A Xunta renovará o convenio que exime a familia Franco de abrir o Pazo de Meirás cando se aloxe nel

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

O Valedor do Pobo remitiulle á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, en resposta a unha queixa presentada en setembro, o informe emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta sobre os custes derivados da seguridade do Pazo de Meirás durante as visitas que os propietarios do inmoble, a familia do ditador Franco, están obrigados a permitir, por tratarse dun Ben de Interese Cultural. Durante moitos meses os partidos da oposición e algúns colectivos sociais interesáronse polos custes derivados da seguridade do Pazo.

O gasto de seguridade ascende a máis de 32 mil euros, un primeiro convenio de 9.513 euros e unha addenda de 23 mil

Finalmente, sóubose que o gasto ascendía a máis de 32 mil euros, un primeiro convenio de 9.513 euros e unha addenda (coñecida grazas a que as consellerías están obrigadas a facer públicos os convenios que asinan cada cuadrimestre, en virtude da Lei de Transparencia) de 23 mil. Este convenio di textualmente que “A Xunta comprométese a asumir os custos derivados do desenvolvemento de visitas guiadas e do establecemento das condicións de seguridade axeitadas para minimizar os riscos de deterioro do inmoble, co límite total de gastos de 23.000 euros”.

Este mesmo convenio exime á familia Franco de abrir o Pazo de Meiras, cando se aloxen nel, como sucedeu o pasado mes de agosto. En concreto, o Informe remitido polo Valedor do Pobo á CRMH di: “recóllese no convenio que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá dispensar do cumprimento da obriga de apertura para visitas públicas, de forma puntual e excepcional, en atención ás circunstancias concorrentes, cando entenda que existe causa suficientemente xustificada para iso. Neste caso, atendendo o informe da empresa (de seguridade) coa proposta de suspender as visitas durante os días en que a familia estivera aloxada no pazo pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma”.

Recóllese no convenio que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá dispensar do cumprimento da obriga de apertura para visitas públicas

A situación, polo que parece, continuará neste 2012, pois o mesmo informe indica que “nestes momentos está en tramitación un convenio similar nas mesmas condicións de visita que durante o ano pasado”.

 

"A Xunta está ao servizo dos intereses da familia do ditador Franco"

En consecuencia, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denuncia que "A Xunta está ao servizo dos intereses da  familia do ditador Franco, pechando o pazo de Meiras para facilitar as súas vacacións, incumprindo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia" e conclúe: "É o colmo que a Xunta, é dicir, todos nós, teñamos que pagar a seguridade desa familia, que disfruta desde hai 74 anos dun pazo que foi mercado cuns cartos roubados ao pobo e aos concellos, coa presión e chantaxe dos fascistas".

"É o colmo que a Xunta, é dicir, todos nós, teñamos que pagar a seguridade desa familia, que disfruta desde hai 74 anos dun pazo que foi mercado cuns cartos roubados ao pobo e aos concellos, coa presión e chantaxe dos fascistas"

Hai uns meses o secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández Campa, recoñeceu no Parlamento que "non existe obriga ningunha recollida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de asumir a vixilancia por parte da Xunta das visitas aos bens de interese xeral coma o Pazo de Meirás". Porén, ante unha pregunta do PSdeG-PSOE, Fernández Campa sinalou que a Xunta considerara "axeitado" asumir os custes de seguridade para "minorar os riscos de deterioro do inmoble dada a singularidade do ben". 

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.