
O primeiro episodio da serie, que bota a andar este 30 de setembro, aborda a resistencia antifascista e libertaria e a represión sufrida nas Atochas e Monte Alto tras o golpe de Estado de 1936. No inicio de cada capítulo Prado Rúa preséntanos in situ o espazo que imos coñecer
Este mércores 30 de setembro bota a andar Falamos de Memoria, unha serie de reportaxes sonoras que percorren diferentes espazos da Coruña e da súa contorna para recuperar historias vinculadas á II República, á resistencia antifascista, á represión franquista e á memoria democrática. O podcast, producido pola Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 Anos de España en Liberdade, está formado por dez episodios que se publicarán semanalmente ao longo deste último trimestre do ano. Todos eles comezan coa creadora de contido Prado Rúa presentándonos in situ o espazo sobre o que versa o capítulo.
O primeiro capítulo está dedicado ás Atochas e Monte Alto, barrios fundamentais para comprender o peso que o anarquismo e o movemento obreiro tiveron na Coruña durante as décadas anteriores e posteriores ao golpe de Estado de 1936. O episodio afonda na rede de resistencia libertaria que funcionou na cidade tras a sublevación e na posterior represión exercida contra as persoas que formaban parte dela. Un dos elementos centrais da historia son as casas-refuxio organizadas por mulleres libertarias, que ofrecían as súas propias vivendas para agochar militantes perseguidos. A rede clandestina permitía dar refuxio non só a anarquistas, senón tamén a persoas vinculadas a outras organizacións políticas e sindicais, como comunistas ou socialistas.
Para documentar e fíar todos estes acontecementos, o episodio conta cos testemuños de Manuel Rivas, Inés Merayo, Daniel Palleiro e Dionisio Pereira. O escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas, criado nas propias rúas de Monte Alto, achega a ollada poética e narrativa sobre o "punto cero" da súa infancia preto do Cárcere Provincial, a maquinaria do medo e a capacidade das ideas para sobreviviren baixo terra. Rivas aborda a guerra civil nalgunhas das súas obras máis coñecidas, como O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal.
Meirás, A Silva, O Campo da Rata o estadio de Riazor ou a Casa Casares Quiroga, entre os espazos que percorre a serie, producida pola Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade. Todos os episodios estarán dispoñibles en Ivoox, Spotify, YouTube, Google Podcast e Apple Podcast, ademais de en Praza.gal
Pola súa banda, a investigadora do grupo SEPA da Universidade de Santiago e membro de Refuxios da Memoria, Inés Merayo, aborda o papel chave das mulleres na organización anarcosindicalista e os proxectos actuais de creación artística comunitaria coa mocidade. Completan a análise o historiador Daniel Palleiro, autor do proxecto Refuxios da Memoria e membro do Seminario de Estudos Libertarios Galegos, quen contextualiza a dimensión do movemento libertario na Coruña e a loxística das redes de acollida, e o historiador Dionisio Pereira, especializado na historia dos movementos sociais en Galicia quen analiza a fisionomía das Atochas como espazo de autodefensa e a dura traxectoria dos sobreviventes na posguerra.
A partir deste primeiro episodio, ‘Falamos de Memoria’ percorrerá outros espazos da Coruña e da súa contorna relacionados coa memoria democrática: o Pazo de Meirás, a Casa Museo Casares Quiroga, O Portiño, A Silva, o antigo cárcere provincial, o cemiterio de Santo Amaro, o Campo da Rata, a Casa Cornide e o estadio de Riazor serán os escenarios dos seguintes capítulos.
A serie abordará cuestións como o espolio franquista, o exilio, os intentos de fuxida durante a guerra, a represión e os fusilamentos, o cárcere político ou a persecución sufrida por persoas vinculadas ao movemento obreiro, á cultura e ao deporte. O proxecto quere achegar estas historias ao público a través dos lugares nos que aconteceron e das investigacións e testemuños que permiten reconstruílas.
‘Falamos de Memoria’ poderá escoitarse a partir deste mércores 30 de setembro a través das plataformas de podcast Ivoox, Spotify, YouTube, Google Podcast e Apple Podcast, en Praza.gal e nas súas contas en redes sociais. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración e o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual.