A vitoria de Meirás: dúas décadas dunha longa batalla política e cidadá

Busto de Franco en Meirás cando aínda estaba nas mans dos seus herdeiros e fragmentos dunha pancarta a prol da devolución e do resumo da sentenza elaborado polo Supremo CC-BY-NC-SA Praza.gal

A sentenza do Tribunal Supremo que confirma que o Pazo de Meirás é un ben público, pero tamén que a familia Franco terá que ser indemnizada tras gozar del durante décadas, pon punto final a unha batalla social e política de moitos anos. A piques de se facer o 90º aniversario da entrega das Torres ao ditador, a xustiza determina que o inmoble pertence ao Estado, unha resolución agardada nos últimos anos pero que semellaba unha quimera non hai tanto.

A Xustiza vén de determinar de vez que o pazo pertence ao Estado, unha resolución que semellaba unha quimera non hai tanto e que culmina unha pugna legal inexplicable sen o pulo dunha mobilización política e social que se remonta aos 80

Se cadra non na Transición, cando as esperanzas de cambio facían supoñer que a reversión ao público dos bens espoliados polo franquismo acabaría chegando tarde ou cedo. Non era tan doado logo de 40 anos de ditadura e dun relato demasiado asentado. Na Coruña e na súa comarca, movementos veciñais levaron a cabo as primeiras mobilizacións pola "devolución" do Pazo de Meirás, como a caravana de coches en marzo de 1982

Dos atrancos de 'Moncho' ao BIC co bipartito na Xunta

Xa en 1983, a iniciativa de Esquerda Galega, debateuse no Concello da Coruña unha proposta que instaba a que o Estado e a Xunta iniciasen as xestións para que os Franco devolvesen as Torres. A UCD abstívose e Coalición Democrática, na que se incluía Alianza Popular (AP), votou en contra. 

Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Rodríguez Ares, que presumía de franquista, foi alcalde de Sada case 30 anos consecutivos, aspecto clave para entender os atrancos nas reivindicacións polo Pazo

Naquela AP militaba Ramón Rodríguez Ares, Moncho, alcalde de Sada entre 1979 e 2007 (agás uns meses en 2003), figura clave para entender as dificultades que asumía a batalla por Meirás. Declarado franquista, durante a súa etapa como rexedor —primeiro por AP, despois polo PP e logo nun partido independente— defendeu abertamente a propiedade do Pazo para a familia Franco, que presumía ter como amiga. Mesmo no xuízo pola devolución insistiu en que o inmoble fora "sempre unha propiedade privada"

O cambio na alcaldía sadense foi clave. En 2003, e logo de case tres décadas de Rodríguez Ares no poder, Abel López Soto (BNG) era investido alcalde e comeza a formular a necesidade de dar pasos para a recuperación do Pazo, aínda que unha polémica moción de censura co apoio dun tránsfuga devolve o polémico ex-rexedor ao poder.

A chegada de López Soto (BNG) á alcaldía de Sada foi clave: o Concello reclamou declarar BIC o Pazo, unha demanda feita realidade en 2008 polo goberno bipartito da Xunta

Pero a vía estaba aberta. Ao tempo, en 2004, créase a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, entidade clave en toda a batalla, que recupera a reivindicación do Pazo e celebra en novembro de 2005 a primeira Marcha a Meirás, reclamando a "devolución" do inmoble, unha mobilización que se repetiría durante varios anos e á que se engadirían outras.  

Nos seguintes comicios, en 2007, o Bloque é a forza máis votada, López Soto regresa á alcaldía e o goberno local vese na "obriga de facer algo para recuperar o Pazo", como declararía o ex-rexedor. Nun primeiro paso, optou pola vía do Ben de Interese Cultural (BIC) a través da Lei de Patrimonio Cultural, aproveitando tamén a postura favorable do executivo de coalición entre PSdeG e BNG que gobernaba a Xunta. 

Mobilización pola devolución do Pazo, nunha foto cedida por Carlos Babío á revista Areal CC-BY-SA Carlos Babío

Era, indicaba daquela López Soto, un intento por "abrir simbolicamente á xente" Meirás, un primeiro paso para un obxectivo final, o da devolución, que non contou co apoio do PP de Núñez Feijóo, daquela na oposición. A petición do Concello de Sada, de verán de 2007, acabou por confirmarse nos últimos días de 2008, cando a Xunta declarou o Pazo BIC e logo de que a familia Franco negase a entrada de técnicos de Patrimonio ata que tivo que intervir o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG). 

Presumindo nas revistas, cobrando da Xunta e eloxiando o ditador

Os herdeiros do ditador dificultaron sempre as visitas ao Pazo, que eran xestionadas pola Fundación Francisco Franco facendo apoloxía da ditadura

Desde aquela, o Pazo —do que a familia Franco presumía nas revistas do corazón acotío durante as súas estadías de verán—tería que ser aberto ao público polo menos catro días ao mes e ser coidado e preservado polos propietarios, ademais de recibir autorización de Patrimonio no caso de calquera intervención.

Os herdeiros do ditador atrancaban cada ano as visitas e a oposición sinalaba a Xunta —xa con Feijóo de presidente— tras saberse da achega económica que outorgara a familia Franco para a seguridade do inmoble no marco do convenio que a eximía de abrir o Pazo cando se aloxase nel. Durante anos, facer visitas ao Pazo era misión case imposible... Xa en 2017, a polémica arredor das Torres aumentou ao coñecerse que quen xestionaba estas vistas era a Fundación Francisco Franco (FFF), agora en proceso de ilegalización e a quen a xustiza vén de negar o seu intento por detelo. 

Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo © Erik Dobaño

O informe xurídico da Deputación, impulsado pola Xunta Pro Devolución, foi clave para presentar unha demanda cuxa tese xorde da fonda investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo

A FFF, lonxe de negalo, presume de facer apoloxía franquista e de que utiliza o Pazo de Meirás para gabar "a grandeza" do ditador. Abondaba co acudir a algunha desas visitas guiadas (mesmo con eurodeputados) para comprobar que membros deste colectivo defendían a ditadura abertamente. Ao tempo, a mobilización non se detén e membros do BNG ocupan simbolicamente as Torres, unha imaxe que se tornou icónica ao pendurarse pancartas contra o franquismo nun inmoble propiedade dos Franco. 

Da pescuda clave de Babío e Pérez Lorenzo á demanda do Estado

Daquela, a Deputación, a iniciativa da vicepresidencia que ocupaba Goretti Sanmartín, decide impulsar a Xunta Pro Devolución co apoio de concellos, investigadores e asociacións memorialísticas. A iniciativa bosquexa a armazón legal que pode permitir recuperar o histórico inmoble e elabora o primeiro informe xurídico que habilita unha vía para a devolución. Un documento fundamental que propicia todo o que viría despois, mentres os Franco insistían na "provocación" que sinalaron moitas administracións e colectivos memorialísticos, mesmo poñendo á venda as Torres. 

Pero nada se explica sen a investigación que desde había anos levaban facendo Carlos Babío, actual presidente da CRMH da Coruña, e o historiador Manuel Pérez Lorenzo, que desembocou no libro, editado pola Fundación Galiza Sempre, Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio

Esta investigación, a maior sobre a fraudulenta adquisición que do inmoble fixo a familia Franco, foi a chave do proceso xudicial posterior contra os herdeiros do ditador, achegando a tese fundamental:  que a transmisión do Pazo ao xeneral fascista fíxose a través dun contrato simulado en 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado en 1938. Xa que logo, as Torres foran vendidas dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando o inmoble xa era residencia do xefe do Estado tras un acordo anterior. Ademais, debullaba a falacia das doazóns voluntarias e a violencia e represión que marcaba aquela época. 

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás por membros do BNG en 2017 CC-BY-SA BNG

A demanda do Estado inclúe un documento clave atopado na Coruña que demostra a compravenda simulada do Pazo tres anos despois de ser cedido ao ditador

Con esta documentación engadida ao informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña, que xa levaba tempo instando a Patrimonio Nacional e ao Goberno de España a que reclamasen a devolución do Pazo, coa negativa constante desde o PP, finalmente —xa co PSOE na Moncloa—, o Executivo central decide presentar a demanda. Antes, o achado dun documento clave, que levaba décadas na Coruña sen ser atopado, deu o impulso definitivo a unha reclamación que pasaba xa á vía xudicial. Demostraba o acordo “fraudulento” e a compravenda “simulada” do inmoble tres anos despois de que fose cedido ao ditador.

Ao tempo, unha comisión de expertos do Parlamento de Galicia leva a cabo tamén as súas investigacións e conclúe que a mellor opción para recuperar o Pazo é que o Estado presente unha acción reivindicatoria, a través dunha demanda civil, na que se argumente que o inmoble foi usado como espazo institucional durante máis de 30 anos e que debe formar parte da propia Administración. 

O informe da comisión de expertos do Parlamento e o desleixo do Estado en democracia permiten aos Franco optar a unha indemnización

Pero esta proposición abría a porta a indemnizar os Franco, detalle que acabou sendo a clave para que agora lles sexa recoñecida esa compensación económica. Terían usado as Torres "de boa fe". Iso, unido ao desleixo do Estado durante a etapa democrática posterior á morte de Franco, facilitou as cousas para os herdeiros do xeneral fascista. 

A maioría de administracións pulan pola recuperación do Pazo, co Concello de Sada, con Benito Portela como alcalde, teimando tamén sen descanso. As mobilizacións pedindo a devolución continúan e, finalmente, a demanda preséntase en xullo de 2019, centrada nas teses xa desenvolvidas nas citadas investigacións. Os Franco, lonxe de recuar, gábanse da súa propiedade e advirten de que o Pazo "vai seguir sendo" seu. 

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público, en xullo de 2021 © Goberno de España

Unha histórica sentenza agora ratificada no Supremo

A Xunta, que chegou a pagar 50.000 euros aos Franco polas visitas, secunda a demanda para botalos, xunto ao Estado, a Deputación e aos Concellos de Sada e da Coruña. A xustiza, en setembro de 2020 e nunha histórica sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, declara que o Pazo é propiedade do Estado e ordena aos Franco devolvelo. Un acto histórico plasma a devolución tantas veces reclamada. Meses despois, a Audiencia Provincial ratifica a propiedade pública pero ordena indemnizar a familia do ditador por permitirlle retelo durante décadas. 

Malia que o Goberno de España prefería deixar a cousa así, as críticas e a presión das entidades da memoria histórica fai que acabe recorrendo para non ter que pagar aos Franco polo Pazo de Meirás, sinalado xa como Lugar de Memoria Democrática. O Supremo, un lustro despois, confirma o último dos ditames e pon fin a unha loita de moitos anos intensificada, especialmente, nas últimas dúas décadas. Unha batalla que rematou cunha vitoria social, política e da memoria logo de que os herdeiros dun ditador mantivesen a propiedade un inmoble histórico durante 42 anos de democracia. "O Pazo é do pobo". Por fin. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.