
A conversión das redes sociais no principal espazo de información e debate para gran parte da xente nova transformou a forma en que a mocidade percibe a política e o sistema democrático. Ante a crecente polarización e a perda de confianza nas institucións, xorden preguntas clave: ata que punto as contornas dixitais están a alimentar a desafección política e a visión crítica da xuventude sobre a democracia?
Para profundar nestas cuestións sen caer en clixés, a Fundación Praza Pública desenvolve o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria. A iniciativa combina contidos xornalísticos e de análise con citas presenciais como o foro O papel da mocidade na crise democrática, organizado canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago dende as 11h30. Neste marco inscríbese a serie de entrevistas Mocidade e democracia, que conta coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade.
A protagonista desta entrega é Marta Veiga Izaguirre, xornalista, docente no Grao de Comunicación Audiovisual na USC e experta en comunicación dixital. Na conversa, Veiga aborda o impacto que as plataformas dixitais e os algoritmos teñen na formación da opinión pública entre a xente nova.
A xornalista e profesora Marta Veiga Izaguirre analiza para a serie 'Mocidade e democracia' fenómenos coma o "narcisismo de opinión" e a cancelación dos matices no debate nas redes sociais, un "microcosmos" que, resalta deixa fóra e contribúe a invisibilizar unha parte relevante das xente nova da Galicia actual
Marta Veiga analiza fenómenos como o "narcisismo de opinión" e a cancelación do matiz no debate virtual. Explica como a lóxica das redes sociais contribúe a acentuar a frustración da mocidade coa democracia liberal e a afastar aos mozos e mozas das canles tradicionais de participación política.
No transcurso da conversa a docente e xornalista debulla tamén como o "microcosmos dixital" deixa fóra e contribúe a invisibilizar unha parte relevante das mozas e mozos na Galicia actual. "Esquécenos que hai outra mocidade que vive en vilas, que non sabe nada dos locais de marcha de Santiago nin ten por que", ilustra para referirse a un "mundo rururbano" que, subliña, é "monolingüe en galego" e fica "invisibilizado na produción cultural en Galicia" e tamén nos debates desa esfera dixital.
Marta Veiga é tamén unha das convidadas ao I Foro Praza na Ágora, onde participará no 'Beef #3: Todo pasa nas redes' para debater sobre o papel da cultura dixital, a desinformación e as plataformas na crise democrática actual. Compartirá debate e reflexións coa creadora de contido Prado Rúa e coa socióloga, politóloga e influencer Miriam J. Lastra nun coloquio moderado por Luz Castro, enxeñeira informática, profesora na Universidade da Coruña e fundadora de Imaxin Software.