A Xunta non lles vai seguir pagando a seguridade do Pazo de Meirás aos herdeiros de Francisco Franco ou, cando menos, di non ter intención de facelo. Isto é, cando menos, o que vén de asegurar a Consellería de Educación e Cultura que, nunha resposta parlamentaria escrita ao BNG, sinala que "non ten intención de renovar no presente ano o convenio coa familia propietaria do Pazo de Meirás polo que se regulaban as condicións para o desenvolvemento das visitas en anualidades anteriores". Que quere dicir isto?
Ao contrario do que vén dicir o departamento que dirixe Jesús Vázquez estes convenios non se limitaban a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas". Ademais disto, tres acordos entre o Goberno galego e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas. O primeiro destes convenios, asinado para poñer en marcha as visitas ás que obrigaba a declaración do pazo como Ben de Interese Cultural (BIC) que promovera o bipartito, implicou un gasto de 9.513 euros para pagar un servizo de seguridade privada aínda que, admitía daquela a propia Xunta, a Lei de Patrmonio Cultural non "obrigaba" a facer tal achega económica.
A Xunta leva gastados máis de 50.000 euros en pagarlles o servizos de seguridade aos herdeiros do ditador durante as visitas guiadas ao pazo
En pleno mes de agosto de 2011 Cultura pactaba cos Franco unha addenda ao convenio inicial que implicaba sumarlle 23.000 euros para a mesma finalidade. Como informou Praza Pública, na primavera de 2012 saía á luz un terceiro acordo, desta volta por importe de 21.200 euros, polo que a Xunta seguía asumindo os gastos derivados da seguridade e dos guías das visitas. En total, polo tanto, o gasto ascendeu a 53.713 euros que saíron do erario e non do peto dos Franco.
Eses convenios non só liberaban de custos económicos aos Franco, senón que ademais, como admitiu o Executivo por requerimento do Valedor do Pobo, implicaba un trato preferente para os descendentes do xeneral golpista. Durante este tempo a Xunta permitíalles "dispensar do cumprimento da obriga de apertura para visitas públicas, de forma puntual e excepcional" se se producían determinadas "circunstancias". Unhas desas "circunstancias" era que "a familia [Franco]" estea "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma".
Solicitude dun "calendario" de visitas
Dado que, segundo a Xunta, non haberá convenio, como garantirá o Executivo que os Franco abren o pazo, como os obriga a lei? Na mesma resposta, Cultura asegura que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural "solicitou aos propietarios deste ben a notificación do calendario de visitas previsto para este ano, ao obxecto de garantir a apertura ao público deste ben de interese cultural e o cumprimento do deber dos seus propietarios de facilitar a visita pública ao mesmo nas condicións que se determinen". Non explica, así e todo, se esas condicións estarán determinadas por un novo convenio e se nese eventual novo marco regulador desaparecerán ou non os privilexios e dispensas para "a familia".
Cultura non aclara se redactará un novo convenio nin o xeito en que garantirá que o pazo se abra ás visitas, como esixe a lei
Ao tempo, a Consellería deixa tamén no aire boa parte dos interrogantes que o BNG lle formulou na súa pregunta. Así, na correspondente iniciativa, asinada por Francisco Jorquera e Ana Pontón, salientan que "no que vai de ano 2013" o pazo "permanece pechado ao público" porque "o Goberno da Xunta non está a facer cumprir a obrigatoriedae de apertura do mesmo". Trátase, polo tanto, dun "incumprimento legal consentido" e os parlamentarios preguntan polas "razóns polas que o Goberno permite" que os Franco "incumpran a Lei de Patrimonio Cultural" e tamén polas "medidas que pensa adoptar" a Xunta "para facer cumprir a lei de maneira inmediata". Polo momento, vaise solicitar un calendario.