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática. Celébrase o 25 de setembro no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, (Praza de Salvador Parga, 4). 

Este foro parte dunha realidade cada vez máis presente no debate público: a percepción de que unha parte da xente nova vive con desencanto o momento histórico actual; unha situación que diferentes estudos relacionan cun aumento da polarización e do apoio a opcións políticas extremas. 

Participantes nun dos encontros do proxecto 'Democracia con Z', o pasado maio no Centro Xove da Almáciga (Santiago) CC-BY-NC-SA CJE

A través de tres coloquios analiza as causas deste fenómeno e explora as oportunidades que ofrece a participación da mocidade na construción dunha democracia máis sólida e inclusiva con participantes como a antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez, o investigador Martín Salvado, a integrante da asociación empresarial CIJE Vigo Aida Estévez, Ana Baneira, voluntaria en ONG, a socióloga, politóloga e influencer Miriam J. Lastra, a xornalista e experta en comunicación dixital Marta Veiga Izaguirre e a creadora de contido Prado Rúa

O foro contará cun peche en clave musical coa actuación do grupo muradán de punk rock Lisdexia. Toda a información e máis novidades, nas vindeiras semanas en Praza e nas súas contas nas redes sociais.

O foro 'O papel da mocidade na crise democrática' celébrase o 25 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.