
Xela Rodríguez, estudante de Xestión Cultural, activista e representante de alumnado na USC, analiza na serie 'Mocidade e democracia' a importancia do tecido asociativo e da contorna universitaria como vías fundamentais para espertar o interese político na xente moza
A crecente desafección política e a procura de novas canles de participación entre as xeracións máis mozas puxeron no centro do debate a relación da mocidade co sistema democrático. Ante este escenario, xorden preguntas clave: onde se constrúe hoxe o pensamento crítico e como se poden defender os ideais democráticos fóra do debate político tradicional?
Para profundar nestas cuestións sen caer en clixés, a Fundación Praza Pública desenvolve o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. A iniciativa combina contidos xornalísticos e de análise coa colaboración en citas presenciais como o foro O papel da mocidade na crise democrática, organizado canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago.
Neste marco inscríbese a serie de entrevistas Mocidade e democracia. A protagonista desta entrega é Xela Rodríguez Domínguez, estudante do Grao en Xestión Cultural na USC, activista e representante do alumnado na Comisión de Igualdade da Facultade de Humanidades de Lugo.
Na conversa, Rodríguez analiza a importancia do asociacionismo cultural e da contorna universitaria como vías fundamentais para espertar o interese político na xente nova sen necesidade de pasar por debates partidistas ríxidos, argumenta. A través da súa experiencia na representación estudantil e no activismo de base, defende que as actividades culturais, os foros e a creación de espazos de encontro permiten cultivar unha mente crítica e promover valores democráticos dende a convivencia cotiá.
Xela Rodríguez é tamén unha das convidadas ao I Foro Praza na Ágora, o 25 de setembro en Santiago. Nel participará na mesa 'A visión desde a academia' para debater sobre o papel da xuventude, a universidade e o asociacionismo na transformación democrática. No mesmo coloquio participan a activista e atropóloga Luzia Oca e mais Serxio María Rodríguez, politicólogo, historiador e profesor no campus de Ourense da Universidade de Vigo